Finou o académico da RAG Darío Xohán Cabana, aos 69 anos de idade, con 40 obras publicadas, unha máis a piques de saír do prelo e o seu compromiso intacto coa lingua e o país galego. O home que –como el mesmo dixera– “superou dificilmente unha noite de pedra” non puido contra a doenza, un cancro. A súa familia, o mundo literario e galeguista están dende onte de loito ante a marcha dunha figura esencial na historia da literatura galega contemporánea.

Méndez Ferrín (1e), Xohán Cabana (2d) e Freixanes (1d), nunha libraría en Vigo presentando “Galván en Saor”. | // FDV

O lugar que o vira nacer, a aldea de Roás en Cospeito, na Terra Cha lucense, converteuse dende onte no epicentro da peregrinación de persoeiros da cultura que se achegaron á casa familiar para darlle o pésame á súa dona, a canguesa Amelia, e máis aos seus dous fillos: Alexandre e Breogán.

Ata alí, viaxaron na tarde de onte, entre outros, persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín, considerado un dos seus tres pais literarios –tras Manuel María e Xosé María Álvarez Blázquez–; e os tamén membros da Real Academia Galega (RAG) Xosé Luis Axeitos e Margarita Ledo.

A última hora da mañá, Axeitos recoñecía coa voz escachada sentirse “triste” polo pasamento do autor de novelas como “Galván en Saor” e “Morte de rei” ou de poemarios como “Patria do mar”.

Axeitos destacaba del que “Darío era un home de lealdades co idioma, co país, cos amigos, coa familia. Iso, para min, é unha das grandes virtudes del. Levou esa lealdade ata as últimas consecuencias”.

Para o académico, Cabana, ademais, “era o gran sonetista da literatura galega. Non o digo neste momento de fervor, senón que o considerei sempre. E tamén debemos recoñecer que foi o gran tradutor ao galego de Dante [a “Divina Comedia”, cunha primeira tradución no 1990 que levou a medalla de ouro do Concello de Florencia e outra máis recente e revisada] e de Petrarca. Iso é impagable. Puxo ao límite o galego e creou unha obra tan novidosa!”.

Sobre a súa relación con Vigo, onde morou varios anos, Axeitos lembrou que “esa etapa na cidade olívica foi moi importante na militancia política, no eido intelectual e persoal. Foi cando traballaba con Xosé María Álvarez Blázquez [na Editorial Castrelos, nun local en Pi y Margall]. Lembro terlle escoitado que coñecera no barco de pasaxe entre Vigo e Cangas a Amelia, a súa compañeira e á quen lle dedicou a segunda tradución de a ‘Divina Comedia’ con ‘todas as cousas grandes quero que leven o nome de Amelia’”.

Axeitos recoñecía tamén que Méndez Ferrín –que profesaba unha grande amizade con Cabana– “está moi triste, moi afectado e preocupado”. Este diario intentou contactar onte co escritor vigués pero non foi posible conversar con el. De feito, foi Ferrín quen lle deu resposta ao seu discurso de ingreso na RAG o 22 de abril de 2006 titulado “De Manuel María a Ferrín: a grande xeración”.

Nel, Cabana confesaba: “Non hai nin pode haber honra maior para un escritor galego cá de ser admitido nesta corporación onde Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Manuel Murguía (...) centraron parte dos seus soños”. Ese soño de entrar na Academia estaba, non obstante, empanado pola dor: ocuparía a cadeira deixada polo seu mestre e padriño literario máis de voda, Manuel María.

Pola súa parte, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, expresaba –a través dun comunicado– que “Darío Xohán Cabana é un clásico vivo, a súa capacidade de transmitir emoción a través da lingua e do verso era extraordinaria”.

A académica Margarita Ledo tamén se pronunciou referíndose á perda de Darío Xohán Cabana como “un trauma. Desde moi novos, somos da mesma xeración, recorremos camiños paralelos e, ás veces, mesmo entrecruzándose. Tivemos a fortuna inmensa de empezar baixo a sombra protectora de Manuel María”.

Para Ledo, “os momentos de gracia están en moitas obras de Darío. É un agasallo que no fai e que nos deixa”. Asemade, tamén destacou que “nel sempre estaba presente o rastro do real histórico e vivencial. O seu universo é Galicia e esta concrétase en Roás, na súa familia e no seu pai que ten que emigrar e do que se resente el. Dende moi cedo, comezamos a militar xuntos”, en alusión á súa pertenza á Unión do Povo Galego (UPG).

Quen opinou para FARO sobre a figura de Darío Xohán Cabana foi o o académico e escritor Manuel Rivas. “Non era unha persoa banal, nin superficial. Era moi cordial mesmo coa xente que pensaba diferente a el. Era un grande escritor, cidadán e patriota”, do que destacou que vivía como propia as feridas da lingua, que baseou o coñecemento na autoaprendizaxe e que traballou arreo espallando polas feiras a venda dos libros en galego durante tempo. “Deixa unha herdanza impagable”, sinalou.

Por último, dende Xerais –Darío é o único autor que gañou dúas veces o Premio Xerais de novela–, o director, Fran Alonso, lembraba onte que o vindeiro ano sairá de xeito póstumo un libro no que andaba a traballar, un ensaio sobre lingua e tradución. “Vai ser o seu testamento literario. É a mellor forma de facerlle unha homenaxe”, sinalou para engadir que “Galván en Saor” –novela sobre Galicia e o mundo artúrico– é unha das obras máis vendidas, xa que vai pola edición número 23.