O vindeiro 14 de setembro remata o prazo para presentar traballos para a XL edición do Premio de novela “Blanco-Amor”, que organizan a Deputación de Ourense e a Fundación “Blanco-Amor”. O galardón, dotado con 15.000 euros, o máis veterano da novelística en lingua galega, cumpre 40 anos de existencia ininterrompida.

Poderán participar no premio as persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e na normativa vixente. As obras deberán ser inéditas, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas. Irán acompañadas dun sobre pechado coa correspondente plica e serán enviadas por correo postal a: “XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor”. Deputación de Ourense (rúa do Progreso, 32. 32003-Ourense). No interior irán: A obra baixo lema, en dous formatos (un exemplar en papel e outro nunha memoria USB cun único arquivo en pdf), e un sobre pechado no que figurará o lema da obra presentada (no seu interior, nome e apelidos do autor, fotocopia do DNI, datos de contacto e título definitivo da obra.

A concesión do premio obriga á publicación da novela por parte dunha editorial que libremente escolla a persoa gañadora.