Hoxe celebrouse a segunda xornada do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, en Redondela. No programa deste sábado, 24 de xullo, a edición Esencial do festival contou coas actuacións ao vivo de mariagrep, Tarta Relena, Siricaia, Akazie e Whales. Tanxugueiras, previstas no cartel deste sábado, tiveron que cancelar a súa actuación por un positivo de covid-19 no seu equipo. No seu lugar, a troupe portuguesa Whales, cun directo incandescente e frenético, sumouse a este Sinsal Esencial, que esta noite, ás 00.00 horas, emite un concerto dunha das artistas desde o escenario virtual, accesible desde o Twitch e Instagram de Liveforevr. 

Pola mañá, no marco das actividades paralelas do festival, tivo lugar un paseo en catamarán pola enseada de San Simón para 60 persoas acompañado dun concerto semiacústico de Marco Maril. O artista (Apenino, Dar ful ful) foi o encargado de presentar, por vez primeira ante o público, o seu novo traballo, 15.11.18. Os asistentes tiveron, ademais, a oportunidade de coñecer de primeira man, nunha ruta marítima dunha hora e media de duración, a memoria da illa e a historia do seu patrimonio.

Na sesión de tarde, na illa sucedéronse os concertos de mariagrep, diva galega do bedroom pop electrónico, cun repertorio que se moveu entre a electrónica, o r&b, o neo-soul e un indie pop absolutamente confesional e xeracional; o mix de folclore e experimentación de Tarta Relena, que explorou as infinitas posibilidades da voz a ritmo de folk tronado e canto gregoriano progresivo; o dúo Siricaia e a súa viaxe de volta ás raíces, a bordo de sonoridades contemporáneas e electrónicas, que van dos ritmos tradicionais portugueses ao swing, a través de percusións e guitarras eléctricas; e Whales, que demostraron que o seu celebrado son é o nexo perfecto entre o rock e a electrónica. A xornada musical completouse cunha sesión ao vivo da DJ galega Akazie.

San Simón tamén acolleu a segunda sesión das xornadas Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climatico, nesta ocasión nomeada Cultura e cooperación para o desenvolvemento rural coa participación de Risogimarche (Italia) e Anceu Colivig (Galicia), nunha mesa moderada por Fran Quiroga.