Con motivo do 25º aniversario do falecemento de José Otero Abeledo, Laxeiro, o Concello de Lalín desenvolveu onte unha serie de actos para conmemorar a súa figura. As principais actividades tiveron lugar primeiramente no Museo Ramón Mª Aller, onde se inaugurou unha mostra composta por unha selección de obras que o pintor universal doou ao goberno local. Tamén se presentaron Os Cabezudos de Laxeiro, figuras realizadas por Luchi Iglesias, e interviron dous artistas amigos do pintor, Paco Pestana e Antón Lamazares. Posteriormente, as autoridades, familiares e demais presentes trasladáronse ata o cemiterio da Romea, lugar onde está soterrado o artista, para continuar coa súa homenaxe. En nome da familia e como director xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero agradecía o permanente recordo do seu avó. Opresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manul Quintana Martelo, expresaba a súa satisfacción por nomear a Laxeiro como artista a homenaxear no Día das Artes Galegas 2022. .Interviron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incitando a organizar un programa de actividades consesuado para remar nunha mesma dirección; e Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento.