A Casa Museo de Rosalía de Castro cumpre 50 anos e faino preparándose para novas obras. As vindeiras, grazas ao apoio da Xunta serán destinadas para mellorar o auditorio nos vindeiros dous anos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asinaron onte un convenio de colaboración para a rehabilitación do devandito auditorio da casa da escritora cun investimento de 100.000 euros.

Dáse continuidade ao compromiso iniciado pola Administración autonómica nos últimos anos para acondicionar este histórico inmoble con apoios que se aproximan aos 300.000 euros, segundo destaca a administración galega nunha nota.

Ademais, na tarde de onte tivo lugar o acto institucional do 50 aniversario da Casa de Rosalía no que se lembrou o mesmo 15 de xullo de 1971 cando se inaugurou nun acto histórico esta Casa.

Foto da inauguración da Casa Museo no ano 1971. Xosé Castro

Ese fito só foi posible coa colaboración de todas: “Celebramos que xurdira un movemento popular, por riba, por debaixo e por dentro do réxime franquista, arredor da recuperación e a dignificación da Casa de Rosalía. Os concellos, as asociacións culturais, as organizacións profesionais, os xornais, os clubs, as federacións, as unións, os círculos, os centos de centros galegos da diáspora, a multitude diversa de xeito individual, ás veces anónima ou con alcume, coma o pobo traballador do Padre Sarmiento... En 1971 aquela era a nación. E iso é o que celebramos tamén 50 anos despois”, sinalou Angueira.

Imagen del acto celebrado ayer en la casa de Padrón de la escritora. Casa Museo

O comisario Pepe Barro que disertou sobre os “Cincuenta anos da Casa de Rosalía” e entregóuselle a Rosa de Galicia póstuma a Xosé Ramón Barreiro, cunha laudatio de Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, houbo un recital con Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui Teixeira, Tere Irastortza e Luz Pichel.