Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pandemia tira do galego nas plataformas dixitais

Foto dun vídeo en Tik Tok de DígochoEu con Esther Estévez

Foto dun vídeo en Tik Tok de DígochoEu con Esther Estévez M. M.

Unha das canles máis exitosas do Tik Tok en galego é o “Dígocho eu”, o espazo da CRTVG para aclarar dúbidas lingüísticas. Nestes momentos, ronda os 113.000 seguidores. Hai pouco probaban no Twitch cun rápido crecemento de siareiros. Aos poucos días de darse de alta na rede social, xa superaban os 1.000. Outro fenómeno vén cos podcasts agrupados en Podgalego que xa pasan dos 120, cun crecemento do 40¨% no último ano. Diversos expertos e expertas no eido louvan a mellora da calidade respecto a anos anteriores e mesmo cren que “está de moda” subir contidos en galego ás plataformas dixitais.

De non ser pola pandemia, se cadra o espazo da CRTVG #DígochoEu non alcanzaría o éxito que ten agora. “Influíu moitísimo. Cando levabamos dous meses traballando, mandáronnos para casa polo confinamento. Propuxeron que eu seguira gravando e foi aí cando empezou a velo a xente, cando empezaron a falar del e a empregalo nos colexios, o que é unha marabilla. Moitos centros nos fixeron saber que o empregaban como tarefas para a casa: os nenos tiñan que ver os vídeos ou mesmo facelos”, lembra Esther Estévez, xornalista e presentadora do programa que se pode ver en crtvg.gal, g24.gal, nas contas de g24 noticias de Instagram, Twitter e Facebook, ademais do YouTube, Tik Tok e Twitch.

Nunha entrevista a FARO, Estévez confesa que “non imaxinabamos que ía chegar ao que é hoxe. A filosofía do DígochoEu é estar onde está a xente nova. A principios do outono do ano 2000 decidimos empezar no Tik Tok –onde apenas había contido en galego– que era onde estaba a xuventude. Agora lanzámonos á piscina do Twitch (twitch.tv/crtvg). É difícil comezar nun sitio novo pero está todo respondendo bastante ben”.

Para Estévez –que de rapaza na súa vila natal de Verín non soñaba con ser xornalista pero si con escribir– “non temos o programa en varias redes por modernizarse senón por que o galego ten que estar onde está a xente”.

“Non temos o programa en varias redes por modernizarse senón por que o galego ten que estar onde está a xente”

decoration

A idea de probar no Tik Tok foi do seu xefe, Carlos Amado, sen que Esther tivese moi claro se debían: “Eu cría que polo feito de ensinar galego nunha rede tan inmensa non se ían fixar en nós. Pero o Tik Tok abriume moito os ollos. Dá igual a lingua que uses se ao final o que fas é creativo, chama a atención e podes botar unhas risas”.

Esther Estévez foi unha das participantes nunha recente xornada do Consello da Cultura onde se analizou a presenza dixital da lingua galega. Baixo o nome de “Novas plataformas de comunicación. O galego vive nas redes”, participaron tamén o xornalista Carlos Pereiro (creador da única revista en galego sobre videoxogos, “Morcego”); o impulsor da Comunidade Twitch en galego ademais de tuiteiro Agos Reigosa; o blogueiro e tuiteiro Jon Amil e María Sabarís, do podcast @foradomapa.

Precisamente, Sabarís indicaba na xornada –disponible en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201142– que era “importante para a xente nova ver que en galego se fan contidos normais que se ven noutras linguas; teñen que ver que é cool (guai) facer contido en galegos nas redes”.

No caso dos podcasts, o último ano foi o escenario do estoupido. Se se toma como referencia a plataforma Podgalego 4.0 que reúne agora mesmo 121, María Sabarís explicou no foro que “os de Podgalego contaron que nos últimos dous anos apareceron o 90% dos podcasts que están en activo; e este ano levan 48 máis”, o que supón un incremento do 40%.

No caso de @forademapa, dedicado ás minorías en Europa, a xornalista María Sabarís –con base en Londres dende onde emite en galego en colaboración cun galego radicado en Bruxelas– recoñece que “sen pandemia probablemente non teriamos creado podcasts. Eu non podía traballar pero tiña necesidade de crear. Foi cando naceu a idea de crear @forademapa, daquela, non había moito contido en galego”.

Sabarís louva o traballo que fan Uxío Broullón e Isaac González en Podgalego 4.0 ao axudar e dar recursos ás persoas que queren crear podcasts (falangullos) en galego. Para ela “hai moita iniciativa inda que haxa moitos proxectos que queden en nada. Non obstante, hai moita xente traballando para que si sexa unha moda crear contidos en galego nas plataformas”.

No Twitch, tamén está a haber un despunte na lingua de noso con moita axuda a través da canle Twitch en galego onde tamén dan consellos, informacións e mesmo pequenos cursos para mellorar a calidade das transmisións.

Na xornada do Consello da Cultura, pódese oír a Carlos Pereiro apuntando que “no último ano multiplicouse por catro a xente que ve Twich en galego. E, polo que detectamos, todas as transmisións en galego gozan de máis de dez persoas”. Para entender esa cifra, hai que ter en conta os datos de Kilian Arjona no seu Twitter indicando que o 75% das canles que traballan (cinco días á semana, oito horas diarias) no Twitch emitindo contidos en español contan con menos de seis espectadores de media ao mes.

No YouTube, Jon Amil (@AmilGZ) sinala que na pandemia “saíron moitas canles que seguen activas hoxe en día e non teñen traza de que vaian cerrar. Temos o caso especial da youtubeira Prado Rúa que agora pasou ao Tik Tok”. Para Amil, “o galego o que encontra nas redes é continuar vivo e en internet atopa o reforzo da lusofonía. Non se trata de achegarse só á xente que é militante da lingua, así non normalizamos o galego. Trátase de facer contidos atractivos para a xente que fala galego e para quen non o fala”. 

Micromecenado para amosar o xeito particular de falar galego 

O uso que se fai do galego nas redes sociais é unha das liñas que o proxecto “Lingua viva” ten previsto incluír na plataforma que en breve porá en marcha o Instituto da Lingua Galega (ILG) co nome de Lingua Viva.

Para inicialo, está a recibir aportacións económicas (desde un euro) a través do programa de micromecenado Sumo Valor da Universidade de Santiago de Compostela.

A profesora Elisa Fernández é a que capitanea a iniciativa. Explica que “a lingua nas redes sociais ten un interese en si mesmo porque borran a fronteira entre o oral e o escrito e iso interesa aos lingüistas”.

Non obstante, Lingua Viva tamén se fixará no emprego do galego fóra de internet. “A idea é artellalo todo a través dunha páxina web, na que habería diversos modos de participar. Un deles podería ser proporcionar algún tipo de gravación ou vídeo sobre unha palabra ou unha expresión. Tamén se podería responder a enquisas coa idea de que a xente poida proporcionar información lingüística explicando o significado dalgunha cousa...”.

O nome da plataforma é toda unha declaración de intencións. “Chamámoslle Lingua Viva –explica– porque é a que falamos todos, a lingua non ten dono. A idea non é recoller un galego puro nin correcto nin perfecto, senón ver o galego vivo e real”.

Un exemplo sería recoller expresións para superar a pandemia e ver cales son as máis empregadas polos maiores ou olos novos.

“Detrás do DígochoEu hai moito traballo pero moi poucos medios”

Esther Estévez - DígochoEu

decoration

Esther Estévez TVG / FDV

-O “DígochoEu” parece un espazo doado de facer, pero detrás imaxino que hai moito traballo.

-Hai moito traballo detrás, si, pero moi poucos medios. Como naceu para redes, o material é un móbil e un micro, non se grava con equipo de televisión. O equipo somos tres persoas: eu e Carlos Amado (o director do programa) máis Rocío Pérez, a nosa lingüista quen é fundamental, porque sen ela non somos nada. Facer un vídeo dun minuto non che leva nin un nin dous nin tres. Débeo saber a xente.

-Como se preparan os vídeos? Elixes ti a palabra ou expresión?

 -Nós temos unha lista de palabras, temos que escoller unha, para que Rocío nos dea unha explicación e entre Carlos máis eu facemos un guion. Case guioniza máis el porque eu dedícome a editar, gravar. O guion é revisado por Rocío e se está ok, gravo eu, case sempre soa. Edítoo e sae ao aire. No Twitch é diferente porque é en directo.

-Inda que nacera para as redes chega a emitirse no telexornal ou tras el, toda unha condecoración.

-Si, naceu para a web, ao principio saía na web e nas redes. Empezou a funcionar e empezou a emitilo ao final do telexornal, (pero non vai sempre, depende de que se cumpra a escaleta) e a maiores no TikTok e Twitch.

 -Vostede estudou Xornalismo en Compostela, sempre foi a súa arela?

-Admiro a xente que tivo a ilusión de pequena de ser xornalista e estudouno. Eu de pequena non sentía iso. Non tiña claro que estudar. No bacharelato escollino porque sempre me gustou moito escribir e entre as opcións que había vin que xornalismo era o que máis se parecía aos meus gustos. A raíz de facer prácticas na carreira, vin que quería facer iso si ou si. O que me gusta é que está en constante cambio.

-E segue a escribir?

-Fai anos escribía bastante pero funo deixando, síntome fatal porque era unha vía de escape para min. Quero intentar retomalo.

Compartir el artículo

stats