A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decidiu, por aclamación, homenaxear ao longo de 2022 e en especial o Día das Artes Galegas, 1 de abril, a José Otero Abeledo “Laxeiro” (Lalín, 1908 - Vigo, 21 de xullo de 1996), informou a institución. A proposta subscrita por académicos e varios colectivos culturais de Galicia foi aprobada onte en sesión ordinaria no salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña.

A iniciativa desta celebración na xornada de cada 1 de abril, naceu da RAGBA no ano 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelana, segundo consta nos mesmos. Na pasada edición do ano 2020-21 a figura homenaxeada foi o arquitecto barroco Domingo de Andrade. “Motivo neste caso para a afondar e difundir a figura de Laxeiro, decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo”, indica a RAGBA.

Nesta mesma sesión, tras a votación regulamentaria, o plenario acordou conceder a Jesús Núñez Fernández (Betanzos, A Coruña, 1927), pintor, escultor e gravador, o título de académico de Honra da Corporación.

Núñez estudou gravado na Escuela de Bellas Artes de San Fernando e na Escuela Nacional de Artes Gráficas, en Madrid, ampliando seguidamente os seus estudos en Berlín e París.

A súa obra abarca practicamente todas as técnicas do gravado, así como a pintura, a escultura, o deseño téxtil e de xoias, e mesmo o deseño de mobiliario, encontrándose representado nos principais museos nacionais de arte contemporánea.