A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Sara Vila Alonso pola novela “Oito días sen Eva Cortes”, informou Editorial Galaxia.⁣

O xurado, composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero –xornalista de FARO– e Malores Villanueva destacou a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio: “A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade”.

A autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal, destaca a editorial Galaxia.