“Sei que é algo que lle molesta a moita xente pero debería haber cotas (de xénero) nos eventos públicos. Nos privados, non, porque cos teus cartos ti podes contratar a quen queiras; pero cando hai diñeiro público, si tería que haber cotas. E isto non é cortar as ás a ninguén porque agora nolas están cortando a nós”, en referencia á desigual presenza de mulleres en festivais e outros eventos musicais na comunidade. Esta foi unha das demandas que expuxo a cantante e compositora viguesa Wöyza no Club FARO de onte.

Baixo o título “Descúbreas. A música en feminino que racha cos teitos de cristal” participaron ademais de Wöyza; a coordinadora de contidos do proxecto Descúbreas Olalla Dopico e a manager máis produtora Patricia Hermida, presentadas as tres por Carmela Silva.

Y Wöyza cantó en el Club FARO

Y Wöyza cantó en el Club FARO FDV / R. G.

Esta última, presidenta da Deputación de Pontevedra, sinalou que “Descúbreas” é un “proxecto imprescindible porque na música, ao igual que noutros medios da sociedade as mulleres están infrarrepresentadas e teñen moi serias dificultades para construír unha carreira musical”.

Para reafirmar esta opinión, facilitou datos. Silva explicou que só o 14% das discográficas independentes teñen mulleres nos postos directivos mentres que nas multinacionais Warner, Sony ou Universal non teñen mulleres na súa presidencia.

Engadiu que as mulleres só representan o 16% dos artistas en España; o 12% da xente compositora e o 3% das persoas que producen música. En temas de salario, a situación tampouco se arranxa. O 65% das mulleres que traballa neste sector ten estado sen contrato ou remuneración durante alomenos un ano.

Dende a Deputación buscan axudar a virar esta situación. Por iso, puxeron en marcha descubreas.com, unha plataforma cun directorio de mulleres que traballan na música para facilitar a programadores e produtores o incluílas nos seus proxectos. Ofrece tamén obradoiros de formación (crear música a través de ferramentas dixitais como o programa Pro Tools), entre outros recursos como o mentoring: o acompañamento e axuda técnica a varias artistas para que comecen a desenvolver a súa carreira.

Para Olalla Dopico, coordinadora de contidos de Descúbreas, é vital amosar o que fan as mulleres. “os referentes son cercanos, non temos que ir á outra punto do mundo buscalas”.

Pola súa parte, a manager e produtora Patricia Hermida relatou o difícil que lle foi de mozoula enfrontarse aos estereotipos por tocar nunha banda de mulleres que optou por non asinar un contrato con Universal porque non tragaban as condicións propostas e porque pensaban en como recibirían seus pais que optaran pola carreira musical.

Hermida decidiu pasarse á parte máis organizativa e técnica da música. “Na parte de atrás foi aínda más complexo. Os traballos reservados para as mulleres ían encamiñados ao coidado dos artistas”, explicou unha persoa que quería ir máis alá desas tarefas. “É moi complicado romper esa brecha”,engadiu para subliñar que “o talento non é unha cuestión de xénero”.

Pola súa parte, Wöyza tamén detallou os seus duros comezos: “Eu tiña 18 anos cando empecei na escena do rap. Non sabía facer nada. Todos os meus compañeiros eran homes. Tiña que elixir entre ser, digamos, exhibicionista ou moi masculina. Optei por isto. Eu era unha máis. O significado diso era perigoso, é renunciar ao que eu son de verdade. Non chegaba a entender porque o feminismo é un estado. Eu non era a persoa que hoxe son. Para conseguilo, tiven que pasar unha depresión. Vivía con incongruencias. Ao chegar aos 30 empecei a ir soa. Quería dirixir eu a miña carreira. A xente comezou a falar mal de min, dicían que estaba tola. As mulleres na música non só somos voces, tamén facemos traballo intelectual”.

Tres referentes no eido da música galega e da información musical

Wöyza –que actúa no Terraceo do Auditorio de Vigo o día 3 de xullo– é un dos referentes femininos do hip hop galego chegando a tocar con artistas como Nach (o domingo nas súas redes sociais presenta novo tema con el) pero tamén alén do seu estilo de música: Bomba Estéreo, Carlos Núñez, Pablo Nóvoa ou poñendo voces en discos de Iván Ferreiro. O seu primeiro disco editouno no ano 2008, “Pisando el suelo que ves”; para seguirlle “Pelea” no 2016 e distintos maxis e singles. Para finais de ano, agarda sacar novo álbum. Durante varios anos, dirixiu o coro “V-Negro Son”. Pola súa parte, Patricia Hermida é manager e produtora musical. Hai dous anos comezou a copresidir o International Music Managers Forum e un pouco antes fundadora Mujeres de la Industria Musical (MIM) para traballar a prol da igualdade entre homes e mulleres no eido da música. Por último, Olalla Dopico resalta polo seu traballo en descubreas.com, web da Deputación de Pontevedra que vai informando das novidades musicais protagonizadas por mulleres.