María Marco Covelo (Vigo, 1979) é a gañadora do Premio Xerais de Novela 2020. Onte no Club FARO presentou a obra vencedora, “Coidadora”, unha autoficción –con pasaxes reais e outros ficcionados– nos que expón os seus anos ao coidado da súa nai, doente dunha enfermidade incurable e dexenerativa. Ao igual ca nun capítulo do libro, citou na charla a presenza de túneles na urbe: “A cidade de Vigo ten moitos sitios subterráneos inexplorados”.

María Marco Covelo: “A cidade de Vigo te moitos sitios subterráneos inexplorados”

María Marco Covelo: “A cidade de Vigo te moitos sitios subterráneos inexplorados” mar mato

Na conferencia, falou dos túneles do Castro e da ETEA, na Guía, pero tamén do tapiado no centro urbano entre a Porta do Sol e a Alameda, no calexón de Os Caños –e do que dá detalle a web vigopedia.com– que tería unha das saídas á altura dos azulexos que ofrecen a publicidade dos licores Pedro Domecq (recuperados hai unos anos e que volven esmorecer polo paso do tempo e a humidade).

Ese túnel d´Os Caños tería a entrada, agora tapiada, na rúa homónima, onde se atopa o restaurante Xantana. Escribe María Marco que se miras desde as terrazas deste calexón “parece que hai unha igrexa. En realidade a rúa subterránea foi pechada cun trampantolo: tapiada ou pintada coma se fose a fachada dunha igrexa romámtica do Camiño de Santiago. (...) Enriba unha imitación dun rosetón impresa en vinilo adhesivo co lema ‘Ora pro nobis’ en letras cursivas”.

Na novela, cítase tamén un túnel abandonado en Rosalía de Castro polo que na antigüedade circulaban trens de mercadorías, denominados os trens do peixe.

A importancia do túnel, do subterráneo, na novela é vital porque é o espazo metafórico ao que chega a protagonista tras coñecer a doenza da súa nai e que non había volta atrás. Supoñen a baixada aos infernos, con chiscadela a Dante. “Cando estás mal tes a sensación de que caes abaixo, ao mundo subterráneo”, indicou onte María Marco que foi presentada no Club FARO por Fran Alonso, director de Xerais.

“Estou tan afundida que rozo o núcleo da Terra. Sinto a calor asfixiante acompañando o peso do meu corpo en caída libre. Levo sete anos descendendo a gran velocidade”, escribe na novela a modo de comezo vertixinoso e inusual do capítulo “Iniciación á espeleoloxía”.

Explica tamén na novela que nalgúns pobos como o esquimó, pola necesidade de superviviencia, obrigaban ao abandono –e polo tanto á morte segura– ás persoas con discapacidade, mesmo aos anciáns dependentes. Algúns destes optaban por afastarse do grupo e morrer sós sobre aneve. Fronte a iso, Marco cita o exemplo da antiga China onde “golpear ou ferir un maior era considerado un grave delito castigado coa morte”.

A trama transcorre no noso presente pero tamén no ano 2050. Marco pediu na conferencia que se reflexionara sobre o problema que poderá supór en Galicia nesa data a elevada cifra de persoas dependentes e se haberá suficientes recursos para atendelas.

Coidado e amor

Tamén falou sobre a perspectiva de xénero que se deita sobre os coidados. “O coidado é un tema da humanidade, non só do feminismo. É un erro garrafal reducilo ao discurso feminista”, opinou.

Na súa novela, hai un momento no que a coidadora protagonista di aos lectores: “Sei que non son a única. Hai moitas, moitas coma min. Exércitos despregados no subsolo, traballlando invisibles baixo o manto. Cruzamos fugaces sorrisos cómplices na sala de espera do centro de saúde”.

Tamén apunta: “Imaxino todo o que ese exército de coidadoras sacrifica” para rematar: “Non podemos amar sen coidar e non podemos coidar sen amar”.

Na recta final da súa conferencia, destacou a importancia da escrita para ela durante os anos nos que coidou á súa nai para subliñar que no seu caso “foi moi liberadora”, polo que convidaba a todo o mundo a escribir.

Un camiño desde Serralves ao CGAC de Santiago pasando polo Xerais e Belas Artes

María Marco naceu en Vigo no ano 1979. Licenciada en Humanidades e doutora sobresaínte cum laude en Belas Artes pola Universidade de Vigo cunha tese sobre o retorno da textualidade na práctica artística contemporánea. No 2019, recibiu o II Premio de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea @CGACSantiago con “Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea”. Un ano despois, gañaba o premio Xerais de Novela con “Coidadora”, que onte presentou no Club FARO. No 2016, fíxose co premio de comisariado do Máster de Arte da USC por “Políptico”. Marco fundou no 2012 a revista www.pletora. es. Trátase dun proxecto editorial en internet especializado en arte contemporánea e dende o 2014 colabora no suplemento “El Cultural” de El Mundo na área de arte contemporánea en Galicia. Tamén colabora de xeito habitual con DotMagazine ou Tempos Novos. Cunha bolsa traballou en DARDO para catalogar a Colección de Pintura Contemporánea Internacional da Fundación Barrié. Ademais, ten realizado proxectos coa Fundación Serralves, en Oporto; a LABoral de Xixón; a Cidade da Cultura en Compostela; ademais de con concellos como Vigo ou Santiago.