Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O fenómeno do intercambio de autores e residencias literarias afiánzase na Galicia

A literatura galega busca promoción coas residencias Xacobeo e Cidade da Cultura, o novo intercambio literario con Xeorxia e as xornadas de tradución de San Simón

Kathleen March, no piso 
da Residencia 1863, en 
A Coruña, onde pasou un
 mes a traballar.  |  // VÍCTOR ECHAVE

Kathleen March, no piso da Residencia 1863, en A Coruña, onde pasou un mes a traballar. | // VÍCTOR ECHAVE

A dúas horas de New York, no condado de Columbia, érguese Art Omi, un espazo con residencias literarias, artísticas ou musicais. Dende 1992, ten acollido a máis de 2.000 artistas e escritores dun cento de países para sacar adiante alí proxectos durante una semana ou dous meses durante os que reciben aloxamento, comida, transporte local e programación cultural costeados pola organización. É un dos moitos exemplos de residencias literarias do mundo que buscan facilitar aos autores e autoras un espazo e un tempo para desenvolver as súas obras. Galicia ten tomado nota dese espírito e agora xa acumula varios exemplos aquí de residencias e intercambios literarios e de tradución que, entre outros fins, buscan promocionar a literatura galega no exterior.

A Writers´House of Georgia. | // AGENDA.GE

A iniciativa decana en activo –dende o 2012– é o Obradoiro Internacional de Tradución “Con barqueiro e remador” na Illa de San Simón que convida cada ano a varios poetas do mundo. Recentemente, sumóuselle o proxecto Residencia Literaria 1863 en A Coruña que se irmandou este ano coa Residencia Xacobeo. Ademais, neste 2021, naceu a residencia literaria Cidade da Cultura así como o programa de intercambio literario con Xeorxia.

No caso de Residencia Xacobeo 21-22 –promovida pola poeta Yolanda Castaño, co apoio da Consellería de Cultura– a primeira beneficiaria foi a profesora norteamericana Kathleen March, unha das principais divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos.

A autora, cuxa residencia en Galicia acaba mañá, está a piques de facer a maleta rumbo a USA. Nela, leva a súa tradución ao inglés de dúas obras en galego de Marica Campo e Emma Pedreira. Nada máis chegar, comezará a buscar editorial para o traballo ademais de promover o coñecemento destes e outros libros en clubes de lectura, publicacións e outras frontes. Isto, seguramente, non sería posible se non fose porque durante un mes se beneficiou do programa Residencia Xacobeo 21-22.

Nese tempo, estivo a traballar na tradución das devanditas obras e a enchouparse do mundo cultural e literario cunha bolsa que consistiu en cubrirlle a estadía na Residencia Literaria 1863, nun piso dun edificio do século XIX na Coruña, iniciativa promovida pola poeta Yolanda Castaño.

Kathleen March explicaba o venres pasado a este diario que non podía “estar máis contenta. É unha boa experiencia, aprendín cousas novas e recunquei noutras”, xa que March ten visitado Galicia dende os anos 60. Precisamente, o seu primeiro artigo en galego saíu en “Grial” no ano 1969, sobre Manuel Antonio, época na que facía entradas para a Enciclopedia Galega convidada por Xosé Ramón Fandiño.

March recoñeceu que non é doado para as obras en linguas minorizadas penetrar no mercado literario norteamericano. De aí, a importancia destes intercambios e convites que poden axudar “a reforzar a proxección exterior da literatura galega”, como sinala Cultura.

March explica que en Estados Unidos hai diferentes públicos. Por un lado, estaría o académico nutrido por xente do ensino, das universidades; e por outro estaría a audiencia en xeral. “Agora, interésame a lectura máis asequible. Entón, as obras que traducín – ‘A confusión e morte de María Balteira’ de Marica Campo máis ‘Bibliópatas e fobólogos’ de Emma Pedreira conectaron comigo como lectora. Gustei dos contos das dúas escritoras, logo outras persoas alí teñen que ter a mesma experiencia. Tamén hai moita lectora interesada en coñecer obra de mulleres noutros países. Hai editoriais feministas que queren promover e espallar a literatura de mulleres. Penso que, primeiro intentarei probar sorte por aí para estes libros”, sinala a tradutora americana.

Dende Galicia a Xeorxia cun intercambio

Destino: Xeorxia. Podería ser o título dun documental pero é o resumo do novo proxecto de intercambio literario que a Xunta vén de poñer en marcha. Nesta ocasión, un autor ou autora galega viaxará en setembro á capital xeorxiana para aloxarse na Writers House of Georgia para desenvolver un proxecto e gozar da vida cultural aló. En contrapartida, Cultura convidará a un escritor ou escritora xeorxiano para vir a Galicia e sacar proveito dunha estadía na Residencia Literaria 1863. O prazo de recepción de solicitudes remata ás dez da noite de hoxe día 31 de maio. As persoas interesadas que aínda non remitiran a súa proposta poden facelo escribindo ao mail 1863coruna@gmail.com.

Unha residencia para novelar no Gaiás

Por outra parte, a Cidade da Cultura pon en marcha a Residencia Literaria dirixido a escritores emerxentes e inéditos que porán falar e crear con referentes como unha guía para a produción. “A Residencia facilitará aos participantes a disección do proxecto literario propio ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos dos compañeiros e compañeiras, de charlas con autoras e autores de primeiro nivel”. Javier Peña dirixirá a Residencia e participará en actividades cos residentes contando tamén coa participación das escritoras Berda Dávila e Sara Mesa. Os proxectos poderán ser novelas de ficción, de non ficción ou relatos.

Compartir el artículo

stats