Cando pensas que xa o sabes todo da vida, que xa nada ten a capacidade de sorprenderte, poden pasar cousas... Pode aparecer algo, alguén, capaz de darlle a volta á túa existencia, de romper a monotonía. Arantza Portabales pasou por Vigo para presentar a súa nova obra. E traía con ela, ademais da magnífica enerxía e axilidade dialéctica-mental/mental-dialéctica que a caracteriza, moito (ou parte) de Úrsula Bas. ¿Es ti Úrsula Bas?, pregúntanlle a miúdo. "Somos todos nun momento determinado da vida. Cando te decatas do rápido que vai todo e che entran unhas ganas tolas de vivir 'como si fueras a morir mañana', como di Leiva", expresou a autora de "A vida secreta de Úrsula Bas" (Editorial Galaxia e Lumen -en castelán-).

Logo do éxito de "Beleza Vermella", Portabales cava máis fondo, se cabe, no ámbito da novela negra coa súa particular parella de policías e a desaparición dunha escritora de sona... "A súa mellor obra", segundo Diego Giráldez, xornalista e escritor que presentou á autora nun acto celebrado na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. "Será o meirande éxito literario do ano; agárrate Arantza, que veñen curvas!", indicou Giráldez, nun vis a vis amistoso coa autora ("amigos superficiais, que non íntimos", matiz irónico-xocoso por parte de ambos), no que houbo espazo para algunha que outra broma. Arantza empeza a soar como "a nova dama da novela negra española". "Iso parece moi de persoa maior", riu Arantza, con ese humor agre que brota dela case sen querer.

"Hai que reivindicar un pouco o egoísmo e reinventarse a unha mesma", proclamou Portabales mentres achegaba distintas pinceladas sobre a súa nova obra. "Estamos tan afeitas a ser nais, amigas, profesionais, fillas, coidadoras... que nos esquecemos de ser nós mesmas. E non pode ser. Din que madurar é perder a capacidade de sorprenderse. Que unha nai é unha muller que esquece que algún día o foi...", apuntou Arantza, e engadiu: "que conste que Úrsula pasa moito medo". Tamén falou a escritora dos riscos aos que nos expón a tecnoloxía, outro dos temas tratados no libro. "Non nos damos conta de ata que punto estamos vendidos", expresou Portabales.

Pola súa parte, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que quixo acompañar a Portabales na presentación da súa obra, destacou a capacidade de Arantza para crear personaxes, cunha psicoloxía complexa e que enganchan dun xeito evidente. "É un libro moi ben escrito", dixo Silva, que se mostrou "moi feliz" polo espazo que ocupan as mulleres-autoras na literatura galega. Carlos Lema, o editor (Galaxia), incidiu na naturalidade e na forza tanto da historia coma dos personaxes de "A vida secreta de Úrsula Bas".

Giráldez e Portabales, cun exemplar da obra.