A pandemia fixo que a comunidade científica se fixase na investigación ao redor do COVID-19, tanto que a día de hoxe hai 16.000 artigos científicos sobre a doenza pendentes de publicarse en revistas científicas. Este exemplo valeulle ao químico e comunicador galego Manuel Vicente para asegurar no Club FARO que “producimos máis ciencia da que se pode asimilar e é un problema”.

A magnitude é tan grande que o seu colaborador nos espazos radiofónicos César Goldi o denominou o “papernami”, un neoloxismo formado pola palabra inglesa “paper” –coa que se refiren aos artigos científicos publicados– e “nami” que procede da verba xaponesa que significa onda.

“Ten razón, mesmo a revista ‘Science’ fixo un artigo sobre isto e chamouno ‘papernami’”, indicou para convidar á reflexión sobre se ese dioivo de investigacións pode facernos cuestionar se “se están a gastar demasiados cartos, quen sabe!”, en alusión a estudos que receben diñeiro de institucións públicas e que despois acaban perdidos nunha lea na que resulta complicado revisar as investigacións por parte doutros científicos especializados para que cataloguen o rigor co que foron realizados, se hai que introducir cambios e se poden ser finalmente publicados nas revistas científicas.

Presentado por Leonor Parcero, presidenta da Asociación Galega de Comunicadores de Cultura Científica e Tecnolóxica, Manuel Vicente ofreceu a súa charla “Os científicos tamén choran. O selvático mundo da investigación real”.

Nela, falou do negocio editorial que supón para as revistas científicas o publicaren os artigos de grupos de investigadores aos que lles esixen pesquisas inéditas para despois cobrar unha subscricións considerables por ter acceso ás investigacións.

“O negocio editorial na ciencia é un dos máis lucrativos que hai e nel as editoriais teñen as cartas na man. Os investigadores son unha parte do engrenaxe”, indicou.

Explicou que as universidades teñen que pagar diñeiro por estar subscritas ás revistas para acceder aos contidos pero as editoriais tamén “sacan diñeiro” dos grupos de investigación.

Explicou que as revistas esixen o diñeiro baseándose no seu prestixio. Os investigadores que conseguen publicar nelas nutren a súa carreira científica con recoñecementos, poden tamén ter acceso a máis axudas pola súa notoriedade.

Non obstante, dende a Unión Europea, desexan que a ciencia entre nun repositorio aberto para que a xente que o desexe poida consultalos de balde. O problema radica en que o repositorio non outorgan tanta importancia. “As revistas teñen o monopolio do prestixio”, indicou.

Ademais, non pagan nada ós grupos de investigación por publicar as investigacións e tampouco ós expertos que avalían os estudos. Aclarou que, ás veces, as investigacións poden ser rexeitadas porque a revista non atopa especialistas na área que puidesen analizar o contido do estudo.

Como exemplo, puxo unha investigación da Misión Biolóxica de Pontevedra na que analizaron retablos barrocos para estudar o tipo de follas de viñas que aparecían nas pinturas para saber as viñas que se cultivaban naquela altura.

Non obstante, fronte ás subscricións das editoriais, cidadáns anónimos optaron nos últimos anos por piratear os artigos publicados para ter acceso gratuíto a eles sen pagar diñeiro.

Puxo como exemplo o acontecido a un mozo norteamericano que asaltou servidores para roubar cinco millóns de artigos científicos. O rapaz foi detido polo FBI e condenado a unha multa de dez millóns de euros máis a estar na cadea durante 35 anos. O mozoulo acabou suicidándose.

Un exemplo de pirateo que, de momento, está a salvarse é o de Alexandra Elbakyan. Procedente de Casaquistán é coñecida como a Robid Hood da ciencia xa que leva adiante o proxecto Sci-Hub, unha web que brinda acceso gratuíto a máis de 60 millóns de artigos científicos recentes.

Un químico e comunicador científico que divulga dende a Radio Galega e a TVG

Manuel Vicente, doutor en Ciencias Químicas, pertence á estirpe de comunicadores científicos freelance. O público coñéceo ben por ser o presentador do programa “Efervesciencia” , magazine de divulgación científica da Radio Galega, cadea na que tamén colabora no “Diario Cultural”. No seu currículo, Vicente atesoura experiencia como asesor e guionista de programas televisivos. De feito, tamén presenta xunto a David Balleteros, Jose Viñas, Patricia Barciela e Deborah García a emisión da TVG “Aquelando”, dedicado tamén á divulgación científica. Polo seu traballo neste eido, ten recibido premios de xornalismo científico como os Premios Prismas dos Museos Científicos Coruñeses e o galardón Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias. Fóra dos medios, colabora con programas da Xunta para fomentar a lectura entre os máis novos, ademais de impartir obradoiros de ciencia para escolares en Galiciencia. Asemade, o Consello da Cultura Galega fichouno o pasado ano para a sección de ciencia, tecnoloxía e natureza. Por último, hai que lembrar que foi o primeiro presidente da Sociedade Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.