Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2021

Tralos pasos da gran poeta Xela Arias

El niño Álex Gallego Couñago, con su madre, hermano y padre en Arcade. | // PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Álex Gallego Couñago, con dez anos e de Arcade, logra o primeiro premio do Concurso da RAG e PuntoGal | A súa principal afición é ler; o seu soño de maior, “escribir”

Álex Gallego, de Arcade; Niara Cabreirizo de Moaña e Carmen Mendaña de Compostela non teñen máis de once anos de idade pero xa son o zume da futura literatura galega. Se cadra dentro de moitas décadas Galicia enteira os honre no seu Día das Letras. Os tres –cada un ó seu xeito– seguen os pasos de Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano: veñen de gañar na categoría infantil o IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. No caso do galardoado co primeiro premio, Álex Gallego Couñago, o futuro véoo claro: quere adicarse a escribir.

Na mañá de onte no CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade onde estuda quinto curso de Primaria, recibía a noticia de que levara o primeiro premio na categoría infantil pola súa historia “Saíndo do túnel”, considerada polo xurado como a mellor das 300 recibidas.

A través do teléfono, este novo escritor explicaba que foron seus pais os que lle propuxeran participar no certame xa que, hai un tempo, el vén escribindo: “Escribo variado. Empecei hai pouco, no anterior curso, en cuarto”.

Álex recalcou que o relato era “moi curtiño”, 34 palabras tan só, coas que escribiu a historia “dunha nena que comenta a outra que lle deron de alta no médico e que cando se poidan volver a ver, xogarían a facerse trenzas no pelo xuntas”.

Preguntado o neno por se fora doado preparar unha narración tan exigua, Gallego Couñago recoñeceu que “foi bastante complicado. Fíxeno varias veces”.

Como detrás dun gran escritor sempre hai un gran lector, preguntamos a Álex Gallego por que tipo de libros se decanta. “Os que máis me gustan ler son os de aventuras e e misterio”, sinalou con voz decidida sen que elixira ningún título como preferido. “Gústanme todos”, engadiu.

No medio da conversa, xurdiu outra pregunta necesaria sobre a profesión que lle gustaría ter de maior. “Como escritor, non; pero eu creo que vou escribir moito na vida. Non sei se xornalista, non o sei”, respondeu.

Ata o momento, na súa casa, déronlle azos para continuar. “Anímanme moito a escribir. O meu irmán, que é maior, con 16 anos, tamén escribe”, detallou un pequeno que festexa que haxa concursos como o da Real Academia Galega para que os máis novos poidan dar a coñece-la súa creatividade.

Na entrevista, era inevitable falar de Xela Arias, a poeta á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas e que ós 11 anos de idade gañou o seu primeiro concurso literario precisamente cun conto. “Si –comenta Gallego Couñago– démolo na clase” para engadir que lle chamou a atención o noviña que era cando venceu no certame.

Descoñecemos se co paso dos anos Álex seguirá interesado en escribir, se quererá facer desa arte un oficio, pero o que si temos claro é que o que máis lle gusta é ler, nin sequera escoitar música ou xogar se atopan por riba dese degoiro polos libros.

Álex, un gran afeccionado ós libros. Pablo Hernández Gamarra

Deberíase falar galego

E tamén coñecimos que o galego é a súa lingua, e a que máis se emprega no seu fogar. “Síntome máis cómodo escribindo en galego pero no colexio fágoo tanto en galego como en castelán”, explicou un meniño que desexa que a súa lingua tivera máis presenza.

“Deberíase falar galego”, defendeu ó tempo que apoiou unha canle da TVG dirixida para o público infantil como a canle Xabarín con contidos 24 horas na televisión para os máis pequenos tal e como demanda a Mesa pola Normalización Lingüística e para a que estivo a recoller sinaturas hai unhas semanas.

Publicación nas páxinas da Real Academia

Os nenos premiados no concurso da Real Academia Galega e PuntoGal verán dentro de pouco as súas obras publicadas na web da RAG. Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio foi a ourensá Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003), estudante do IES Eduardo Blanco Amor. Segunda foi Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), quen cursa o bacharelato no IES Álvaro Cunqueiro. Pola súa parte, “A choiva”, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), alumna tamén do IES Álvaro Cunqueiro, conseguiu o terceiro premio. Entre os finalistas:Andrés de Miguel Caballero (Vigo, 2010), do Colexio Montecastelo; Martiño Yáñez Rodríguez (Brión, 2010), do CEIP de Pedrouzos; Anxo Vázquez Novo, de bacharelato no Colexio Salesianos (A Coruña, 2003); e Laura Freire, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

Compartir el artículo

stats