Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día das Letras Galegas 2021

Xela Arias, unha laureada das Letras que brillaba ós 11 anos

Imaxe de fondo: Retrato da poeta Xela Arias feito pola súa parella, Xulio Gil Xulio Gil / FDV

“A obra de Xela Arias publicada no FARO foi moi importante para o seu nacemento como poeta”

Manuel Bragado - Escritor

decoration

“Só é poesía aquela que non busca victorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas. Só é poeta o que busca liberarse de sí mesmo. Só será poeta quen o conquira”. Hai 37 anos, Xela Arias publicaba un artigo no FARO DE VIGO no que aparecían estas reflexións: “Pregúntanme: a poesía?”, recollido este ano no libro “De certo, a vida ía en serio” (Chan da Pólvora). Xela escribía o devandito artigo en maio de 1985 no xornal que a entrevistara por primeira vez á idade de once anos por vencer nun concurso de redacción da extinta Caja de Ahorros de La Coruña y Lugo.

A información apareceu no 1974 tras gaña-lo premio Facho na modalidade de “contos de nenos”. A xornalista Julia C. Hortigûela e o fotógrafo Magar presentaban unha entrevista coa nena Xela que falaba do conto gañador, “A fraga dos paxaros e a fraga leopardicia”, publicado no Boletín da Asociación Cultural de Vigo na que confluían persoeiros como Camilo Nogueira ou Ferrín.

7

Xela Arias, a poeta dos afectos

Xa nesa primeira entrevista no FARO, Xela Arias amosaba unha gran determinación: quería ser mestra de maior, deixaba claro o seu compromiso co galego (“Eu creo que en Galicia deberíase falar sempre en galego”, sinalaba a pequena) e recoñecía que xa escribía dende había un tempo relatos que tirara ó lixo por pequenos.

No final do artigo, incluían un conto escrito por ela no mesmo momento e sobre un cartafol da xornalista: o relato dunha muller que trataban por bruxa.

Esa entrevista e ese conto serían o primeiro elo dunha cadea de colaboracións entre Xela e o diario vigués. Explica Manuel Bragado, exresponsable de Xerais, que a homenaxeada este ano para o Día das Letras Galegas “foi unha poeta que tivo abertas as páxinas do FARO nun momento no que foi decisivo para ela, antes da publicación do seu primeiro libro, "Denuncia do equilibrio”.

Engade Bragado que “o único xornal no que publicou Xela” foi o decano, aparecendo aportacións no semanario “A Nosa Terra” e en revistas (“Dorna”, “Tintiman”) e fanzines (“Katarsis”). Por isto, le-las súas aparicións no FARO son clave para entende-lo seu ideario, a súa construción como poeta e a súa verba creativa.

Os seus primeiros versos no xornal olívico viron a luz en xuño de 1983, nunha páxina enteira, con ilustracións de Xosé Guillermo. Chovía/ Os mares sulagaban as pedras/ Retortas e cabalos/ Corea. Chick. Chick Corea. O dial esvara. Xela Arias tiña daquela 21 anos e escribía en 46 versos ó piano de Chick Corea (quen morreu o pasado febreiro), ó medo, ós soños, a “vence-la palabra”.

Xusto na mesma páxina, Carlos Oroza ofrecía unha pequena reseña do poema: “Me has dado prueba de tu grandeza (...) Te saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía”.

En xaneiro de 1985, unha das páxinas da sección de Cultura volvía ser reservada para Arias onde publicaba poemas que aparecerían un ano despois no seu primeiro libro: “Denuncia do equilibrio”. Nesa coidada páxina, os versos amosábanse percorrendo unha ilustración a toda páxina asinada por Alfonso (seguramente Afonso Tizón).

Chamábana “a poetiña de Vigo” e Cáccamo, no Faro, defendeuna

“Publicar unha páxina poética no FARO tiña unha repercusión extraordinaria a nivel de difusión e posibilidade de chegar a un público amplo”, engade Bragado quen tamén lembra como Alfonso Álvarez Cáccamo a defendeu no xornal daqueles que a chamaban inxustamente “a poetiña de Vigo”.

Ó longo das publicacións de Xela no FARO destaca tamén outra páxina que aparecía polo Día da Muller Traballadora, o 8 de marzo, de 1986 no suplemento bisemanal Pharo The Bego, coordinado por Pilar Comesaña, Fernando Franco e Francisco Novo.

“O espírito de Xela tratou de expandir o texto en diálogo con outras artes”

decoration

Nesa páxina, aparecían dous textos en prosa poética de Xela Arias baixo un título escrito a man (por anticipado recaída dun mal que impide o vóo) e unha ilustración na parte baixa e central realizada por Ánxel Huete.

“O espírito de Xela tratou de expandir o texto en diálogo con outras artes: a ilustración con Xosé Guillermo; a fotografía con Xulio Gil e a música con Desertores ou Fenando Abreu así como expresión en recitais”, explica Bragado quen engade: “A súa obra publicada no FARO foi moi importante para o seu nacemento como poeta”.

Arias, unha alma escritora que non quería prostituí-la súa creación

“Eu quero expresar o que sinto e escribir é a forma que atopei para facelo”, deixou dito Xela Arias nunha entrevista realizada para FARO por Juan Carlos Álvarez. No texto, nunha das respostas, ofrecía un comentario para reflexionar sobre a escrita: “Sempre tiven claro que non era algo do que ía vivir, porque desa forma corría o perigo de prostituírse ó depender diso para comer. Tiven claro que tería outra vía para comer e que a literatura sería o meu territorio libre”.

Ademais, deixaba claro que non comungaba completamente co mercado editorial. “Cando estás metido nel veslle as tripas e é entón cando descobres que che producen dor de barriga. Ves cambadelas, oportunismos, vaidades, aspectos que te desenganan dalgunha maneira”, engadía.

Noutra entrevista de Xosé Antonio Perozo no FARO do Domingo, Xela Arias sinalaba: “A lírica está sempre aí, é como a fame, está sempre aínda que cambien as comidas”.

Primeiros poemas: No 1983, Xela Arias fai a súa primeira publicación de poemas no FARO.

A súa reflexión poética e un poema, publicados no 1984.

Premio en Portugal: Xosé Antonio Perozo entrevistouna polo premio á mellor tradución logrado en O Porto.

Entrevista no 1994: Xela Arias fala da súa visión do mundo editorial e da poesía nesta entrevista.

Recital no Club FARO: No 1992, cheo no Club FARO para o recital con Xela, Ferrín, Kruckenberg, Raña, Luz Pozo...

Compartir el artículo

stats