Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Barxas: “Na Xeración Nós a pesar das súas diferenzas o respecto era tremendo”

“Castelao e Risco eran ideolóxicamente diferentes e respectábanse moitísimo, algo que hoxe as nosas institucións académicas non teñen”, critica o xornalista e escritor

Paco López-Barxas (1d) foi presentado por Armando Requeixo. | // RICARDO GROBAS

Para o xornalista e escritor Paco López-Barxas a Xeración Nós debería ser un exemplo a seguir hoxe en día dende os ámbitos político, cultural e social. Defendeuno no Club FARO onte ó asegurar que “na Xeración Nós a pesar das súas diferenzas o respecto era tremendo”. Quen fora hai uns doce anos director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta explicou que “Castelao e (Vicente) Risco eran ideoloxicamente diferentes e respectabanse moitísimo, algo que hoxe as nosas institucións académicas non teñen”.

Paco López-Barxas ofreceu a conferencia “Nós arredor de nós. 100 anos dunha xeración irrepetible”. Presentado polo profesor da Universidade de Santiago (USC) e crítico literario Armando Requeixo partillou a charla que levou o mesmo título do libro que Barxas vén de publicar, editado nunha coidadísima edición por Teófilo Edicións, co apoio da Xunta de Galicia e de Xacobeo 2021.

A obra está recollida nun estoxo no que dentro ofrece catro libriños: “Arredor de Nós e de Castelao”, “Eu son Vicente Risco”, “Eu son Otero Pedrayo” e “Eu son ‘Floro’ Cuevillas”.

En cada unha destas obras, preséntase un collage de imaxes na capa a cargo de Baldomero Moreiras e un collage de escritos que narran en primeira persoa –a modo de biografía ficcionada– a vida e obra de catro figuras senlleiras da emblemática xeración, como se fose o mesmo Castelao, Risco, Pedrayo ou Cuevillas os que comparten connosco o seu ideario. Completa cada obra unha escolma de textos doutros estudosos sobre cada autor.

Para o conferenciante Francisco López-Barxas, a Xeración Nós “é o gran referente” por ser catro intelectuais cun gran saber, abertos a Europa e especialmente ás culturas atlánticas (Bretaña, Irlanda e mesmo Portugal), sen deixar de lado o de ser grandes persoas.

Neste punto, o presentador, Armando Requeixo, solicitou a Barxas que compartira cos asistentes ó Club FARO algunha anécdota de cando era novo e chegou a coincidir con algunha das figuras da Xeración Nós.

López-Barxas levounos a todos a finais dos anos 60 cando el era un rapaz de 16 anos de idade e estudaba no Seminario de Ourense. Un día, coa arela xornalística que xa o alimentaba, colleu folgos para preparar unha entrevista que dirixiu por carta a Otero Pedrayo. Aquela foi a primeira entrevista da súa vida.

O patriarca das letras galegas respondeulle nun feixe de octavillas escritas a man que Barxas decidiu amosar nun taboleiro do centro atravesadas por chinchetas.

“Tiña que facelo de maneira clandestina –lembremos que daquela aínda non había democracia porque a dictadura franquista persistía– antes de que o resto da xente espertara pero unha man inquisidora retirounas. Perdín a entrevista. Era o mes de maio, o da Virxe María, e lembro que nunha das preguntas que opinaba el de reza-lo rosario. Pedrayo escribiu que dicir unha oración de forma repetititiva non tiña sentido e supoño que esta resposta ou outras non foron ben vistas”, explicou. Para López-Barxas a Xeración Nós é unha “xeración inesquecible”.

Na conferencia, tamén houbo unha lembranza para a revista Nós que foi a canle da xeración para facer chegar en Galicia as súas descubertas do que estaba a acontecer en Europa tanto en literatura como en arqueoloxía ou noutros destacados eidos culturais.

Non hai que esquecer que foi nesta publicación onde chegaron a Galicia e en galego “fragmentos do “Ulises” de Joyce antes de que mesmo se dera a coñecer en castelán no resto de España”, lembrou.

Por último, lembramos as verbas de López-Barxas –ourensán de nacemeto pero agora fillo de Compspostela– ó sinalar que a Xeración Nós “puxo a Galicia no mapa de Fontán e no mapa de Europa e do mundo, o que me parece moi importante”.

Un home cun longo percorrido entre libros, medios de comunicación e institucións

Paco López-Barxas naceu en Padrenda (Ourense) un día coma hoxe de 1952. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Na capital española, traballou durante anos como crítico cultural. Como xornalista en Galicia dirixiu “Xornal Diario” en Pontevedra e foi tamén responsable da área de comunicación no Consorcio de Santiago. Na TVG, exerceu diferentes cargos entre os anos 2000 e 2005. Ten publicado obras como “Confieso que he leído: 101 comentarios sobre literatura gallega, española y universal”, onde dá conta neste “libro de libros” das súas lecturas ó longo de 35 anos. Tamén ten desenvolvido historias para os máis cativos como “A avoa do nobelo branco” na que descobre un mundo marabilloso; ou “Sar, Sarela e os monstros de Compostela”, entre outros. No eido de xornalista, atopamos “No xardín das mandrágoras”, con entrevistas realizadas na súa meirande parte nos inicios dos anos 80 pero tamén o libro “Eugenio Granell: o surrealismo felizmente vivo” Por último, hai que sinalar que foi director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia.

Compartir el artículo

stats