“Os que lexislan están a anos luz da nosa realidade”. O profesor vigués Santi Domíngueza, autor do libro “Diario dun mestre en pandemia”, realizou este comentario onte no Club FARO en alusión directa á tramitación da nova normativa de educación en España, a chamada Lei Celaá. Para este docente vigués, “rebaixar contidos na formación, racionalizalos, debería ser un dos debates” da devandita norma.

Sen embargo, lamentou que tanto por parte dos políticos como da prensa en xeral, o foco se deposite noutras cuestións como se o castelán deixa de ser lingua vehicular e o peso da asignatura de relixión no cómputo das notas, se habería exames en xuño ou non, entre outras.

“A un rapaz de terceiro de Primaria dicímoslle o que é un sustantivo e un adxectivo e volvemos dicirllo cada curso ata a ESO. Por favor, racionalicemos contidos. Para adelgazar o que lle metemos e aumentar o que temos que escoitar” do alumnado, agregou.

Para Domínguez –que foi presentado polo editor de Galaxia, Francisco Castro; e que mantivo un coloquio co poeta e profesor xubilado Antonio García Teijeiro quen criticou que inda “falta educa-los alumnos nas emocións”–, non é aceptable que líderes políticos digan que cando cheguen ó poder van “tirar abaixo a lei”. “Que estamos facendo coa educación?”, se preguntou.

“A min dáme igual que o español sexa vehicular ou non, que a relixión compute ou non... Eu o que demando dunha vez por todas é que haxa unha lei de educación que dea resposta ás necesidades que hoxe temos como o de integrar o mundo da información, internet e redes sociais para dende aí educar”, opinou.

Tamén fixo fincapé en que “hai nenos nas clases con necesidades esepciais que non están sendo atendidos. Hai nenos con asperger, con síndrome de down e non lles poñemos especialistas que os poidan atender”.

Dende o seu punto de vista, “algo non estamos facendo ben” cando hai un elevado fracaso escolar, cando os rapaces non están a gusto na escola. “Hai que cambiar pero dende un plantexamento revolucionario”, defendeu o que fora edil no Concello de Vigo co BNG así como director xeral de Deportes da Xunta.

Engadiu que innovar non significa obrigatoriamente adoptar medidas supernovas, senón que ás veces a chave está en actuacións do pasado que demostraron dar resposta ás necesidades.

Lamentou que, por exemplo, no inicio da pandemia, co confinamento, as autoridades enchesen a boca coa frase “que ningún neno quede atrás”. “Para as autoridades educativas, significaba que todos estiveran conectados”, explicou sen pararse a pensar nas desigualdades nos fogares.

“Aparecer 3.000 ordenadores, tarxetas SIM... A desigualdade non está no centro escolar, a desigualdade empeza fóra cando un neno ten que compartir habitación con tres irmáns e non ten un sitio específico para estudar, cando un neno por mor da situación actual na que vivimos ten uns pais que teñen que traballar día e noite polo que deben pasar a xornada cos seus avós. Fáltalles o diálogo e contacto cos pais. Iso é o que eu quero que se debata cando se fale” da nova lei, subliñou.

Sobre o libro que presentou, “Diario dun mestre en pandemia”, a súa primeira obra publicada, Domínguez sinalou que foi “un desafogo” escribilo para afronta-la difícil situación que pasou como mestre no confinamento.

O libro lévanos a vivir como se viviu nas aulas o peche histórico destas durante varios meses en España a causa do coronavirus. Domínguez lembra na obra a reacción dos seus alumnos: “En calquera outro momento dicir que non ía haber clase sería motivo de xúbilo, pero desta vez non”.

Os distintos sentimentos foron agromando como o medo de Marta, unha das súas alumnas de 14 anos á que el intentou tranquilizar cando comezou a chorar por temor ó que lle puidese acontecer ós seus avós.

“Choraba como días máis tarde iamos chorar moitos. E deume rabia, rabia pola situación de ver como o medo ía envolvéndoo todo”, recolle o libro.

Un vigués coa vocación de profesor que chegou á Xunta como político

Santi Domínguez foi un dos concelleiros da corporación de Castrillo alá polos anos 90 cando o nacionalismo chegou ó goberno da cidade máis grande de Galicia, Vigo. No Concello, foi tenete de alcalde así como concellerio para despois dar un pulo cara a Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia. Despois, Domínguez (Vigo, 1964) retornou á súa vocación: a de mestre. Foi no colexio San José de Lugo onde comezou a impartir aulas para despois volver á urbe olívica. Corría entón o ano 1989 e o centro no que voltou á cidade do seu berce foi o colexio San José de A Guía, no barrio de Teis. É aí onde imparte hoxe en día as clases. En Primaria, de Educación Física. En Secundaria, de Galego e Castelán, sen esquecer que é titor de primeiro da ESO. Agora saca do prelo “Diario dun mestre na pandemia” onde ofrece una “reflexión” sobre o que descubriu dende o ordenador aló polo confinamento. A maior sabeidoría, que el mesmo resalta no prólogo di o seguinte: “O alumnado é o que dá razón á nosa vocación de servizo”. De feito, conclúe sinalando que “só desde eles e para eles, os meus alumnos e alumnas, ten sentido este libro”.

Santi Domínguez

Antonio G. Teijeiro