“Xela Arias. A palabra esgazada” é primeira serie documental arredor do Día das Letras Galegas adicado a poeta viguesa Xela Arias que achegará ao público a súa vida e obra. Serán seis capítulos nos que tamén aparecerán as propias palabras da homenaxeada. O capítulo 1, centrado nos primeiros anos de vida da escritora, editora, tradutora e docente, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos sete anos, pode verse xa na páxina web da RAG, academia.gal, e nas súas redes sociais.

Os demais episodios serán estreados cada martes ata a semana previa ao Día das Letras Galegas e profundizarán nas distintas facetas desta profesional, escritora transgresora en constante diálogo con outras artes pero tamén no seu labor como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución en Galicia.

O presidente en funcións da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias; a académica Marilar Aleixandre e mais a guionista de Xela Arias. A palabra esgazada, María Yáñez, presentaron onte o proxecto en A Coruña.

Asistiron tamén a nai da homenaxeada, Amparo Castaño, e mais o seu irmán Lois Arias. Ademais desta serie documental de seis episodios duns 10 minutos de duración, realizada da man da produtora Miramemira, a RAG programará cada día, de mércores a luns e ata o vindeiro 16 de maio, a serie de microespazos audiovisuais “Xela Arias. Onde canta a poeta”, homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais.

Ambas as series foron realizadas co apoio económico da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Ciencia e Innovación e poderán verse tamén na Televisión de Galicia, que cedeu material do seu arquivo sobre Xela Arias para a produción d’A palabra esgazada. A voz de Xela Arias tamén se escoitará nesta serie recitando os seus versos nas gravacións cedidas polo músico Fernando Abreu, con quen a poeta preparaba un espectáculo poético-musical no momento do seu pasamento en novembro de 2003.

O presidente en funcións da Academia sinalou o audiovisual como un medio especialmente propicio para “comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou tanto na literatura como ao longo da súa vida”, e tamén para “chegar ás xeracións máis novas, ás que a figura e a obra da autora interpelan dunha maneira máis potente e directa”. “Estas series supoñen, neste sentido, unha continuidade e un reforzo da aposta da RAG polas novas tecnoloxías e polo audiovisual como unha maneira eficaz de chegar aos públicos novos nos que está depositada a esperanza do futuro da lingua e da cultura”, engadiu.

Marilar Aleixandre destacou que o Ano Xela Arias revela “o valor innovador da súa voz poética ten moitas posibilidades de dialogar coa xente nova”.