Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Así era o 'cornello', o alucinóxeno galego dos anos 50

Un fotograma do docomunetal “Negro púrpura”

Na Galicia dos anos 50 houbo un ‘ouro negro’ no campo galego. O ‘cornello’ ese fungo do centeo que medraba no verán era codiciado por empresas farmacéuticas polos seus efectos antihemorráxicos e outros... como que de aí se sintetizaría logo o LSD. En moitas familias apañouse cornello para vender e facer aforros (ata mil pesetas por quilo, o prezo dun cuxo). Unha historia que non foi (moi) contada pero aínda coñecida que inspira agora o documental “Negro púrpura”.

Galicia exportou ‘cornello’ para o mundo nos anos 50 e tivo unha importancia tal que chegou a marcar os prezos para Xapón ou EE UU e competir con Rusia no mercado internacional. Coñecido como caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo…o Cláviceps purpúrea, un fungo que agroma nos cereais conecta a Galicia co resto do mundo a mediados do século pasado e alimenta un mundo de relatos. Por iso, este fungo alucinóxeno, que foi como ‘ouro negro’ a mediados do século XX, é obxecto dun documental que pon o foco sobre esta ‘febre’. “Negro Púrpura” retrata a Galicia de aquela época e abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura e da economía dunha época.

De persoas que coñecen infusións e técnicas para favorecer o parto, a métodos abortivos –medicina popular–, pasando por anuncios de farmacéuticas como Zeltia que promovían as súas propiedades terapéuticas e antihemorráxicas, ou a romaría de San Amaro en Matamá, Vigo, cuxa procesión con exvotos de madeira entronca co ‘ergotismo’ –como se coñecía a enfermidade que provocaba inxerir de forma continuada o fungo–. Por último, chegaría o seu uso psicodélico, que se acadaría co LSD. Pero o seu uso aínda chega ata os nosos días e está presente nalgún fármaco para a migraña, aínda que hoxe en día xa é produto de laboratorio.

Precisamente, ata Vigo e Nigrán tamén se desprazaron en busca de relatos as directoras de “Negro púrpura”, Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias. En Panxón, gravaron unha testemuña relacionada coas labores dunha farmacéutica galega que traballou co cornecelo, o exportou e ata aillou os alcaloides. “Primeiro Miguel Servet e logo Zeltia, fixeron medicamentos usando como materia prima o caruncho”, recoñece Adriana P. Villanueva. Tanto é así que no traballo audiovisual recréase un anuncio publicitario de base real. A venda deste fungo do cereal suporía para moitas familias uns ingresos extra no verán, debido a súa alta cotización (chegou a mil pesetas da época por quilo) e a grande extensión de cultivos de centeo en Galicia. De feito, outro dos lugares da rodaxe do documental, Dacón, en Maside, tivo unha importancia crucial, porque o seu clima húmido e o ambiente non moi industrializado favorecían as óptimas colleitas. “Atopamos documentación que nos indica que se marcaban os prezos desde Dacón, para Xapón, ou os Estados Unidos e se competía internacionalmente con Rusia”, explican Sabela e Adriana. Coa sintetización en laboratorio, os prezos foron caendo ata que deixou de recolleitarse.

“Había moita xente que podería ter un relato moi interesante pero que xa non tiña memoria”

decoration

As directoras expresan a urxencia da gravación que emprenderon hai máis dunha década porque moitas das testemuñas daquela época xa eran maiores. “Había moita xente que podería ter un relato moi interesante pero que xa non tiña memoria”, confesan. Desde 2008, realizaron pesquisas e grazas ás redes, obtiveron información no só de Galicia senón do norte de Portugal, porque o cornello (como non!) tamén foi obxecto de contrabando.

Recolectores e recolectoras, feirantes, parteiras, científicos, empresarios, labregos e labregas relatan a súa experiencia entre 1949 e 1952 no documental (rodado entre 2018 e 2020). Ademais, conta coa curiosidade de ter a primeira banda sonora composta de theremin para un filme no Estado. Aí entra o traballo do vigués Paulo Pascual.

“Negro púrpura” pasou por vilas como As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Allariz, Panxón (Nigrán), Olas (Mesía) e Dacón (Maside), e polas cidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Directoras de “Negro púrpura”, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva

“Un día chegou unha amiga dicindo que a súa avoa traficara con LSD en Galicia nos anos 50”

Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias - Directoras do documental “Negro Púrpura”

decoration

“A historia chegou a nós dun xeito casual porque un día de sobremesa apareceu unha amiga e soltou que a súa avoa ‘traficara’ con LSD de nova en Galicia”, relata Adriana P. Villanueva, unha das directoras do documental “Negro púrpura”. “En realidade, logo soubemos que vendera ese fungo, a partir do que se sintetizara o LSD, e que gañara bastantes cartos”, engade. “Sorprendeunos bastante saber desta historia e a partir dese día puxémonos a buscar e, ao mergurllarnos en internet, xa atopamos artigos”, relata. Xunto con Sabela Iglesias, completa: “Resultounos moi descoñecido e pensamos, como pode ser que as nosas avoas andaran con isto e nós non teñamos nin idea?

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) abrirá o martes 6 de abril no Teatro Principal coa pre-estrea do documental “Negro Púrpura (Illa Bufarda), e que distribuirá “Begin Again Films”.

As directoras conversaron con FARO sobre as orixes e o miolo do proxecto. “Atopamos moita documentación na prensa da época, moitas referencias á compravenda... cremos que non chegou a nós porque as persoas que viviron esa experiencia non lle deron importancia”, razoan. Logo das pesquisas, deron o paso ao cinema. Contaron con axuda da Deputación da Coruña para arrincar e comezar en 2018 co guión e logo fixeron un crowdfunding e comezar a rodaxe. Logo chegarían máis fondos para a produción, da Deputación de Pontevedra, o Concello de Nigrán –o documental tamén gravou en Panxón– ou de empresas privadas. Hoxe é unha realidade.

Compartir el artículo

stats