No Día Mundial da Poesía, celebrado onte, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou “O equilibrio dos extremos”, un recital que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. Nel, doce escritores e escritoras escollen un poema da autora de “Intempériome” que fan dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión. Participan Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos. Todos eles comparten o feito de seren moi novos, nados a partir dos anos 80, o que permite fusionar diferentes xeracións en consonancia coa personalidade da propia Xela.