O historiador Xosé Ramón Barreiro falecía onte na Coruña aos 84 anos de idade. Trala comunicación do seu pasamento, as reaccións de condolencia non tardaron en sucederse entre os múltiples organismos e institucións culturais das que Barreiro, docente, académico, divulgador e, como moitos coincidiron en sinalar, figura fundamental da cultura galega, fixo parte ao longo da súa intensa traxectoria vital.

Barreiro, quen fora presidente da Real Academia Galega entre 2009 e 2011, foi pioneiro en moitas cousas e continuador e dinamizador esencial de moitas outras. Nado en Santa Uxía de Ribeira, mais coruñés de adopción tras os moitos anos que pasou na cidade, onde chegou a participar activamente da súa vida cultural e institucional, Barreiro licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, e, mais tarde, en Filosofía e Letras con premio extraordinario.

Na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en Historia, chegou a ser o primeiro decano da Facultade de Xeografía e Historia elixido democraticamente. Outro ilustre galego, Isaac Díaz Pardo, dicía del que era o profesor que tiña na cabeza toda a historia de Galicia. “Isaac era un esaxerado”, afirmaba ao respecto o aludido nunha entrevista na Televisión de Galicia.

O certo, modestias aparte, é que Díaz Pardo non se excedía moito nas súas consideracións, nacidas, supuña Barreiro, do afecto; mais tamén da admiración. Evidénciano así os seus moitos traballos de investigación publicados no eido da historia contemporánea de Galicia, entre os que destacan ‘El carlismo Gallego’, ‘Historia Contemporánea de Galicia’, obra que lle brindou o Premio da Crítica un ano despois; ‘La imprenta en Galicia’, os catro volumes sobre os séculos XIX e XX que publicou no marco do Proxecto Galicia, ou as súas revisións biográficas de persoeiros fundamentais do século XIX como Manuel Murguía ou Rosalía de Castro.

Como especialista na figura de Manuel Murguía, editou as máis de 1.600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia Galega. Tampouco descoidou, porén, a divulgación do legado dunha das figuras antagónicas de Murguía, pois foi director do grupo de investigación La Tribuna da Casa- Museo Emilia Pardo Bazán, autora sobre a que escribiu diversos artigos.

Alén das súas contribucións académicas, os que o coñeceron destacan del a súa grande capacidade comunicativa; o seu afán divulgador e a súa accesibilidade para compartir os seus moitos coñecementos, que trasladaba con asiduidade a artigos de prensa e revistas.

O saber, din, non ocupa lugar. No caso de Xosé Ramón Barreiro, o saber ocupou un piso enteiro na Coruña, que habilitou, xunto coa súa muller, Beatriz López Morán, como unha inxente biblioteca, na que, no canto de en andeis, os libros estaban clasificados en estancias diferenciadas.

Unha referencia na docencia, un home cercano, de perfil moderado e singular; con pouco gusto pola estridencia, directo, sincero e claro, mais afable no trato. Na súa etapa na Coruña exerceu como coruñés de facto na xunta directiva do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, ou elaborando traballos e investigacións sobre a historia da cidade e cun papel, en definitiva, dinamizador e activo, que non tiña reparos en tratar con xente de diversa adscrición e ideoloxía. Unha figura fundamental que non terá que agardar, como moitas outras, a que o recoñecemento lle chegue trala morte, pois xa en vida foi agraciado coa Medalla Castelao ou coa Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela, entre outros moitos galardóns. “Deixa unha magna obra no estudo da historia en Galicia e nas nosas institucións”, aseguraba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Nas moitas institucións e organismos polas que pasou deixou, sobre todo, amigos e afectos que onte o lembraban con agarimo e admiración. “Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Botarémolo moito de menos”, manifestaba Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

Organismos como o Consello da Cultura Galega ou a Fundación Rosalía de Castro, da que Barreiro era padroeiro, lamentaban onte o seu pasamento lembrando as súas moitas achegas á construción historiográfica de Galicia e as súas figuras máis ilustres. O mellor recoñecemento, porén, o unánime e anónimo: o dos seus antigos alumnos, que onte coincidían en sinalar a Xosé Ramón Barreiro, sobre todo, como un bo mestre. “Facía que amaras aínda máis a historia do noso país”, coinciden.