“Non te amola!” é o libro inédito de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021 que, ilustrado por Luz Beloso, chegará ás librarías de toda Galicia para que os lectores poidan coñecer mellor a sensibilidade da autora como narradora. “Non te amola!” (Editorial Galaxia) é un texto que van gozar os nenos, pero tamén todos os que queiran achegarse á descuberta dunha Xela Arias que se centrou na poesía, pero que tamén quería escribir para a xente miúda para contarlles historias de como foi o seu tempo dende o convencemento de que as grandes aventuras se viven en calquera época.

O seu fillo Darío Gil Arias; a ilustradora Luz Beloso, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, presentaron a obra na libraría Librouro de Vigo, nun acto no que estivo preente a nai da escritora, Amparo Castaño.