“O colexio non é moi grande. Temos dúas zonas de escaleiras, unhas de subida e outras de baixada. Pois dedicamos cada unha delas ás escritoras que nos visitaron: Ledicia Costas e María Reimóndez”, expresa Ana Ruiz, mestra no CEIP de Laredo (Chapela-Redondela).

Onte foi un día especial para o alumnado do CEIP de Laredo. Desfrutaron dunha ‘moi agardada’ visita con dúas das súas escritoras preferidas logo de tanto tempo de contactos telemáticos e encontros vía pantalla, o máis común nesta etapa de pandemia que nos tocou vivir. Especial porque o alumnado preparou durante tempo moitos detalles para as escritoras, que se sentiron coma unhas ‘raíñas’ no encontro de onte no CEIP de Laredo.

Un tempo antes o colexio pediu ás escritoras que enviasen un poema para gardar de recordo. Con eses poemas adornaron as escaleiras do centro educativo, un verso por chanzo (na parte frontal das mesmas, de xeito que se pode ler o poema enteiro só observando as escaleiras), todo co traballo e a colaboración de María Pérez e Manuel Bragado (orientador), que se encargan da biblioteca e da coordinación do ‘Antaruxas Club de Lectura’.

“Leron os poemas cunha mínima representación do alumnado presente, xa que temos que respectar as burbullas. O alumnado seguiu o acto a través das pantallas de cada unha das aulas. Despois as escritoras fixeron un percorrido polas aulas e os alumnos e alumnas entregáronlles detalles preparados para elas, como uns retratos, enmarcados. Tamén houbo tempo para unha entrevista na radio escolar”, comentou Ruiz. As escritoras desfrutaron coa visita ‘in situ’, iso si, gardando as distancias e medidas de seguridade. Pero poder falar co alumnado aínda que sexa un pouco lonxe, agradécese.