O seu libro é unha pequena homenaxe ás avoas e avós que cada día comparten vida, tempo, actividades e aventuras cos seus netos/as. “É posible que cando un é pequeno, ou no caso dos nenos e nenas que hoxe comparten tempo cos seus avós, aínda non sexan conscientes do que esa relación significa. Pero cando medren, daranse conta do papel que xogaron nas súas vidas os avós e avoas”, explicaba a FARO o autor David Rodríguez coa publicación da súa obra: “Superavoa” (Xerais).

David Rodríguez, ademais de escritor, é deseñador e ilustrador e na súa obra conta, entre outras cousas, o segredo da avoa Rita. Máis que unha avoa, unha superavoa, como indica o propio título do libro. Rodríguez será o encargado de iniciar hoxe o ciclo de encontros online entre escritores/as e os colexios participantes no proxecto de xornalismo escolar Faro da Escola, cerca de sesenta centros educativos nesta sexta edición do programa.

Cada escritor/a protagonizará dúas sesións e poderán participar de xeito telemático todos os colexios que queiran. Deste xeito, dada a virtualidade á que obriga a actual situación sanitaria por coronavirus, todos os colexios poderán participar nas charlas dos escritores e o alumnado poderá interactuar con eles e elas ao final de cada encontro a través da pantalla. Iso si, o equipo organizador do Faro da Escola pide que se teñan en conta as idades recomendadas (de cada libro). As sesións serán a través de Zoom; a organización desta VI edición do proxecto de xornalismo escolar enviará un enlace aos colexios.

A primeira sesión será hoxe ás 10:15 horas, con David Rodríguez (a segunda deste autor terá lugar o mércores 24, tamén ás 10:15 horas). No caso desta obra, “Superavoa”, os cursos recomendados son 1º e 2º de Primaria. Cada sesión durará aproximadamente unha hora.

A escritora Rosa Aneiros contactará mañá, mércores, ás 09:45 horas, co alumnado de 4º e 5º de Primaria que se anime a conversar con ela sobre: “Orestes perde o sentido!” (Xerais). O xoves día 18 impartirá a súa charla Teresa González (“A nena, o monstro e o mar”-Xerais), tamén ás 09:45 horas. Neste caso agárdase alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria. Entre as primeiras está tamén Aldara Álvarez (Anémona de Río), con “A proba de auga”, un orixinal estilo, considerada unha pioneira do manga galego. Aldara empezará as sesións o día 22 (luns).