Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Reimóndez: “A reprodución como un ben de consumo xa a temos agora”

“A cultura occidental impuxo unha maneira de entende-lo xénero que non é común ó ser humano”, sinalou a escritora que presentou onte o su libro “Cobiza”, unha distopía

Anxos Rial, María Reimóndez (centro) e Eva Mejuto (dereita), onte no Club FARO. | // RICARDO GROBAS

María Reimóndez: “A reprodución como un ben de consumo xa a temos agora” | R. GROBAS

María Reimóndez: “A reprodución como un ben de consumo xa a temos agora” | R. GROBAS

María Reimóndez: “A reprodución como un ben de consumo xa a temos agora” | R. GROBAS

“Agora vivimos nunha superpoboación e non parece unha prioridade pero se pensamos cara adiante vendo que a fertilidade humana vai decrecendo acabará sendo un problema.É o escenario no que se inicia ‘Cobiza’, coa reprodución como un ben de consumo que xa temos agora pero nun espazo con recursos máis limitados”, explicou onte no Club FARO a escritora lucense afincada en Vigo María Reimóndez.

Presentada pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto e pola docente Anxos Rial (membro do xurado do Pinto e Maragota), a escritora, sinalou que “no libro ten moita importancia o pasado (da narración) que é o momento noso no que estamos. A cultura occidental colonizou e impuxo unha maneira de entender o xénero e a sociedade que realmente non é común ó xénero humano”.

Reimónez engadiu que “as culturas que denominamos atrasadas e que nos esforzamos tanto en xenocidar ó longo da historia e agora a través do discurso e das prácticas reais son as culturas que teñen a chave dun entendemento moito máis diverso do xénero”.

Preguntada sobre que porción da realidade está presente neste libro de ficción (“Cobiza” está editado por Xerais) respondeu que “aínda que é unha ficción é unha pregunta sobre cara onde nos imos dirixindo porque as cousas que aparecen xa están connosco”.

Un exemplo é a proxección de Galicia nun futuro tralo cambio climático pasando de ser verde a ser un territorio ermo. “Esa degradación está no presente como outros temas como a pandemia ou a visión patriarcal dos corpos como bens de consumo que se explotan”, argumentou.

Para a autora, o libro debe facer reflexionar ós lectores sobre as “interseccións nas que estamos en cada momento. O COVID foi como unha especie de faro xigantesco que botou luz sobre cousas que xa estaban aquí o que pasa é que ata agora non as padeciamos nós, senón outras persoas”.

Para Eva Mejuto, “Cobiza” é “unha obra moi especial e necesaria. É importante que un libro desta temática teña repercusión. É unha necesidade”, en alusión ó asunto da división entre homes e mulleres e a consideración dos transxénero.

Pola súa parte, Anxos Rial destacou que é unha novela “orixinal” que “comparte o soño dun mundo máis xusto e igualitario”.

“Cobiza” conseguiu o I Premio Literario Pinto e Maragota á Diversidade Sexual e de Xénero. A obra publicada por Xerais –coorganizadora do galardón xunto ó Concello de Pontevedra– é unha novela de ciencia ficción feminista na que a coprotagonista Luz nos amosa un mundo dividido entre Recunchos (no que se atopa o noroeste) e as Capitais.

A medida que vai revelando como funciona este mundo Reimóndez expón unha revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e do xénero así como das identidades e das orientacións sexuais. Tampouco esquece unha ollada feminista e ecolóxica ademais dunha crítica social.

Unha historia sobre a escravitude sexual

María Reimóndez ten focalizado a súa carreira como escritora e de voluntariado (ONG Implicadas no Desenvolvemento) no universo da muller e nas inxustizas que soporta pola desigualdade. Súa é a obra memorable “O club da calceta”. Na súa última novela, “Cobiza”, presentada onte no Club FARO descríbenos un mundo nun tempo que a priori descoñecemos –non se contabiliza tendo como referenza o nacemento de Xesús– e nun espazo onde todo está baixo o control do Sistema de Vixilancia Mundial (SVM). O seu lema é “Pola súa seguridade” e nel, en teoría, só homes e mulleres poden xuntarse ou convivir para ter familia. Un dos personaxes, Luz, é arrincada da súa familia ó cumpri-los doce anos. Ela vive no Recuncho do Noroeste nun mundo degradado onde “as Capitais (unhas zonas ubicadas lonxe) son os pulmóns do mundo, por iso toda a poboación debe traballar para mantelas”, recolle a novela. Onte, no Club FARO, María Reimóndez explicaba que no proceso creativo adoita traballar con varios proxectos á vez. “Cobiza” levaba un tempo na súa “neveira”, a carpetiña onde garda ideas. Tamén se autorrecoñeceu como unha “autora inqueda que necesita saír” de determinados formatos. “Teño a necesidade de desafiarme constantemente para ver se son capaz se desarrollar novas formas de contar”, engadiu. No libro, cóntanos como tras grandes pandemias distribuíronse as zonas de produción e funcións mundiais limitando os movementos dos habitantes. que albergan en cada fogar pequenos dispositivos de control. Só hai unha lingua única, unha pegada dixital dende o nacemento, a electricidade está totalmente restrinxida porque debe reservarse para as supercomputadoras de bitcoins. Sábese que houbo unha gran mutación a causa da contaminación que deixou estéril á maioría; tamén unha gran Desconexión que extinguiu os dispositivos de memoria. Neste mundo Luz da positivo nunha proba e gaña a Lotería da Fertilidade coa que a mandan á capital do Oeste. Nas diferentes páxinas imos tamén descubrindo a Jenny, Tassi e outros personaxes. Algúns son seres creados de material vexetal pero con forma humana.

Compartir el artículo

stats