“Dende que ían á escola, pasando polo instituto, a universidade ata contar o seu día a día actual nos departamentos científicos nos que traballan, así como a conciliación coa vida familiar, a maternidade e outras facetas”, expresa Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC-Galicia (Consello Superior de Investigacións Científicas). Ela será a encargada de dirixir as charlas que se celebrarán este xoves a través de Zoom cos centros participantes nesta edición do progama de xornalismo escolar FARO DA ESCOLA.

“Ciencia en feminino: as científicas tamén foron á escola e ao instituto”, é o título das conferencias telemáticas preparadas para o xoves co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o día 11 de febreiro e tendo en conta as actividades levadas a cabo nos centros nestas xornadas.

Serán dúas conferencias: a primeira ás 09:30, para alumnado de Educación Primaria, e a segunda ás 11:30, para alumnado de Educación Secundaria. As protagonistas serán Marta López Cabo e Eva Balsa-Canto, investigadoras do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e moderará Luisa Martínez.

Son moitas as causas da desigualdade existente no mundo científico entre homes e mulleres: a falta de referentes é unha delas

“O obxectivo da actividade é, por unha banda, dar visibilidade ás mulleres na ciencia e, por outra, achegar a vida de dúas científicas galegas á rapazada. Son moitas as causas da desigualdade existente no mundo científico entre homes e mulleres e, sen dúbida, a falta de referentes é unha delas. Pese a que dende hai uns anos se incrementou considerablemente o esforzo por dar a coñecer científicas e investigadoras destacadas, en moitos casos trátase de mulleres xa falecidas e/ou doutros países. Ademais de coñecer nomes como Blanca Catalán de Ocón, Christine Darden, Emilie du Châtelet, Valentina Tereshkova, Mae Jemison, Margarita Salas, Marie Curie, Rosalind Franklin, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, María Wonenburger... tamén é bo ter referentes actuais, de investigadoras próximas”, expresa o equipo organizador das charlas.

“Neste encontro Marta e Eva contarán ao público a súa historia vital e, para atopar espazos comúns co público, empezarán o seu relato cando eran nenas e estudaban na escola e tamén candoeran adolescentes e estudaban no instituto, viaxando polas súas experiencias ata chegar ao punto no que se atopan na actualidade”, expresa Luisa Martínez.