“As redes sociais teñen moito de biblioteca infinita, son un bo lugar para forzar as extremas da linguaxe. Non hai por que demonizar as redes; a inmediatez non é perigosa sempre”, asegurou a poeta ourensá Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández polo seu “Atlas” (Editorial Galaxia)no Club FARO. Precisamente, acompañou e conduciu a conversa –que se fixo vía streaming polas medidas de prevención do COVID-19– o director xeral de Galaxia, Francisco Castro,. Foi el quen consultou á escritora sobre algunhas interesantes propostas poéticas en redes sociais que, ás veces, están fóra dos circuítos da crítica literaria. Outra das preguntas, esta xa do público, foi un dardo aos libros superventas de verso fácil. “O criterio lector so se forza a base de ler”, reflexionou a autora, que fuxiu de críticas e recoñeceuse lectora desde a primeira infancia: “Non podería entender hoxe o meu paso á escrita sen entender a miña relación cos libros de nena”, reafirmou.

A fascinación como leitmotiv da orixe dos versos,a liberdade e a viaxe, exterior e interior, como guía das coordenadas de “Atlas” foron aparecendo na conversa. “A poesía era a miña linguaxe; fun unha gran lectora de foros de interrail e foi o meu modo de comunicarme, de achegarme aos lugares”, recoñeceu Alba Cid. Tamén, que o inicio desde “Atlas” que se construíu “a si mesmo” está nunha viaxe. Falou de Turquía en 2014. E o primeiro dos poemas foi a historia apócrifa duns tulipáns que aparece nas súas páxinas. A importancia da imaxe é latente desde a portada, que amosa unha fotografía con gran potencia e beleza narrativa. Trátase dun libro cheo de debuxos e imaxes. Esa idea raia co afán da autora de “confiar na condición física dos poemas; introducir unha imaxe que entre na textura do poema, construílo como se podemos visualizalo”, concretou. Porén, moito máis que un acompañamento ‘clásico’ do texto. E aí entran desde cartas de navegación, postais antigas, columnas ou imaxes recompiladas pola autora.

“Eu non escribo continuamente; son moi de crear un obxecto e que conviva comigo durante meses... ás veces aí trénzase algo”, recoñeceu a poeta sobre o proceso creativo. Precisamente, que o poema fuxa da planificación, esa “sorpresa” é un regalo da poesía para Alba Cid. “Por máis que se planifique un poema, o poema sorprende. É o máis fermoso do proceso de escritura”, recoñeceu.

E entre as ‘pegadas’ dese periplo, a fascinación e o asombro, recoñeceu a influenza de varias autoras norteamericanas (“A poesía norteamericana ten un gran peso en min; cálmame ler esas voces en torrente, esos xogos imposibles coa historia e anacronismos”). Aí están a canadense Anne Carson, de cabeceira, e tamén á poeta modernista estadounidense Marianne Moore. “De Marianne gústame a precisión, a ironía, que se interesou pola bioloxía. Achegouse naquela época á natureza cun microscopio tan persoal que nos amosa a un polbo ou un pangolín como ninguén o fixo. A súa modernidade é incrible. E Anne Carson é unha voz intensamente intelixente e capaz de moverse como quere entre xéneros”, indicou. Iso, sen abandonar Alba Cid o influxo da tradición poética galega dos anos 80 e 90. “É un peso innegable e do que continúo a beber”, recoñeceu.

Seguindo por ese camiño, chegou a pregunta: ¿é a poesía galega máis valorada fóra das nosas fronteiras? A autora defendeu a calidade dos proxectos que se fan. “Todo pasa polo que consideres por recoñecemento”, retrucou. Non obstante, a moza poeta indicou: “Vivín con alegría o nacemento de moitas iniciativas poéticas na última década e continúan a ter unha presenza, o que non resta que fagan falta apoios máis evidentes e rotundos, tamén desde o punto de vista institucional”, engadiu, ao tempo que o editor se sumaba á proposta. “En Galaxia apostamos por publicar poesía, están saíndo do prelo uns 9 ou 10 libros ao ano”, asegurou Francisco Castro.

O editor proseguiu coas preguntas. E chegou a quenda dunha persoa coa impresión de que so se publican libros de autores xa consagrados. Aí, Alba Cid defendeu os premios literarios como un espazo no que darse a coñecer. Aconsellou fuxir da obsesión por publicar. Pola súa banda, o director de Galaxia, Francisco Castro, enunciou unha pregunta que considera nestes casos: “¿Ti queres escribir, ou queres publicar?”.

“Estou dándolle unha volta a facer poesía para outras idades”

O director de Galaxia, Francisco Castro, percibiu en varias ocasións analoxías de Alba Cid con conceptos borgianos. Tras un longo transitar por “Atlas”, que incluíu a lectura dalgún poema, proseguiu coas preguntas expostas polos seguidores. Entre as derradeiras, que será o próximo de Alba Cid, en que traballa na actualidade. A poeta recoñeceu: “Estou revisitando a Xela Arias, a quen se adicarán as nosas Letras este ano... e estoulle dando unha volta a poesía para outras idades”, recoñeceu. O comentario deu pé a falar da importancia de ler –e ler poesía– non so en tempos de confinamento.

E deste seu traballo premiado, “Atlas”, Alba Cid recoñeceu a mestura de historia e ficción. E apuntou á curiosidade, ese exercicio de comprensión profundo e sorprendente “que é sempre o proceso de escritura dun poema”.

Con respecto á traxectoria vital de Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Desde moi nova foi (re)coñecida nas letras. Participou en volumes como “Poética da casa” (2006) e a antoloxía de Apiario “No seu despregar” (2016). Publica textos de creación e recensións nas revistas Grial, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora da Radio Galega; ilustra e mantén un “Gabinete de curiosidades”. Nos últimos anos, encargouse do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.