Pequenos entrevistadores de científicos

O alumnado do CEIP da Cruz-Budiño (O Porriño), un dos cerca de 60 centros educativos que participa nesta edición do Faro da Escola, tivo unha idea para o seu xornal deste ano, que xa vai collendo forma. Entrevistar a un científico/a. Non está mal! Un científico galego que traballa na Universidade de Pensilvania (Filadelfia): César de la Fuente-Núñez. Este biotecnólogo, elixido ‘Mellor Investigador Mozo de Estados Unidos’, xunto co seu equipo, creou un sistema capaz de detectar virus a través da saliva, do móbil e un chip. Con só 35 anos, César lidera un laboratorio de investigación na Universidade de Pensilvania. Agora queda o camiño para que aproben o sistema e poida empregarse, sería como unha especie de test que a través do móbil dá resultados en catro minutos. Este é un dos últimos traballos salientables, pero antes houbo moitos outros.

Os escolares de 4º de Primaria do CEIP da Cruz-Budiño transformáronse en entrevistadores por un día, co científico ao outro lado da pantalla. “Fixemos a entrevista pola tarde pola diferencia horaria. Os rapaces e rapazas estaban encantados e as familias colaboraron para que puidese ser pola tarde. O alumnado foi formulando as preguntas”, comenta César López, coordinador do Faro da Escola neste centro educativo.

Entre as preguntas formuladas polo alumnado hai cuestións ben interesantes. “Canto tempo che levou toda a túa formación ata conseguir o teu propio laboratorio? E cantos anos levas traballando?”; “Que é para ti o máis importante do estudo dos microbios? Estamos cerca de poder vencer ás superbacterias?”.

Os escolares tamén lle preguntaron como se sente ao ser parte da investigación para solucionar o tema do coronavirus ou se cre que pode haber novos virus. Non esqueceron os pequenos e pequenas a parte persoal. “Que che gustaba facer de pequeno? Tiveches algunha persoa que te inspirase a querer ser científico?”; “Que sentes cando recibes un premio? E como te sentes ao ser un dos mellores investigadores menores de 40 anos?”.

Será a entrevista estrela do xornal Faro da Escola deste centro de educación infantil e primaria. “No proxecto e na elaboración do xornal participa todo o colexio: cada nivel fai unha ou dúas páxinas”, apunta César López. Esta edición do Faro da Escola do CEIP da Cruz-Budiño terá unha parte moi científica, como é a entrevista a este investigador, ou unha reportaxe relacionada co medio ambiente.

Como este colexio aínda non ten moita experiencia na elaboración do xornal, o seu coordinador, César López, elaborou vídeos titoriais para que os mestres do centro saiban como se descarga o Scribus, o programa que se emprega para a elaboración do xornal escolar, que se imprime a final de curso na rotativa do diario decano e ten un aspecto de xornal real.

O CPR Plurilingüe Pintor Laxeiro, por exemplo,xa traballa no seu xornal escolar deste curso, que tratará sobre o Ano Xacobeo. O Colexio Divino Salvador, pola súa parte, centrará o seu periódico nunha reinterpretación de contos clásicos con moito humor, polo que adiantaron a FARO DE VIGO. Se nos queredes contar en que ideas estades a traballar para o xornal deste ano recibirémolas con moita atención!

Cada xornal, elaborado polos colexios participantes nesta edición do Faro da Escola,terá 32 páxinas (se o transcurso do curso debido á situación que atravesamos polo coronavirus así o permite). De non ser así o equipo organizador do Faro da Escola repensará as directrices para a elaboración do periódico final. A data de entrega para os xornais finalizados é o 10 de maio e a gala fin de curso está prevista para o 15 de xuño.