Manuel Rivas leva dende finais dos anos 90 enchendo de excelencia bibliotecas particulares e públicas de Galicia e do exterior. Nos seus libros, termos como compromiso ou liberdade son o eixo de vidas e historias que mesmo saltaron á televisión ou ó cinema. Pero o autor de bestseller como “O lapis do carpinteiro” ou “Os libros arden mal” alerta de que neste século XXI que asemella inhóspito e cruel para o ser humano verbas como “compromiso” parecen palabras “vintage”. Non obstante, el defendeu onte no Club FARO que “na historia da literatura, as obras que pagan a pena son as profundamente comprometidas”.

Como exemplo, citou á tataravoa das narracións: a “Odisea”. Non obstante, lamentou que verbas como compromiso semellan “ter quedado no camiño para ser só útiles para exposicións en museos sobre as vangardas. Hai un intre no que esas palabras volven escintilar” de novo.

Así, valeuse dunha cita do escritor portugués Miguel Torga –autor nacido no 1907 e falecido no 1995 quen foi represaliado durante a dictadura salazarista e recibiu o Camões– na que deixou dito: “O primeiro compromiso de quen escribe é escribir; mais debe saber que todo o que escribe comprométeo”.

Rivas foi presentado polo profesor e articulista vigués Manuel Bragado –quen publicou como editor de Xerais a meirande parte dos seus libros– e quen onte aproveitou para preguntar ó escritor coruñés a orixe e significado do seu último libro, “Zona a defender” (Xerais).

O escritor de “Os comedores de patacas” ou “Que me queres amor?”explicou que se trata dunha “expresión que nace da loita” para protexer determinadas áreas da especulación urbanística. “O gran negocio dos megaproxectos é facer unha obra independentemente de se é útil ou non”, enfatizou.

Manuel Rivas avogou onte no Club FARO, ou igual que destaca na súa última obra que todo o planeta Terra debería converterse nunha zona a defender.

En “Zona a defender”, Rivas ofrece unha compilación de escritos ensaísticos, un “libro-manifesto” como dixo Bragado, co que busca argumentar os riscos do capitalismo salvaxe, do quecemento global e da falta de liberdade.

Para superar esta anquilosada orde mundial e paralizar unha nova contraria ós intereses das persoas como comunidade, o escritor galego (que ten sido galardoado co Premio Nacional de Literatura ou o Torrente Ballester) plantexou un deber: “Hai que descoloniza-las mentes e abrir unha fenda no que semella un mundo insalvable”.

Entre as palabras que tamén se deberían recuperar no seu significado máis profundo e sen deturpacións tamén estarían decoro ou revolución. Para Rivas, conseguir agora mesmo ou nun futuro inmediato “unha sociedade decente sería xa unha revolución”.

Para iso, hai que lanzar previamente un may-day, un sinal de alarma para recibir axuda urxente de maneira que se poida salva-la comunidade xa que ou ben defendemos esta idea de colectividade ou aceptámo-lo caos. “Ou colectividade ou caos”, dixo.

Tanto Bragado como Rivas lembraron a época do Prestige porque foi naquel entón cando o exdirector da editorial Xerais escoitou ó escritor pronuncia-la palabra may-day nunha entrevista radiofónica.

Rivas asentiu e rememorou que nese intre a sociedade estaba “desbordada” e que, sen embargo, esa sensación de “colapso” non evitou que a sociedade en xeral buscase alternativas á chegada do tóxico chapapote ás costas ou á falta de medios para limpa-lo fuel cando mesmos faltaban traxes e máscaras especiais como escasearon ó inicio desta pandemia.

Para o xornalista, esa acción da colectividade evitou que ocurrira o que lle está a pasar agora á sociedade, que presenta un “desacougo colectivo”.

“Ten que haber unha ruptura coa corrupción” , sinala

“Se queremos unha sociedade decente ten que haber unha ruptura coa corrupción”, avisou onte no Club FARO Manuel Rivas. “Hai en certa xente en España un xeito de ser republicano que me fai chiste. É o que chamariamos monárquicos republicanos ou republicanos juancarlistas inda que agora esta última especie parece que está desaparecendo; só deben quedar algúns en Sanxenxo”, indicou con sorna. A pesar de esta crítica, subliñou que respeta “as persoas que defenden a monarquía parlamentaria”. Mais engadiu que houbo un periodo de “confianza mutua”, “de moratoria”, que quedou agora en suspenso de xeito que o vindeiro paso que el propón consistiría na “corruptura”. É dicir, na ruptura coa corrupción. Nese camiñar cara unha sociedade mellor, tamén indicou que sería preciso dinamiza-la posibilidade de moverse cara unha clase social superior dun xeito “máis igualitario” sin que “se naza co estigma da clase social” de xeito que acabe por inmobiliza-lo individuo. Asemade, Rivas tamén opiniou sobre o xornalismo actual indicando que os informadores e informadoras de agora deberían “mollarse” máis á hora de dá-las novas. Dese xeito dariase unha solución “á crise existencial” que sofre a profesión na actualidade.

“O partido dominante de agora sería o conformista”

Na análise social que realizou na súa charla sobre o momento actual tamén se fixou na sociedade. Ante a pregunta de Manuel Bragado de se o seu último libro “Zona a defender” é “un alegato contra o inconformismo” Rivas respondeu afirmativamente. Engadiu, ademais, que “o partido dominante agora” máis có Partido Popular sería “o partido conformista”. Como alternativa, propuxo “aprender a pensar” e non deixarse levar polo actual proceso de aceleración no que estamos inmersos.