“A ciencia avanza dun xeito moi rápido, atronador. Constatamos como evolucionou en cen anos: en 1920 so se sabía da nosa galaxia; a Vía Láctea era o Universo”, asegurou o físico e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago, Jorge Mira, no Club FARO. O divulgador científico galego protagonizou unha conferencia –vía streaming, por mor da COVID– na que fixo un repaso por fitos históricos da ciencia en clave esquemática e seguindo o periplo que marca o seu libro “¿A que altura está o ceo?” (vai por tres edicións en galego e unha en castelán, na editorial Alvarellos). Un século despois, a finais do segundo milenio dátase un dos acontecementos no que Jorge Mira puxo o acento: “Cando se lembre o maior descubrimento entre o milenio segundo, e terceiro penso que se recordará a maior incógnita da ciencia actual: a enerxía escura que tanto abunda, tres cuartas partes do Universo aínda están por descubrir”, afirmou.
Foi presentado de xeito tamén virtual polo profesor de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo Martín López Nores que, tras destacalo como un dos asesores do goberno galego na primeira vaga da pandemia. e creador da aplicación de ventilación das aulas galegas contra a COVID, quixo transitar por sendeiros menos coñecidos do seu currículo. Así deu a coñecer os méritos de Mira como campión de natación e de baile de salón e tamén en primeira división da competición galega de xadrez.
“¿A que altura está o ceo? É unha pregunta que da nome ao meu último libro e que simboliza moi ben onde está o límite do coñecido”, explicou o físico. Como non podía ser doutro xeito, enraizou a ponencia nos gregos, que vían partir os barcos no horizonte e pensaban se a Terra sería redonda. “Eratóstenes vendo a sombra que facía o sol nunha columna, obtivo un valor do tamaño da terra moi preciso”, relatou Mira É tres veces máis grande que a lúa. “Unha medición moi precisa”, louvou. Logo chegaría ata Aristarco de Samos, que tres séculos antes de Cristo, “sen ningún tipo de ferramenta máis que unha cabeza intelixente. e vendo unha eclipse de lúa. colocou ao sol no centro no centro so sistema”.
Da antigüidade, Mira saltou logo ata o século XVI-XVII para deterse no alemán Kepler: “Chegou a dar pautas para saber que planeta estaba máis cerca ou lonxe, ordenounos. Así como o xenovés Giovanni Cassini no século XVII, que dimensiona a distancia ao sol... Pero “no século XX so se coñecían as distancias a algunhas poucas estrelas”, reparou. Tras reparar na impronta de Heinretta Leavitt e o seu traballo sobre estrelas pulsantes, proseguiu: “Houbo que agardar a finais da Primeira Guerra Mundial, cando se mediu o tamaño da Vía Láctea, que é duns cen mil anos luz. Entón críase que a Vía láctea era todo o Universo que existía”, insistiu.
Pero aquilo non era todo. “Edwin Hubble descubriu algo que estaba máis lonxe que a Vía Láctea. En1923-24, asombrou ao mundo ao dicir que a Vía Láctea non era a única galaxia que existe. Hoxe, Hubble sería Premio Nobel, porque determinou que canto máis lonxe estaba unha galaxia, máis rápido se afastaba de nós”. Logo, Jorge Mira, que reparou durante unha hora naqueles perfís menos (re)coñecidos –quizais– para o público xeral, introduciu a pegada dun cura belga, Lemaitre. El postulara antes que ninguén a tese do “inflado” expansivo do Universo.
“Non foi Einstein o primeiro en decatarse na súa Teoría da Relatividade, pero o seu descubrimento quedou inédito”. Os científicos para mofarse do cura, dixo que a teoría era un ‘rebentón’, un big-bang. E logo, chegaría a máis célebre teoría de Hawking, que mantivo un contacto estreito con Mira e que viaxaría a Galicia tralo seu convite.
“O universo observable é finito. Ten unha idade que pode calcularse... Estamos chegando ao fío do século XX e temos a pregunta case resolta. A altura do ceo... pero en 1998 Adam Riess, Brian Schmidt e Saul Perlmutter descubriron que cada vez o universo se expande máis rápido e gañaron o premio Nobel en 2011. ¿Que é o que o acelera? A enerxía oscura, que é a maior parte do Universo. Con iso descubrimos que tres cuartas partes do Universo son enerxía escura.”, atallou o físico galego. Como conclusión, Mira destacou que “a enerxía escura é como un manancial do baleiro, da súa descuberta ten que saír algo brutal”.
“As persoas con talento precisan dunha sociedade fértil para florecer”
Máis alá do percorrido histórico pola ciencia (e os seus protagonistas), tocáronse outros aspectos. ¿Por que houbo que agardar ao Renacemento, desde a Antigüidade, para chegar a novos e brillantes descubrimentos na astrofísica? “O talento precisa dunha organización social para medrar, sen ela foi como plantar unha semente por riba do cemento. Os pensadores precisan de talento pero tamén dunha sociedade organizada. Na etapa grega, as ideas florecían. Na idade media houbo un parón e houbo que agardar ao renacemento”, proseguiu.
Tras hora e media enfiando persoeiros e descobertas, proseguiron as preguntas dos asistentes. Que hai antes do Big Bang? “É a gran pregunta. Como se pasou da nada a algo, é a interrogante fundamental da humanidade. Para a ciencia, da nada non pode saír nada máis que a nada. Non é respostable, quizais esteamos nun borde entre ciencia e relixión”, recoñeceu Jorge Mira. “Creo que é unha pregunta que nunca se vai responder”, completou.
Ao mesmo tempo, López Nores destacou que “en tempos de negacionistas, faise máis fundamental a divulgación científica. Un terraplanista non pasaría da páxina 5 do libro”.
Dentro do percorrido, tiveron unha lembranza ás achegas galegas, co nome propio de Ramón María Aller Ulloa, “que fixo moitas contribucións e é un dos alicerces da facultade de matemáticas”. Ou de Domingo de Soto, pai da gravitación e confesor de Carlos V.
“É todo verdadeiramente interesante, pero tamén inquietante”, bromeou o presentador. Máis preguntas (con nivel), e respostas: “Si se acelera cada vez máis rápido, ese Universo sepárase a unha velocidade que é maior a velocidade da luz. Dentro de moitísimo tempo, o ceo será totalmente negro porque será todo escuro, e todo estará lonxe de todo”, vaticinou Mira. Tamén se falou a vacina contra o alzhéimer. “Hai un mes conseguiuse en ratos reverter as células para que rexuveneceran. Ao mellor en 50 anos pasa como con Lobezno”, chanceou o físico. ¿Podería haber máis dun Universo?, proseguían as interrogantes. “Todos somos pó de estrelas”, finalizou.