Este ano 2021 é Ano Xacobeo e este feito supón unha fonte de ideas para os centros educativos que participan nesta VI Edición do proxecto de xornalismo escolar Faro da Escola, case sesenta colexios da provincia pontevedresa. É o caso do CPR Plurilingüe Pintor Laxeiro, que ten previsto abordar este tema nas páxinas do xornal escolar desta edición do proxecto. Segundo explican fontes do colexio o Ano Xacobeo será un motivo para indagar e elaborar reportaxes e informacións sobre costumes, tradicións e cultura de Galicia.

Seguro que son máis os colexios que introducen algunha información relacionada co Xacobeo nos seus xornais. De momento non todos os centros que participan no proxecto teñen claro os contidos que van introducir no mesmo. Normalmente é a partir deste segundo trimestre cando empezan a traballar nas historias, ideas, investigacións e documentación para poder escribir as noticias popias, que conformarán o seu propio xornal e que a final de curso se imprime na rotativa do diario decano, FARO DE VIGO.

Foto dunha edición anterior

Foto dunha edición anterior FDV

É a estas alturas do curso cando empezan a elaborar o xornal. Hai que ter en conta que este curso é diferente polo tema da Covid-19, con esforzos ‘extra’ nos centros educativos para poder desenvolver o día a día das aulas cumprindo as restricións pertinentes. Son varios os colexios que así o explican, se ben nas mentes empezan a rondar as ideas para as reportaxes de investigación, tiras cómicas, noticias, fotografías, suplementos, cidades violetas…

Ao crear o seu propio xornal, o seu ‘Faro da Escola’, os estudantes aprenden a contar historias e desenvolven o pensamento crítico. Informacións con infografías, entrevistas a persoas destacadas (ou non), cousas que pasan nos seus colexios contadas con rango de noticia e ata investigacións a pé de rúa para construír despois unha historia ou facer un balance, como un estudo do sexismo nos xoguetes, por exemplo, traballo de campo incluído. Alumnado de primaria elabora cada curso o seu propio xornal, xogando a ser pequenos xornalistas pero, sen dúbida, aprendendo moito sobre redacción, contar historias e destacar o interesante. Na anterior edición participaron máis de 60 colexios e 4.500 alumnos e alumnas.

Suplemento del Labor

Suplemento del Labor FDV

No Colexio Divino Salvador, por exemplo, xa teñen clara a idea para o seu xornal deste ano. Será un periódico en tono humorístico, contan dende o centro.

“A idea é facer un xornal sobre o mundo dos contos, as partes do xornal estarán relacionadas con todos os contos que coñecemos: Carapuchiña Vermella, Brancaneves, etc… pero contado todo de xeito humorístico. Por exemplo, podemos introducir unha receita, da mazá con veleno da madrastra… ou unha páxina de breves na que os porquiños están buscando un construtor, en referencia ao conto tradicional. Cousas así, dende a perspectiva do humor facer un xornal do mundo dos contos”, avanzan dende o Divino Salvador. Un enfoque ben orixinal e ben seguro que haberá moi boas ideas para crear os xornais deste curso. Moito ánimo a todos e a todas!

Premio CSIC al C. Mercantil

Premio CSIC al C. Mercantil FDV

Envío de exemplares en branco

Os centros educativos participantes reciben un exemplar do periódico en branco a principios deste trimestre. O equipo organizador do FARO DA ESCOLA prevé a impresión dos mesmos, para cada un dos colexios participantes nesta VI edición, “nos próximos días”. Unha vez impresos envíanse a cada un dos colexios e alumnado e profesorado participante xa teñen material para empezar co deseño e planificación do xornal deste curso. Son 32 páxinas cada un dos xornais. Se as condicións deste curso o fan posible, sempre pendentes da evolución da situación sanitaria e das normas Covid-19, cada centro elaborará un xornal de 32 páxinas. Se acontece calquera imprevisto que impida a evolución normal do curso, como un cambio na presencialidade, por exemplo, podería decidirse un cambio na elaboración do xornal. No curso pasado, por exemplo (con meses de aulas na casa debido á irrupción do coronavirus), elaborouse un xornal común, é dicir, entre todos os colexios participantes no proxecto de xornalismo escolar.

Páxinas con aspecto de xornal con Scribus

Para elaborar as páxinas con aspecto de xornal? O equipo de FARO DA ESCOLA, a través do espazo (www.farodaescola.es), pon a disposición dos centros participantes as descargas necesarias de Scribus, un programa de maquetación de páxinas dispoñible en 24 idiomas. É un programa gratuíto e multiplataforma de autoedición. Serve para crear revistas, periódicos, carteis, calendarios, trípticos en formato PDF con formularios e contido interactivo. No ámbito educativo Scribus pode empregarse para elaborar unha revista escolar, para crear liñas do tempo e mapas conceptuais en Ciencias Sociais, para deseñar infografías en Ciencias Naturais, para xerar trípticos sobre distintas celebracións... Os arquivos poden xerarse como PDF para compartilos a través do blog escolar. No espazo virtual do Faro da Escola pode descargarse o programa, cun manual de uso, e tamén hai acceso a maquetas para a elaboración do xornal.

Varios premios por categorías cada curso

O premio ao mellor periódico esperta moito interese cada ano. O Colexio Divino Salvador, que nos conta a idea para este curso, xa coñece esa sensación ao gañalo en 2019. O xornal simulaba unha máquina do tempo, unha viaxe ao pasado con personaxes históricos como a espía Mata Hari, o inventor Guillermo Marconi ou López de Neira, o primeiro vigués que tivo luz eléctrica na súa casa. A través da imaxinación o alumnado foi partícipe das historias do pasado en Vigo e con esta orixinal idea crearon o seu xornal. Tamén nesa edición o Colexio Labor levou o premio ao mellor suplemento cun especial sobre os avós e o CPR Plurilingüe Mercantil o premio especial CSIC. Cada ano entréganse galardóns ao mellor periódico, á mellor entrevista, á mellor reportaxe, á mellor fotografía (mellor uso de fotografía en prensa, que destaca a calidade de todas as fotografías do xornal e tamén á mellor fotografía de portada), á mellor tira cómica, ao mellor suplemento, ao mellor uso da infografía, ao mellor deseño, á mellor investigación centrada no uso da hemeroteca do FARO, e tamén este ano haberá un premio sobre a temática ‘Vigo, cidade violeta’, sen desigualdades, que patrocina o concello. Tamén hai premios especiais de FCC, Vitrasa, Vegalsa, Xerais, CSIC... patrocinadores e colaboradores do proxecto de xornalismo escolar, xunto coa Deputación de Pontevedra.