“O bum da novela negra galega explícase pola calidade das autoras e dos autores”. Así de rotundo interpretou o escritor e editor de Galaxia, Francisco Castro, o éxito que autores como Domingo Villar, Pedro Feijoo, Diego Ameixeiras, o mesmo Francisco Castro ou Arantza Portabales tiveron no mercado galego chegando a ser traducidas as súas obras noir a outros idiomas como foi tamén o caso do “Infamia” de Ledicia Costas. O máximo responsable de Galaxia realizou estas declaracións onte no Club FARO na charla que ofreceu xunto á Arantza Portabales.
Baixo o título “Estamos diante da idade de ouro da novela negra en Galicia?”, os dous foron debullando detalles do tema presentados pola xornalista Tamara Novoa.
Castro sinalou que a xente “non le” novela negra en galego “por militancia” coa lingua ou co sistema literario de noso. De feito, tanto el como Portabales recoñeceron que teñen oído de lectores seus e doutros autores do país que non adoitaban ler libros en galego pero que con eles si o facían.
Para explicar esta idade de ouro do xénero, a xornalista Tamara Novoa lembrou o fito de “Crime en Compostela” que inaugurou no 1984 da man e mente do xornalista Carlos Reigosa a historia da novela negra en galego. “Foi o instante fundacional” do noir, recalcou Castro quen tamén resaltou a obra de Manuel Forcadela con “Sangue sobre a neve” no 1990.
Estes exemplos incipientes, o noir pasaría uns anos posteriores esquecido na lingua galega ata que o vigués Domingo Villar sacou do prelo con Galaxia no ano 2006 “Ollos de auga”, novela traducida xa varios idiomas e á que seguirían “A praia dos afogados” (da que houbo versión cinematográfica de Gerardo Herrero con Carmelo Gómez como Leo Caldas), e “O último barco”.
Relatou Castro que os fans de Villar –entre os que se atopa Arantza Portabales– estiveron anos demandando a última entrega da novela que tardou unha década en chegar ás librarías.
O director de Galaxia (que explorou o noir con éxito de vendas en “Tes ata as 10”, no que un editor mergúllase na Galicia do franquismo, na prensa da época legalizada e a clandestina) rememorou tamén como lectores fans seus tamén lle solicitaron unha segunda historia co inspector Hermida de “O corazón de Branca de neve”, sen embargo, a pesar de varios intentos, non deu estruturado e acabado a obra.
Pola súa parte, Arantza Portabales explicou que escribe novela “para divertirse” e que mesmo o pasa “mellor a escribilas que a lelas”. Para ela, no xénero noir, as autoras e autores deben establecer un “equilibrio imposible” –parafraseando a canción de Los Piratas e subliñando ser fan de Iván Ferreiro– para mante-lo interese do lector explicando que pasa e por que. “Ese é o motor á hora de escribir novela negra”, apuntou.
Non obstante, sinalou que para mante-la atención ata ó final, ó lector de novela negra “hai que enganalo pero sen mentirlle. Manter ese equilibrio é o máis difícil” e lógrase sempre dosificando a información.
Confesou que ó igual que Castro nunca entrou nunha comisaría para documentarse para un libro e só para facerse ou renovarase o DNI. Portabales engadiu que no seu caso está familiarizada coa linguaxe xurídica –estudou Dereito– o que lle facilita escribir sobre crimes, autopsias...
Como punto de inspiración, lembrou que a frase que inaugura “Beleza vermella” (Galaxia), “A beleza é vermella coma unha cunca de cereixas”, xurdiulle un día de casualidade, ó tempo que lembrou que as obras de arte que xorden no libro son as de Celeste Garrido (amiga de Arantza), curiosamente unha das autoras que amosa a súa obra actuamente no MARCO, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, onde onte se celebrou o Club FARO. Algunhas das pezas da mostra figuran na novela.
“Vigo é o escenario perfecto para unha trama”
O escritor Francisco Castro destacou a importancia que ten a cidade olívica na súa obra, na que o barrio de Teis aprece de cotío. Para el, “Vigo é o escenario perfecto para unha trama”, debido ó misterio da zona portuaria pero tamén –inda que máis no pasado que na actualidade– ó seu casco antigo onde antano había zonas que era mellor non transitar só a determinadas horas. Arantza Portabales, pola súa parte, sitúa en Compostela as súas historias. A escritora indicou que para ela é necesario “transitar” os espazos polos que camiñan os seus personaxes. Esta querencia de ámbolos dous autores de situar as súas historias negras en emprazamentos coñecidos conecta tamén co desexo dos lectores de coñecer eses lugares e mesmo transitalos. De aí, a importancia nos últimos anos dos roteiros literarios, mesmo con reclamo turístico. Castro comentou que na parroquia de Tirán (Moaña) os veciños están a rexistrar unha interese de xente foránea por coñecer os itinearios e espazos dos que fala a última novela de Domingo Villar, “O último barco” que curiosamente tamén ten varios puntos chave da súa trama preto do MARCO: a taberna do Elixio no inicio da rúa do Príncipe, onde está o museo; e a Universidade Popular, a poucos metros de distancia. É máis no Elixio, Castro comentou que hai xente vinda doutras latitudes, como Madrid –inda que sabemos que os vernáculos tamén caemos nesta tentación ás veces– , que procura a mesa na que senta Leo Caldas nos libros de Domingo Villar. O editor Francisco Castro amosou que el ten disfrutado moito amosando ós seus lectores os edificios e recovecos dos mesmos que aparecen en libros seus. Por suposto, aproveitou para salientar a etiqueta de novela negra viguesa dentro do fenómeno galego lembrando que hai bibliotecas que clasifican así os libros de noir de autores vigueses. Tamén, como chiscadela, recalcou que esa etiqueta non a hai con autores de Compostela, o que replicou Arantza Portabales indicándolle que lle dera tempo, que todo iría chegando.