“Lavar a roupa dos presos da illa de San Simón foi un acto moi revolucionario,transgresor, polo que as mulleres se enfrontaron a multas ou xogaron a vida”, defendeu onte a escritora Eva Mejuto no Club FARO. A illa de San Simón foi, durante a Guerra Civil, cadea e campo de concentración de máis de seis mil homes. Desde a outra beira, no lavadeiro de Xunqueira en Redondela, moitas foron as mulleres que axudaron, desinteresadamente, a facerlles máis soportable a condena levando comida e roupa limpa á illa. “Dar roupa limpa, naquel contexto, foi un acto de afecto que forma parte de accións cotiás aparentemente insignificantes pero que, se integran nunha rede de axuda importante para conseguir a liberdade”, ampliou Mejuto.

A súa lectura do álbum ilustrado “A lavandeira de San Simón” (Xerais) foi precedida polas palabras do director da editorial Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso, que explicou que se trata do texto inaugural dunha colección (“Pequena memoria”) que recupera unha parte da historia colectiva galega e que vai dirixida non só a un público infantil ou mozo, senón adulto e que cómpre revivir. “É unha historia de rebeldía e solidaridade”, afirmou o editor.

O libro baseado na historia da represión na illa de San Simón conta con ilustracións de Bea Gregores, que tamén tomou a palabra: “Moitas veces non queremos ensinar a un neno a fame, a guerra, a morte ou perda dun ser querido para que non sexan conscientes... e con ese tipo de pensamento, a nosa historia queda olvidada. Este é un libro para traer a memoria e reflexionar, dende o punto de vista de persoas de a pé, sen buscar grandes heroes porque a heroína aquí pode ser a túa avoa lavandeira”.

O libro fala dun capítulo da historia visto dende os ollos dos nenos e das mulleres que altruístamente lavaban a roupa daqueles homes e lles levaban comida. “Interesábame esa ollada porque non é tan común cando se recuperan este tipo de historias; é o papel dos que non contan na historia. Os nenos foron as vítimas máis caladas de todas as guerras”, apuntou Eva Mejuto, que explica que o libro ten detrás documentación e testemuñas orais. “Creo que a través da literatura se poden encher ocos que a Historia deixa baileiros”. É unha homenaxe a historia real na que está baseada. Tanto é así que unha das ilustracións interiores reproduce unha fotografía real que xa valera de cuberta do libro “Aillados (A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón)”, de Juan Antonio Caeiro. E moitas das fotos antigas recopiladas para a escritura do libro aparecen nunha escolma nas gardas, así como unha explicación da historia. “Parte dunha historia real, do pai da miña cuñada, que nos contaba cousas sobre a illa”, expresa a autora. “Na miña familia falábase que Xulio Lima Outeda, o pai da miña cuñada Margó Lima Outeda tivera ao seu pai: Rafael Lima Pintos preso en San Simón, que a súa muller, Peregrina Outeda ía visitalo ao presidio, levando ao pequeno Xulio con ela. E ese foi o punto de partida, contar a historia desde a perspectiva do neno que vai ver o seu pai, que non entende nada, que consegue apenas falar con el uns minutos a través das reixas e do balborsdo. Souben, despois de asistir a homenaxes das mulleres chamadas “lavandeiras“, desa rede de axuda anónima e solidaria e decidín que ese fora o eixo da historia”, indicou. A sorpresa para a autora foi “máxica”cando soubo que a editora de Xerais, Anair Rodríguez, tivera na súa familia dúas lavandeiras: a súa bisavoa Ramona Míguez , A Monera, e a filla desta e avoa de Anair, Teresa Otero Míguez. Así, a nena protagonista do álbum pasou a chamarse Teresa”. Tamén foi incluida nas gardas a carta dun dos presos de San Simón nos seus derradeiros días.

Por tanto, Xulio e Teresa, as dúas crianzas da historaia, existiron na realidade. Teresa ía coa súa nai, Ramona A Monera, lavar a roupa dos presos e levárllela limpa á illa, xunto con algo de comer, cando se podía. Mentres, Xulio acompañaba a súa nai Peregrina, desde Portonovo a Redondela, e de alí a San Simón, para ver o seu pai Rafael. Moitas veces pasaban o día enteiro na viaxe para estar apenas dez minutos cunha reixa de por medio. Polo camiño, Peregrina miraba nas cunetas por se aparecía alí o seu home asasinado, como a ameazara un Garda Civil da vila. “A rapazada debe non ser allea á historia cando o fascismo chama a porta”, indicou.

Un fillo da ‘lavandeira’ Elena Solla sorprende cun agasallo feito polos presos

Unha das sorpresas da xornada agardaba para o final. Carlos Covelo Solla, fillo de Elena Solla, unha das mulleres que cociñou e axudou coa roupa de aqueles presos, chegou desde o barrio de A Portela, de cuxo porto –ademais do de Cesantes e San Adrián de Cobres– partían os ‘lachóns’ para a illa. Traía dúas caixas talladas de madeira de buxo. Nunha delas, as iniciais da súa nai e unha nota adicada polos presos, en agradecemento da súa axuda. A súa intervención, memoria viva de Redondela, colleitou un sonoro aplauso do público. Entre 1936 e 1943, calcúlase que preto de seis mil homes estiveron presos na illa de San Simón, situada na enseada da ría de Vigo e actualmente pertencente ao Concello de Redondela. O conxunto das illas San Simón e Santo Antón, que foran ata ese momento convento e lazareto do porto de Vigo, actuou como presidio e campo de concentración durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista. Ao longo deste período, estímase que uns setecentos homes morreron na illa de enfermidade e malnutrición, a causa das terribles condicións de amoreamento, á falta de hixiene e de alimentos, así como polos traballos forzados aos que estaban sometidos. Tamén houbo “sacas”, cando os presos eran “paseados”, sacados da illa, asasinados en plena noite e abandonados no medio das cunetas. Debido á saturación, en 1938 recalou entre San Simón e Redondela o buque Upo Mendi, que serviu de prisión auxiliar para máis de setecentas persoas. Estas padeceron “condicións aínda peores ca na illa”, segundo lembrou Mejuto, “ateigados de ratas e de piollos”. En 1939, un numeroso grupo de presos anciáns foi recluído en San Simón sen apenas comida para sobrevivir. Na súa meirande parte, morreron, proseguiron. A autora valeuse de dous vídeos gravados con testemuñas orais. Nas vilas próximas, os lanchóns achegaban os familiares dos presos a San Simón. Nais, irmás, mulleres, fillos e fillas viaxaban cara a Vilaboa ou Redondela e, desde o porto de Cesantes ou A Portela, levábanlles aos seres queridos roupa, comida e un anaco breve de compaña e afecto; o pouco que podía coarse entre as reixas e os gardas armados que vixiaban.