Macamen Blanco, unha das feministas que concienciaron co seu bo facer, os seus coñecementos e o seu discurso cando aínda non existían os colectivos feministas nos anos de negra sombra da ditadura de Franco recibiu onte no Club Faro unha homenaxe sentida de amizades e familia. No acto, Ana Míguez –cofundadora do colectivo Alecrín, xa extinto– descubriu anécdotas dunha vida de película dunha muller que xunto ó seu marido, o arquitecto Xosé Bar Boo “deu refuxio na súa casa a represaliados franquistas e a outros en perigo de selo”.

“De feito, eu entereime máis tarde que no 23-F, que tanto medo nos provocou a todo o mundo, eles tiveran a algunha persoa agochada ou protexida”, engadiu Míguez no coloquio “Recordando a Macamen Blanco Gracia”.

Este foi presentado pola concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, e nel participaron ademais de Míguez, o doutor Antonio Moreno, exdirector médico do Hospital Meixoeiro de Vigo; e Carmen D. Grandal, farmacéutica así como compañeira de traballo tanto de Moreno como de Blanco Gracia.

Grandal lembrou como lle impactou cando Macamen lle contou o vivido e sentido no golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, como ela e a súa familia tiñan preparado todo para, en caso de gañar pola forza os militares, marchar a Portugal. Naquel momento á farmacéutica Carmen D. Grandal, que traballaba con Macamen no Ambulatorio de Coia (Vigo), no laboratorio de analíticas, parecíalle que esaxeraba. “Pero me miró –engadiu– muy seria a los ojos y me contestó muy seria: ‘Carmen, si ganan los golpistas, yo sé cómo se las gastan’. Más tarde, comprendí a qué se refería. Menos mal que no triunfaron porque hubiésemos perdido a esta gran mujer”.

Pero Mancamen Blanco –que desempeñou cargos na executiva local do PSOE en Vigo; ademais de farmacéutica titular no Hospital de Vigo; e especialista de cupo de análises clínicas por oposición no Ambulaltorio olívico de Coia– foi ante todo feminista.

Para esta Viguesa Distinguida no 2006, “era muy importante la liberación económica de la mujer” , destacaba onte o doutor Antonio Moreno quen engadiu que a paixón da homenaxeada era falar da situación da muller.

Moreno lembrou como ela reflexionaba sobre as mulleres estaban conseguindo unha aparente igualdade entre homes e mulleres a finais do século XX. Para ela, a situación da muller na sociedade dependía de múltples vectores como a clase social, nivel cultural, relixión, desenvolvemento político e social da sociedade. Estes factores interpoñíanse no desenvolvemento da muller.

A concelleira Uxía Blanco e outras conferenciantes lembraron como se fixo feminista Macamen Blanco, nacida nunha familia moi ben acomodada de Cariñena (Zaragoza). A decisión tomouna un día ós seus 6 anos de idade ó escoita-lo seu avó recriminarlle a seu pai a ver cando tiña fillos varóns xa que as mulleres non valían para nada.

Esas verbas fixeron que tomase conciencia do que era ser muller nun mundo no que esta estaba supeditada ó seu marido, cunha perda enorme de dereitos no franquismo respecto á II República cun retroceso en pleno século XX ó código civil de 1889.

Míguez lembrou como dentro do colectivo Alecrín Macamen era unha das encargadas das tertulias literarias. Ó respecto tódolos conferenciantes louvaron o seu alto nivel intelectual, como era unha infatigable lectora e como animaba á lectura.

Unha asistente ó Club Faro tamén recordou que Macamen abriu espazos cando as asociacións de muleres ou feministas non estaban legalizadas para dialogar sobre cuestións da muller.

O pouso “dunha muller extraordinaria”

O doutor Antonio Moreno lembrou a biografía dunha persoa que Ana Míguez calificou de “muller extraordinaria”. Macamen Blanco nacera en Cariñena, Zaragoza, filla de María Gracia, da que a propia Macamen resalta que tocaba moi ben o piano, e de Pedro Blanco, comerciante e militante de Izquierda Republicana así como admirador de Azaña. Macamen estudou o bacharelato como interna nun colexio de Zaragoza para, finalmente, elixir a carreira de Farmacia en Madrid. Ante a idea do avó de que as mulleres non servían para nada, ela tiña claro que debía marchar fóra estudar para desenvolverse por si mesma e demostrar coa súa persoa que o antergo estaba máis que trabucado. Durante os estudos universitarios na capital española, coñeceu a Xosé Bar Boo, un estudante de arquitectura. Os dous decidirían establecerse na cidade de Vigo a partir do ano 1957. “Siempre nos hablaba de Xosé con verdadera devoción tanto como por su persona como por su obra arquitectónica”, sinalaba onte Moreno que lembrou unhas liñas que ela escribira sobre o seu home en “A Nosa Terra” no 1999. Na publicación galeguista, escribía que “durante toda a súa vida renunciou a dirixir numerosas edificacións porque os construtores se negaban a cumprir coas súas esixencias de calidade na edificación e nos materiais a empregar”. Como consecuencia desta ética profesional, Boo –segundo relataba Macamen– foise gañando fama de incómodo, caro e esixente. Sen embargo, o que quedou para este presente e o futuro foi que fixo “felices” ós que “vivían” nas vivendas que el deseñaba, concluíu o doutor Moreno. O brillo de Macamen foise apagando ós poucos debido a unha doenza que nos últimos tempos da súa vida desembocou en que xa non recoñecía as súas amigas e amigos, “esquecía cousas...”, sinalou Míguez nunha alocución emotiva, tanto como as que tamén lle brindaron o doutor Moreno e a farmacéutica Carmen D. Grandal. Os tres fixeron unha lembranza excelsa dunha muller que, de seguro, volveu sorrir onte á noite e unha vez máis dende o ceo.

Ana Míguez: “Macamen Blanco e Bar Boo deron refuxio a represaliados franquistas”

“Fíxose feminista ós 6 anos porque o seu avó dicía que as mulleres non valían para nada”

Uxía Blanco

Ana Míguez: “Macamen Blanco e Bar Boo deron refuxio a represaliados franquistas”

“No golpe de estado do 23-F tamén tiveron algunha persoa agochada ou protexida”

Ana Míguez

Ana Míguez: “Macamen Blanco e Bar Boo deron refuxio a represaliados franquistas”

“Menos mal que non gañaron os militares, porque teriamos perdido a unha gran muller”

Carmen D. Grandal

Ana Míguez: “Macamen Blanco e Bar Boo deron refuxio a represaliados franquistas” /

“Para Macamen Blanco, era moi importante a liberación económica da muller”

Antonio Moreno