Por unha cidade “ideal” sen desigualdades de xénero e con atención á diversidade

O alumnado de 5º de Primaria do Colexio San José de Cluny reflexionou con Anxo Fariña sobre tarefas na casa e oficios varios

Alumnos e alumnas no obradoiro “Vigo, cidade violeta”, impartido polo escritor Anxo Fariña. |   // FDV

Alumnos e alumnas no obradoiro “Vigo, cidade violeta”, impartido polo escritor Anxo Fariña. | // FDV / Redacción

R. V.

Vigo
Ilustración do obradoiro, para a reflexión. |   // FDV

Ilustración do obradoiro, para a reflexión. | // FDV / Redacción

Outra ilustración achegada por Anxo. |   // FDV

Outra ilustración achegada por Anxo. | // FDV / Redacción

Actividade dos alumnos no obradoiro. |   // FDV

Actividade dos alumnos no obradoiro. | // FDV / Redacción

A cidade da lámina, con volume. |   // FDV

A cidade da lámina, con volume. | // FDV / Redacción

Era a primeira actividade que facían no colexio dende que empezou a alarma sanitaria pola Covid-19. Por iso o obradoiro de Anxo Fariña sobre “Vigo, cidade violeta” foi dobremente emocionante: de novo charlas no colexio logo dun tempo moi duro e, por outro lado, a construción, entre todos e todas, dun lugar ideal, no que non existan desigualdades nin discriminación por cuestión de xénero.

O alumnado de 5º de Primaria do Colexio San José de Cluny, dividido en dous grupos (dous obradoiros consecutivos) para poder cumprir as distancias e as normas de hixiene (en todo momento aulas ventiladas e xel puntualmente), parouse a reflexionar sobre profesións que desempeñan homes e mulleres... ou máis homes que mulleres, en función da área de traballo.

“No obradoiro creamos un libro-cidade con moitas posibilidades de lectura. Hai edificios, hai personaxes que hai que completar porque lles faltan detalles e tamén inventamos unha raza de extraterrestres que chegan á terra e achegan unha visión moi interesante de como facer as cousas, as profesións, os coidados, independentemente de se se é home ou muller, alto, baixo ou con algún tipo de diversidade funcional”. Así describe o obxectivo do seu obradoiro o escritor Anxo Fariña.

A partir de ilustracións os rapaces e rapazas, guiados por Anxo Fariña, reflexionan sobre conceptos relacionados coa igualdade e a conciliación. Nunha das ilustracións aparecen frases como: “Os homes non coidan meniños!” ou “Eu non comparto as tarefas do fogar”. Sobre estes temas xorden respostas diversas. “Quen fai as tarefas do fogar?” “Os maiores!”, escóitase na aula. A partir de aí empeza todo un razonamento para entender que as tarefas da casa deben ser “compartidas” por todos os membros da casa. E Fariña especifica: “o verbo é compartir, non axudar”.

Neste obradoiro titulado “Vigo, cidade violeta”, impulsado polo Concello de Vigo e no que o autor aplica unha luz desta cor que é capaz de transformar o espazo nun lugar sen diferenzas de xénero nin desigualdades, os rapaces e rapazas convértense en protagonistas das reflexións. “Son aínda pequenos, a mellor maneira de que se vaian dando conta de certos detalles que denotan desigualdade é falando e a través das súas propias observacións e reflexións”, apunta Fariña.

Falan tamén, por exemplo, de profesións: “Que se precisa para ser policía? E para conducir un coche? E un camión?”... Ten algo que ver con ser home ou muller? Falamos de determinadas características que ten que ter unha persoa para poder conducir.

“Vemos unha muller policía no debuxo... “; “Porque ten moi boa puntería coas pistolas!”, escóitase na aula de parte dun alumno. Unha das ferramentas que emprega o creador deste obradoiro é a chegada a Vigo dunha raza de extraterrestres, sen condición de xénero, en principio, de maneira que poden desempeñar múltiples funcións.

Que se precisa para ser profesor? E para ser doctor? En todas estas preguntas Fariña e alumnado van máis alá de posibles desigualdades por cuestión de xénero. Tamén se reflexiona sobre a diversidade funcional. Unha persoa en cadeira de rodas pode conducir? Repasemos características que precisa... “entón, nun coche adaptado sí é posible”, comentan. Igual acontece con outras profesións, como doutor.

Sen diferenzas

“Se aplicamos a luz ultravioleta ao mapa da cidade onde acontecen moitas cousas, ou o poñemos na escuridade, veremos como debería ser unha cidade sen violencia de xénero e con igualdade entre mulleres e homes. É un libro-escultura para crear, xogar e ler”, comenta o autor desta idea, pensada para escolares entre 8 e 12 anos.

E que acontece cando no obradoiro se pasa esa luz violeta sobre algunha escena? Pois que desaparecen os matices de desigualdade cos que convivimos día a día moitas veces sen percibilos, porque non son fáciles de detectar.

A chegada dos extraterrestres á cidade é crucial para definir personaxes creados polo propio alumnado. “Eu doulles trucos para poder crear personaxes. E de repente aparecen cousas orixinais, personaxes con forma de vasoira, con forma de garfo, con forma de sinais na rúa. Esta é unha parte moi creativa para o alumnado, que axuda, ademais, a centrarnos nas caraterísticas e calidades que precisa un ser para desempeñar determinada función ou profesión”, indica Fariña.

Optan a premio no proxecto Faro da Escola

San José de Cluny é un dos 59 colexios que participan nesta edición do Faro da Escola, o proxecto de xornalismo escolar de FARO DE VIGO polo que o alumnado elabora o seu propio periódico ao longo do curso. Ao final de ano celébrase unha gala entre todos os colexios na que se reparten premios nas distintas categorías: á mellor entrevista, á mellor reportaxe... fotografía, tira cómica, suplemento, uso da infografía, deseño, á mellor investigación, etc... Nesta edición sumarase un premio máis, o do Concello de Vigo precisamente para este tema: “Vigo, cidade violeta” . Os centros que incorporen no xornal algún asunto vinculado con este obradoiro optarán á distinción do concello. Un equipo mutidisciplinar do xornal guía aos centros educativos participantes na planificación do seu particular xornal.

TEMAS

  • Fariña
  • Anxo Fariña
Tracking Pixel Contents