A mobilidade sostible e a recuperación dos espazos públicos fronte á primacía do coche centrou onte o encontro do Club FARO “Ágora, concellos polo espazo público”. Celebrado no Pazo Provincial, o coloquio tivo como invitados a Ana Montalbán e a Nacho Tomás, secretarios técnicos das redes Cidades que Camiñan e Cidades Pola Bicicleta, respectivamente. Uxío Benítez, deputado de Mobilidade e Espazo Público, foi o encargado de moderar o debate e sinalar, a súa vez, os retos aos que se enfrontan neste eido os concellos da provincia de Pontevedra.

Promovida pola Deputación no pasado mes de xullo, despois da pandemia, a rede “Ágora” busca incentivar aos concellos adheridos a realizar políticas que fomenten a mobilidade natural, as alternativas ao motor e a prioridade para os peóns nos espazos colectivo. Na actualidade, segundo destacou o deputado, forman parte da rede medio centenar de concellos dos que onte representantes dos seus gobernos locais asistiron ao foro.

A rede “Ágora” busca incentivar aos concellos adheridos a realizar políticas que fomenten a mobilidade natural, as alternativas ao motor e a prioridade para os peóns nos espazos colectivo

O coloquio partiu da idea de entender o espazo público como un dereito. “É un dereito básico dos cidadáns, como a sanidade ou a educación, e que dende os anos 50 cedimos o para un uso hexemónico do coche”, sinalou Montalbán. A representante da rede Cidades que Camiñan defendeu a necesidade de reivindicar as cidades como lugares de “estancia e de socilización” con suficiente espazo para as persoas. Se trata, segundo sinalou, dunha tarefa que se debe acometer con políticas globais de peatonalización para evitar a centrificación, a expulsión da veciñanza polo turismo. “Un exemplo pode ser Pontevedra, onde as terrazas dos bares non son un estorbo porque hai tanto espazo público que non hai que pelexalo”. Aínda que o reto non é novo, o debate esgrimido onte da necesidade dun urbanismo non centrado nos vehículos cobrou forza tras o COVID-19. Como sinalou Nacho Tomás, “este escenario serviu para ver que o espazo público está desaproveitado”.

Asistentes ao encontro. Gustavo Santos

O representante da rede de Cidades pola Bicicleta apelou, ademais, a promover dende as administración a mobilidade ciclable fronte a un uso indiscriminado do coche. “O que queremos non é que todo o mundo vaia en bici porque todos somos peóns pero non todos somos ciclistas. A preferencia debe ser para o peón, pero polo menos que sexa igual de fácil chegar aos sitios en bicicleta como no coche”, reclamou Tomás. No caso dun entorno como o galego, introduciu que pode ser unha solución para conectar diferentes zonas “rurubarnas” ou parroquias. “Na mobilidade entre cidades a bicileta ten moito que dicir”, concluíu.

"A preferencia debe ser para o peón, pero polo menos que sexa igual de fácil chegar aos sitios en bicicleta como no coche"

Nacho Tomás - Secreatario técnico Cidades pola Bicicleta

Unha educación vial máis segura e menos egoísta

Tanto dende a rede de Cidades que Camiñan como dende Cidades pola Bicicleta insistiron na necesidade dunha seguridade vial máis amable. “A alianza debe ser dende o punto de vista de que o péon é o máis vulnerable pero sen caer en paternalismos. Non é dicir por onde irán os peóns, é reducir e calmar o tráfico. O concepto de seguridade vial debe mudar”, reclamou Ana Montalbán.E para acadalo, a resposta pasa pola educación. “A educación vial no século XXI segue a ser como conducir un coche. Iso non pode ser así hoxe en día. Se teño que me mover a un punto, deberiamos pensar: que é máis eficiente, eficaz e sostible? en definitiva, que é menos egoísta?”, sinalou Tomás.

O transporte público como reto

Un dos grandes retos, para ambos expertos en mobilidade amable, é o de reforzar o sistema de transporte público na provincia para reducir os desplazamentos en vehículos. Así o sentenciou Tomás, que expresou os deberes pendentes da rede Ágora da Deputación: “da man da bicicleta ten que estar o transporte público, é preciso ter un bo sistema para que a xente o teña máis difícil á hora de pensar en usar o coche”. Pola sua banda, Montalbán sinalou que en entornos rurais onde as frecuencias non cheguen como se desexe, como pode ser a contorna pontevedresa, as administracións deben pensar diferentes solucións aos transporte colectivo tradicional.

“Queremos incrementar os espazos no 2023”

Uxío Benítez sinalou como reto para a Deputación “incrementar substancialmente” o espazo público nos concellos adheridos á rede Ágora no 2023. “Os principios son os mesmos e as solucións para todos os concellos, pero as solucións se adaptan a cada parroquia”, asegurou o deputado de Mobilidade e Espazo Público durante o debate. “Todas as iniciativas que saquemos adiante na Deputación irán encamiñadas a este obxectivo concreto”, avanzou.