Os profesores Nuria Garabal e José Manuel Piñeiro mailo emprendedor Miguel A. Rodríguez foron presentados onte pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no coloquio “DepoEmprende: emprendemento na escola e na FP”, que se desenvolveu no auditorio do museo MARCO de Vigo dentro da programación de Club FARO. Na charla, Garabal resaltou que “a emoción é o máis importante para aprender nos nenos”.

Esta profesora, directora do CEIP Plurilingüe número 1 de Tui explicou como os alumnos traballan moitos contidos curriculares na escola para sacar adiante o seu proxecto de DepoEmprende, promovido pola Deputación de Pontevedra. A actividade gusta tanto que os escolares desexan chegar a quinto e sexto curso de primaria para crea-la súa empresan e sacar adiante un produto que despois venderán nun mercado.

Carmela Silva resaltou que “cada ano cando se presentan os proxectos eu quedo fascinada” por mor da calidade na exposición pero tamén polos produtos que crean, nos que teñen en conta as necesidades do mercado. “As nenas e os nenos teñen moita intelixencia”, subliñou, para engadir que hai que fomentar que “adquiran competencias” novas.

Por suposto, Silva tamén tivo palabras de recoñecemento para o labor das mestras e mestres, polo seu “compromiso” coa aprendizaxe dos escolares.

Garabal agregou que DepoEmprende é un proxecto “consolidado” no seu centro que procura “fomenta-lo espírio emprendendor” nos pequenos. Tamén explicou o modus operandi. Os alumnos son divididos en grupos (inda que noutros centros son os estudantes os que elixen con quen conforma-la súa sociedade) xa que cada un terá unha tarefa individual e colectiva.

O fin é que, entre todos, conformen a liña de creación dun produto. Así, teñen que pensar que venderán de maneira que lle poidan sacar proveito. Despois teñen que pensar como executalo, como publicitalo, que prezo poñerlle, como vendelo... “Aprenden a xestionar como funciona unha empresa”, sinalou a profesora quen está convencida de que o alumnado lembrará a devandita actividade “toda a vida”.

Recoñeceu que a venda é moi importante xa que se busca que teña unha repercusión na comunidade. Por exemplo, no caso do centro tudense, os nenos acordaron entrega-la recaudación a dous nenos de oito e trece anos que perderan no 2018 os seus pais na explosión da pirotecnia de Paramos (Tui).

Pola súa parte, o emprendedor e pai Miguel A. Rodríguez resaltou que “o evento final é impresionante. Como pai, vivino por se-lo pai dunha nena que participou e dunha nena quedesde que empezou a camiñar nos ve a súa nai e a min como exemplo á hora de deseño de produtos, de prepara-las feiras...”.

Por último, interviu José Manuel Piñeiro, profesor do CPRDaniel Castelao de Vigo, centro gañador do proxecto. Piñeiro recoñeceu que no seu centro traballan con proxectos pero destacou que DepoEmprende incluíu un “dinamismo interesante e produtivo”.

Como paso fundamental, traballouse a “motivación”, lembrou. Engadiu que “o éxito é ser capaces de concluír e documentar todo o proceso, máis presentalo. Iso importa máis c ópremio. Hai proxectos que se caen polas rencillas entre os equipos pero aínda así os alumnos acaban aprendendo a traballar en equipo”.

Recoñeceu que os seus alumnos ían con ilusión de gaña-lo premio nun inicio pero cando oíron as outras presentacións pensaron que “non tiñan nada que facer” debido á alta calidade. Sen embargo, quedaron “sorprendidos” porque conseguiron o premio finalmente.

“O máis importante é que aprenden facendo”

“O máis importante é que aprenden facendo e que son os protagonistas”, destacaba onte Nuria Garabal do proxecto DepoEmprende dirixido a escolares. A directora do Plurilingüe número 1 de Tui engadiu que “é un proxecto no que se aprende a través de metodoloxías activas e no que os nenos saben en todo momento que van facer”. Un dos acertos é que o Concello de Tui convídaos a participar nos mercados que fan como no de Nadal. “Esa implicación que se xera coa comunidade, cos negocios, senten que é importante”, indicou a mestra. “Serve como punto de partida no primeiro trimestre para ver como marcha e tomar nota porque en maio venderán os seus produtos con tódalas cooperativas escolares. As notas serven para aprender dos erros e facer propostas de mellorar co gallo de prepararse para final do curso”, agregou.

A importancia do contexto real nesta actividade

“Se estamos constituíndo unha empresa estamos traballando obxectivos económicos, publicidade, economía circular e un montón de contidos que aparecen no currículo ademais da competencia. Se queremos que os nenos sexan competentes, temos que poñer en marcha actividades”, sinalaba Nuria Garabal quen recalcou que se “aprende poñéndoo nun contexto real”. De aí que cometer erros sexa mesmo importante porque é unha das fontes para poder “aprender” de cara o futuro. Os pasos que seguen inclúen coñece-lo tipo de empresas existentes: SA, SL, cooperativas. De feito, Carmela Silva subliñou a súa sorpresa ó atoparse a nenos que coñecen as diferenzas entre sociedade anónima e sociedade limitada. “Todo é democrático. Preguntámoslles se queren crear unha empresa e qué tipo de empresa. Eles traballan sempre en asamblea e levantan acta. Despois elixen o nome, logo, o capital inicial que queren poñer para recuperalo despois e o resto donalo, os estatutos de autonomía con sancións para quen non siga as normas. tamén deciden o equipo directivo”, detallou.