A escritora e artista Luz Darriba (Montevideo, 1954) é un dos milleiros de vítimas da ditadura arxentina que se iniciou cun golpe de estado no 1976 para instaurar, da man das forzas militares, o denominado Proceso de Reorganización Nacional, que chegaría ata decembro de 1983, con plan de exterminio de parte da cidadanía incluído. Darriba, que vén de publicar a súa primeira novela editada en galego, “Abril” (Belagua), rememoraba onte no Club FARO que ela é unha supervivinte daqueles tempos e que arrastrará ese desacougo: “Sobrevives con culpa toda a vida inda que non fixeras nada para sobrevivir porque eran eles (os militares) os que decidían quen vivía e quen non pero tes unha culpa que che dura para sempre”.

A gañadora do Premio Ánxel Fole, pola obra “Mostros”; a artista que hai 20 anos rodeou a Muralla de Lugo de libros na campaña para declarala patrimonio da humanidade, explicaba onte nun coloquio con María Xosé Porteiro –Ramón Nicolás finalmente non puido acudir– que “Abril” é unha novela que “fala diso, de como se sobrepón un a un trauma”.

Respecto a se a obra presenta retazos biográficos, recoñeceu que “hai moitas cousas anotadas (no libro) que me pasaron; non ten ningunha importancia as que me pasaran pero efectivamente pasáronme moitas e outras acontecéronlle a outras compañeiras e compañeiros”. De feito, comentou con pesar e mesmo tomando alento que “eu tiven a sorte que moitos outros non tiveron”.

No Club FARO, rememorou que cando deron o golpe de estado, ela era universitaria en Bos Aires, onde estudaba as carreiras de Filosofía e Letras máis Belas Artes. Unha das primeiras decisións foi suspender as clases de Filosofía e outras carreiras na capital austral, pero non así de Belas Artes.

Ó remata-la ditadura, presentouse a varios certames plásticos que gañou na Arxentina pero nos anos 90 ó decatarse de que “non soportaba máis aquela historia” deciciu cambiar de país: “O primeiro presidente democrático foi Raúl Alfonsín, de orixe galega, foi o que xulgou por primeira vez a cúpula dos militares e tivo que abandoar, non puido acaba-lo seu goberno. Despois, veu unha historia horrible con Carlos Menem. Antes de Menem, decidín que xa estaba ben, que pasaran cousas moi duras e horribles, que tivera a sorte de sobrevivir, non sen custos, e decidín marchar”.

O seu primeiro destino foi Suecia onde tiña coñecidos exiliados, sen embargo dende alí decidiu trasladarse a España, en concreto a Galicia, o berce de seus pais. “Non sei por quéepero decidín que tiña que ir ó sitio de onde saíran meu pai máis miña nai nun barco de polizontes, dende Vigo e no ano 1951”.

Na cidade olívica, trala recomendación da Asociación Arxentina de Artistas Plásticos, contactou con Laxeiro, quen “me adoptou” lembrou.

Pero ademais do motivo que lle moveu a quedarse a vivir en Vigo, Luz Darriba falou tamén do seu libro que sitúa en Muxía, na Costa da Morte e no que se entrecruzan historias de Arxentina e Galicia, de vítimas e sobrevivintes como Andrea que sea focha do mundo en Muxía atravesada polo pasado.

“Eu quixen escribir algo que me gustara ler. Tiña que facer esa viaxe que foi moi dolorosa e quixen que quen lera a historia fixese comigo esa viaxe”, explicou.

Para ir fiando a narración, Darriba empegou “tempos” en lugar de capítulos. Se ben o contado é ficción, tamén engadiu “que pasou” e que a mensaxe final é de claridade e luz. “Eu creo na xustiza poética xa que a outra non a temos”, opinou.

Luz Darriba recoñeceu que a arte é unha “paixón” e a outra, a escrita sen que poida facer distinción entre ambas xa que, para ela, son dous universos unidos: “Non hai fronteiras” entre elas na expresión, indicou. “O que cambian son as ferramentas”, concluiu a creadora uruguaio-galega.

“A conciencia é o único que pode garantir que non volva pasar”

Luz Darriba aproveitou a súa presenza no Club FARO para lembrar que en Arxentina hai máis de mil xenocidas presos grazas á “loita constante” cidadá e dos colectivos na defensa dos dereitos humanos. Tamén engadiu que nas escolas estudan como os milicos asasinaban a xente, como roubaban os bebés e como mataban a mulleres e homes tirándoos desde avionetas. “O importante é a conciencia, é o único que pode garantir que non volva pasar. Esa é unha asignatura que temos aquí moi pendente”, reflexionou sobre os fíos soltos que hai en Galicia e España coa ditadura franquista. A xornalista e escritora María Xosé Porteiro aproveitou para lembrar que as nais e avoas da praza de Maio seguen a concentrarse alí. “E festexan cada vez que aparece un neno (dos roubados polos militares a xente desaparecida)”, engadiu. “Recuperamos 127” persoas que foran retiradas de bebés das súas nais, engadiu Darriba con voz de satisfacción. No final do libro, apúntase que se calcula que 500 nenos naceron durante o cativerio das súas nais nas prisións da ditadura arxentina, un réxime que deixou un saldo de 30.000 desaparecidos a cargo das ordes e actuacións de carniceiros como Alfredo Astiz, “O anxo da morte”; Jorge “O Tigre” Acosta; e Ricardo Cavallo, coñecido como “Sérpico”. Os tres recibiron cadea perpetua por crimes de lesa humanidade cometidos na Escola de Mecánica da Armada (ESMA), subliña o libro. Nese movemento social que non para na Arxentina, Darriba tamén quixo pronunciarse tamén sobre o nacemento dunha asociación de fillos e fillas de xenocidas. “Hai que ter moito valor para iso; algúns cambiaron o seu apelido. Todos e todas renegaron de seus pais e mesmo declararon contra eles buscando a maneira porque o Código Penal arxentino non permite declarar contra un familiar; pero eles conseguiron facelo”, sinalou. A asociación comezou tendo cinco membros e agora ronda os 90. A súa arela é atopar socios en Galicia, xente que rexeite ser familiar dun xenocida. “ Teñen sucursais en Chile, Uruguai, Brasil e Alemania, descendentes de nazis. Queren ter alguén aquí pero aínda non o conseguiron”, explicou para adiantar que publicará unha reportaxe sobre este asunto no vindeiro número da revista “Luzes”.