A Real Academia Galega (RAG) celebrou o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, no mesmo edificio en que impartiu clases como primeiro catedrático de lingua e literatura galegas en Galicia. Á terceira, foi a vencida, logo de que o acto non puidera celebrarse no Teatro Jofre de Ferrol (cidade natal do autor) no mes de maio e que as restriccións, logo, obrigasen tamén a aplazar a súa celebración en Coruña. Precisamente a ese feito aludiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez: “O facho brilla cada vez con máis forza e nin unha pandemia vai ser quen de apagalo. Proba disto é a configuración deste acto e que esteamos a celebrar o tradicional 17 de maio nun 12 de decembro”.

A sesión constou de tres alocucións académicas que profundaron na vida, na poesía e nas contribucións ao estudo científico do galego do filólogo, profesor, escritor e académico ao que a RAG lle rendeu homenaxe este ano a cargo de Margarita Ledo, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, reivindicou o exemplo de don Ricardo, “un referente no que podemos e debemos seguir traballando alén do ano da homenaxe”, e mais a presenza do galego en todos os ámbitos. “Nestes días en que volve a discutirse a utilidade dos idiomas e alguén quere reducir a cuestión a termos cuantitativos e excluíntes, a Real Academia Galega reivindica o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, como fixeron os precursores das Irmandades da Fala, os precursores de Nós: uso e presenza tamén no ámbito educativo, en todas as materias, sen excepcións, pensando moi especialmente nas novas xeracións, ás que debemos dotar de ferramentas e espazos de actividade para o seu desenvolvemento”, expresou Freixanes. Demandou ademais aos poderes políticos, económicos e mediáticos “un apoio decidido” á difusión da lingua e da cultura galegas. “Somos conscientes de que unha cultura é fundamentalmente un espazo de comunicación, no que nos socializamos e sobre [...] Somos universais porque queremos e sabemos estar no mundo”, proseguiu.

Feijóo quixo salientar que na biografía sobre Carvalho Calero que fixo Pilar García Negro, el defínese como un “galego universal”. Tamén fixo alusión o presidente á pioneira querenza lusófona do autor: “As súas ideas lograron crear unha conciencia que xa ten un feliz reflexo legal. A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, permite que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués en Galicia”, indicou.

Pola súa banda, Margarita Ledo transitou polos versos dun autor que entendía a poesía como catarse e deixou o máis íntimo da súa personalidade reflectida nela; Ramón Villares trazou a biografía, escrita en tres escenarios centrais –as cidades de Ferrol, Lugo e Santiago–, de quen representa “o mellor da cultura galega do século XX”; e Francisco Fernández Rei, alumno do homenaxeado, analizou a evolución da súa visión do idioma, dende o galego autónomo ata o galego reintegrado que defendeu nos últimos anos. O presidente desculpou a ausencia por circunstancias persoais de Xesús Alonso Montero, pero a súa achega será publicada no Boletín da RAG.

Margarita Ledo centrouse na faceta literaria coa que o homenaxeado se sentiu máis identificado. A súa foi unha ollada á poesía de Carvalho Calero guiada polos ecos de autoras e autores galegos como Pilar Pallarés, Pilar García Negro, Carmen Blanco, Salinas Portugal ou Claudio Rodríguez Fer... “A poesía de Ricardo Carvalho Calero insírese na vangarda galega, ilumínase coa pegada do simbolismo e escurece no desacougo existencial que atinxe a xeración da posguerra. Unha “poesía da existencia” que, como o propio autor declarou, reflicte o máis íntimo da súa personalidade”, lembrou Margarita Ledo. A través de varios poemas do autor, reparou na evolución no tratamento da figura da muller, a influencia do cinema ou as referencias aos textos bíblicos e as lendas .

Tras o Carvalho Calero poeta, chegou o retrato do autor a cargo do historiador Ramón Villares. “A súa figura representa nos seus logros e nas súas adversidades, o mellor da cultura galega do século XX, a protagonizada por unha xeración excepcional, filla intelectual do grupo Nós e formada na eclosión creadora, cultural e política do Seminario de Estudos Galegos, a Facultade de Letras da USC e polo abrente político da II República”.