Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lorenzo: “A muller no mar sempre tivo un papel importante pero está invisibilizado”

A profesora da Universidade de Vigo destaca o proxecto “A maleta dos océanos” para que os nenos “coñezan mellor os océanos, as ameazas e o papel das mulleres na súa sustentabilidade”

De esquerda a dereita, Carmela Silva, Ana Belén Sotelino, María Lorenzo e Digna Rivas, onte, no Club FARO no multiusos de Redondela. | // J. LORES

A profesora da Universidade de Vigo María A. Lorenzo Rial e a vicepatroa primeira da confraría San Xoán de Redondela, Ana Belén Sotelino Pereira, destacaron onte no Club FARO en Redondela a importancia e a necesidade de dar visibilidade ás traballadoras do mar, “un sector produtivo fundamental na economía galega desde hai séculos no que a muller sempre tivo un papel moi importante, desenvolvendo o seu labor nunhas condicións moi duras e con escaso recoñecemento, en moitas ocasións invisibilizado”.

As relatoras foron presentadas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que resaltou a presenza deste foro de debate por primeira vez neste municipio “tan vinculado co mar e no que moitas das súas mulleres levan anos saíndo cada día para faenar como mariscadoras, sendo o sustento de moitas familias, ás que desde o Concello sempre apoiaremos”.

Silva, pola súa parte, destacou a importancia do proxecto “A maleta dos océanos”, incluido na Axenda 2030 da ONU, no que colabora a Deputación e a Universidad de Vigo, que “afonda no papel destacado e, moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ó longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños”. A presidenta do organismo provincial puxo de manifesto “a relevancia da achega das mulleres durante séculos no sector do mar, unha das maiores riquezas de Galicia”, e avogou por resaltar e visibilizar este traballo que desenvolveu o colectivo feminino “nos templos do coñecemento”, en referencia aos colexios, institutos e centros universitarios. Este é un dos obxectivos de “A maleta dos océanos”, visibilizar o traballo das mulleres e a súa destacada achega á economía, “que conseguiron que sexamos un pobo con identidade propia”.

A profesora María A. Lorenzo Rial, doutora polas Universidades de Vigo, Santiago, A Coruña, Oviedo e Cantabria, expuxo durante a súa intervención o desenvolvemento e as claves do proxecto desenvolvido entre a Universidade de Vigo e a Deputación, dirixido aos centros de ensino da provincia. “A maleta dos océanos” inclúe seis propostas didácticas, adaptadas a todas as etapas educativas, que dan a coñecer o importante papel das mulleres do mar e rachan coa invisibilidade á que están sometidas. Os recursos didácticos que inclúen proveñen dos proxectos “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” e “O mar das mulleres”, nos que traballaron conxuntamente entre as dúas institucións.

“Ambos os proxectos afondan no papel destacado e invisibilizado que as mulleres tiveron e teñen na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños”, indicou Lorenzo.

A profesora da Universidade de Vigo puxo de manifesto a importancia da educación desde a escola para cambiar as cousas. “A todos gústanos gozar do mar e todo o que nos ofrece, tanto como espazo lúdico como lugar de traballo, pero cando preguntas aos nenos sobre o que saben deste medio, sobre os océanos e a súa importancia para a vida no planeta, os ecosistemas mariños e as súas ameazas, daste conta de que moitas veces descoñécese”, sinala Lorenzo, que destaca a importancia de traballar nas aulas cos recursos didácticos que ofrece o proxecto “A maleta dos océanos”.

Así mesmo, subliña que o profesorado pode levar á aula todas ou algunha das actividades, que se complementan coa web “Sustentabilidade en feminino”, onde atopará “multitude de datos sobre os océanos, as ameazas que os axexan e o papel das mulleres na súa sustentabilidade”. Ademais, amosa a historia dos oficios femininos do mar mediante documentos, entrevistas e fotografías e proporciona información sobre algunhas das mulleres pioneiras da oceanografía e da defensa do mar.

“As protagonistas desta web son mulleres dedicadas á política, redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserva que contan a súa experiencia vital”, puntualizou a profesora universitaria.

.

“Calquera cousa que afecte ó mar tamén incide nos traballadores deste medio”

María A. Lorenzo Rial fixo fincapé durante a conferencia na importancia dos océanos para a existencia da vida no planeta e as múltiples ameazas que se cernen sobre eles, como o cambio climático, a contaminación e acidificación ou a sobrepesca, entre outros. “Todo está interconectado e calquera cousa que afecte ó mar tamén afecta ós homes e mulleres que traballan neste medio, como os pescadores e mariscadoras, redeiras, traballadoras da conserva e da salga, que desempeñan estes oficios desde hai séculos”, e avogou pola importancia de coidar o medio mariño. “Todo é importante, desde algo que pode parecer insignificante, como un papel que alguén tira na praia”, apunta. Este é un dos temas nos que incide o proxecto “A maleta dos océanos”, na importancia de conservar e utilizar de forma sostible os recursos mariños.

“Síntome orgullosa de ser mariscadora; o mellor é a liberdade”

A vicepatroa primeira da confraría San Xoán de Redondela, Ana Belén Sotelino Pereira, narrou en primeira persoa a súa experiencia como mariscadora, unha profesión da que confesa sentirse “orgullosa” a pesar do escaso recoñecemento que ten a nivel social. “Cando comecei, todos me advertían de que era un traballo moi duro e pouco valorado, sobre todo respecto ás mulleres, que era o que facían os que non querían estudar”, lembrou Sotelino. Aínda que recoñece que co paso dos anos “a situación mellorou moito, aínda queda moito camiño por percorrer”, di. Unha das cousas que máis lle gustan da súa profesión é a “liberdade” que proporciona. “É un traballo no que te sentes libre, non hai que render contas con ninguén e permíteche conciliar a vida laboral e familiar”, explica. Por último, incidiu na importancia de xestionar o recurso. “Hai 40 anos os bancos marisqueiros rexenerábanse sós, agora hai que investir en sementar e na conservación do medio”.

Compartir el artículo

stats