A educadora social e profesora da Universidade de Vigo no campus de Ourense María Victoria Carrera recalcou onte no Club FARO que “estar excluído do grupo pode ser devastador para un neno”, en relación ó acoso escolar que procura aparta-la víctima do grupo ou da aula.

Carrera foi presentada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen citou cifras dun estudo da Unesco –publicado no 2019– que recolle que “case un de cada tres estudantes foi intimidado polos seus compañeiros na escola no último mes”.

Silva subliñou que estes e outros “datos sobre acoso escolar deben facernos tomar conciencia” deste problema nos centros de ensinanza. Recoñeceu que o acoso na internet e o bullying son dous temas que lle preocupan “moito”.

Pola súa parte, María Victoria Carrera explicou que “a verdadeira educación é educar para transformar”, en contraposición á “educación positivista que sería facer para que todo siga igual”.

“Os propios docentes poden exerce-la discriminación. É no que no ámbito educativo chamamos o currículo oculto que é aquilo que non está escrito. Ninguén escribiría no currículo escolar: promociona-la violencia. Pero se como docente trato o meu alumnao con docencia que non sóé pegar senón tamén pode ser humillar, minimizar a un alumno, non intervir nunha situación sexista ou homófoba que teñen lugar case a diario nas aulas”, reflexionou.

Con isto último, detallou, “a escola socializa na heteronorma”, pero tamén cando utiliza o masculino xenérico para referirse ós nenos e ás nenas; ou cando non inclúe o estudo no currículo do movemento feminista ou homosexual. “Por que non se fala da realidade intersexual e se presenta o binarismo biolóxico como unha realidade cuestionable?”, cuestionou nunha pregunta aberta.

“O currículo oculto é como a choiva que temos en Galicia que parece que non molla pero empapa. A persoa, moitas veces, non é consciente de que está a transmitir uns contravalores. As persoas adultas son unha influencia constante na xente nova”, engadiu.

Tamén aseverou que “a escola non é unha burbulla, está nun contexto social que discrimina e onde hai normas sociais moi ríxidas, intanxibles pero que están aí” e que ás veces “os agresores pode que non sexan conscientes do dano que producen”.

Segundo o seu punto de vista, “como sociedade temos unha responsabilidade moi grande, por iso é importante que teñamos tolerancia cero respecto do bullying e da violencia de xénero”.

Lamentou que “somos bastante hipócritas porque non facemos o que temos que facer. Somos benevolentes con ese caldo de cultivo do sexismo, por exemplo. Está ben que haxa sensibilidade pero esta tense que facer visible nos actos”.

Amosouse partidaria de ir “más aló das sancións e das políticas xenéricas” cando se rexistran actitudes de bullying entre o alumnado. A verdadeira ferramenta sería desenvolver un programa de prevención.

Este debería ter en conta que “a identidade de xénero e sexual maila expresión de xénero e a orientación sexual son categorías indentitarias que poden xerar discriminación no ámbito escolar e social”, explicou.

Engadiu que isto dáse a través dos estereotipos de xénero, que son crenzas sociais sobre como se debe comportar unha muller ou un home atendendo ó seu sexo.

A cuestión de xénero non é o único punto de partida, tamén as diferenzas doutra índole que conducen á xenofobia ou racismo debido ó “etnocentrismo”, segundo apuntou Carrera. Tamén lembrou que o alumnado de grupos étnicos minoritarios sofre máis bullying ou ten más risco de padecelo, segundo se desprende dos resultados de diversos estudos realizados en diferentes países.

“A vítima do ciberbullying non se sente segura en ningún sitio”

María Victoria Carrera explicou onte no Club FARO que o ciberbullying, unha forma de realizar o acoso a través das redes sociais ou doutros recursos e plataformas de internet, “non é un problema técnico senón relacional” xa que inda que se fai a través de programas informáticos e máquinas quen está detrás son persoas. Este tipo de acoso pode ser perpretado todo o día. “A víctima do ciberbullying non se sente segura en ningún sitio”, recalcou. Engadiu que este tipo de acoso escolar caracterízase polo “anonimato” da persoa agresora; execútase mediante unha “rápida difusión” de xeito que chega a moito público en poco tempo; e exténdse máis alá do espazo físico. Asegurou Carreira que ciberbullying e bullying soen solaparse, de maneira que a escolar ou escolar diana dos ataques recibe estes tanto na vida real como na virutal das redes sociais. Recalcou que no acoso escolar, este non só se realiza a través das malleiras físicas; tamén existe o psicolóxico consistente en comentarios despectivos sobre a persoa ou realizarlle aillamento social, como algunhas das súas características.

Carreira lamenta que o acoso dea estatus na clase

Recalcou tamén a profesora da Universidade de Vigo na súa intervención no Club FARO que “moitas veces o ciberbullying é utilizado para ter mellor posición na xerarquía da clase porque da estatus” entre os agresores ou agresoras. Sinalou, non obstante, que neste conflito non só hai que fixarse nos que realizan o acoso así como nas vítimas senón tamén nas persoas que son espectadoras e que non interveñen na defensa de quen o sofre. Esta educadora social lembrou que o acoso escolar sempre o houbo pero en España empezou a prestárselle máis atención a raíz do suicidio dun mozo de nome Jokin en Hondarribia no ano 2004. “Foi o punto de inflexión en España, a partir dese momento” espertaron os estudos sobre o ciberacoso, rememorou.