Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Sendón poetiza con fotos os agasallos do mar na mostra “Crebas”

A exposición pon o til na suxerencia e pode visitarse no Museo do Mar en Vigo

Manuel Sendón, na súa exposición “Crebas”, no Museo do Mar. | // ALBA VILLAR

A relación do mar coas xentes de Galicia, especialmente coas da Costa da Morte, ten as súas raíces no eixo entre o amor, o respeto e a necesidade. Manuel Sendón amosa no Museo do Mar de Galicia en Vigo nunha exposición, “Crebas”, a súa visión persoal “lonxe de postais bonitas”. “Quería achegarme á Costa da Morte a través do imaxinario, a través das crebas porque ás veces chegan cousas do máis inaudito ás praias”, explica o profesor e fotógrafo vigués.

A través das súas fotos, podemos facer unha viaxe polos agasallos do mar (crebas) ó longo da historia. “Dende pequeno, levo escoitado e presenciado sucesos fantásticos e case irreais. Lembro un mariñeiro que me contou que un día viu o mar laranxa por un barco que perdera un cargamento destas froitas; ou outro que me contou que un día nas redes sacaron botellas de champagne francés de Dom Pérignon. Un deles cambiábaas por botellas de Ribeiro que lle gustaba máis”, comenta cun sorriso Sendón.

Pero o mar non sempre trouxo agasallos agradables a estas costas que ben coñece o fotógrafo que se declara vigués con “dúas almas: a urbana en Vigo e a rural na ría de Corcubión”. Nas súas imaxes podemos ver restos de ferrro do barco Cason que afundiu na praia do Rostro en Fisterra (A Coruña) en 1987.

Manuel Sendón poetiza con fotos os agasallados do mar na mostra "Crebas"

Manuel Sendón poetiza con fotos os agasallados do mar na mostra "Crebas" Alba Villar

O buque transportaba bidóns con material tóxico que se incendiou formando unha nube. Ante o risco de intoxicación, milleiros de persoas da área fuxiron ou foron evacuadas da zona e algunhas mesmo levaron bidóns para a casa, relata Sendón, antes de coñecer que o contido era altamente perigoso.

Hoxe, algúns deses restos son protagonistas das súas fotos. “Pretendo achegarme ó imaxinario colectivo da xente desta costa a través das crebas” que eleva á categoría de elemento poético, máis interesado en “suxerir ca en describir”.

“A maioría das fotos foron tiradas na praia do Sardiñeiro ou do Rostro. Nesta última, inda se ven os restos dun barco afundido no 1927. Parece ser que ía cargado con azucre. Este barco cubriuno a area e ás veces, descóbrense algunhas partes. A min, non me interesaba a fotografía descriptiva, senón a capacidade de suxerir. Saco fragmentos que descontextualizo para que, ó velos, non teñamos idea das dimensións que pode ter”, detalla.

Así, un anaquiño de ferro pequeno dá a impresión de ser unha gran peza que mesmo pode lembrar a esculturas metálicas de Chillida; unha paca de algodón sobre a area pode parecer a escuma do mar batente o un “tsunami” branco cara terra adentro.

Noutra foto, a protagonista é unha botella de plástico con mensaxe dun establecemento hoteleiro de Canadá; noutra, os restos de chapapote lémbranos ó Prestige e os sentinelazos.Como colofón, un vídeo de Olaia Sendón, a súa filla, directora de cinema e profesora, que reflexiona sobre a diferenza entre o poeta e o crebeiro na busca de imaxes.

Compartir el artículo

stats