“No obradoiro creamos un libro-cidade con moitas posibilidades de lectura. Hai edificios, hai personaxes que hai que completar porque lles faltan detalles e tamén inventamos unha raza de extraterrestres que chegan á terra e achegan unha visión moi interesante de como facer as cousas, as profesións, os coidados, independentemente de se se é home ou muller, alto, baixo ou con algún tipo de diversidade funcional”, expresa Anxo Fariña, escritor e ilustrador, que será o encargado de inaugurar os obradoiros en colexios desta VI Edición do FARO DA ESCOLA, o proxecto de Xornalismo Escolar do FARO DE VIGO.
Son 59 centros educativos os que participan este curso no FARO DA ESCOLA: elaborarán o seu propio xornal de 32 páxinas cada un deles e durante o curso organizaranse charlas e obradoiros impartidos por escritores, expertos en igualdade e investigadores, que serán presenciais ou virtuais en función das características e preferencias de cada centro (as presenciais faranse cumprindo coas normas de seguridade e hixiene necesarias pola actual situación derivada da COVID-19).
O obradoiro que impartirá Anxo Fariña en parte dos colexios deste proxecto escolar titúlase “Vigo, a cidade violeta”, e conta co apoio do Concello de Vigo. “Se aplicamos a luz ultravioleta ao mapa da cidade onde acontecen moitas cousas, ou o poñemos na escuridade, veremos como debería ser unha cidade sen violencia de xénero e con igualdade entre mulleres e homes. É un libro-escultura para crear, xogar e ler”, comenta o autor desta idea, pensada para escolares entre 8 e 12 anos. E que acontece cando no obradoiro se pasa esa luz violeta sobre algunha escena? Pois que desaparecen os matices de desigualdade cos que convivimos día a día moitas veces sen percibilos. Como expresa o propio autor: “Empregamos unha pintura especial que, baixo a luz ultravioleta ou na escuridade, reacciona. Así podemos facer evidentes esas desigualdades que poden pasar desapercibidas nunha ollada superficial. Como por exemplo a frase: eu axudo nas tarefas do fogar. A idea é compartir, non axudar. Que comprendan que ‘non se axuda’, as tarefas do fogar compártense entre as persoas que conviven na mesma casa”. Trátase, segundo Fariña, de que aprendan estes conceptos dun xeito divertido. “E chegamos a eles a través de preguntas que eu vou lanzando e logo aplicamos a luz violeta e vemos a realidade sen desigualdades”, expresa o escritor Anxo Fariña, tamén ilustrador e titulado en Belas Artes.
Premio do concello para ‘cidades violetas’
Ao final do curso celébrase unha gala na que participan todos os colexios do proxecto, alumnado e profesorado (se as circunstancias o permiten, nesta ocasión, debido á pandemia; de non ser así organizaríase tendo en conta o protocolo COVID, como xa aconteceu este curso). Nesta gala tamén se fai entrega de premios. Por exemplo, o premio ao mellor xornal, no que se valoran os periódicos no seu conxunto; á mellor entrevista, á mellor reportaxe... fotografía, tira cómica, suplemento, uso da infografía, deseño, á mellor investigación, etc... O premio do Concello de Vigo será para o tema “Vigo, cidade violeta” (tema dos obradoiros do escritor Anxo Fariña). Os centros que incorporen no xornal algún asunto relacionado con este obradoiro optarán á distinción do concello. Un equipo mutidisciplinar do xornal guiará aos colexios participantes na planificación e elaboración dos xornais, dende o propio deseño con aspecto de periódico ata claves para a elaboración de noticias e reportaxes.
Reto: cada centro elaborará un xornal propio
Os colexios participantes no proxecto FARO DA ESCOLA teñen ata o mes de maio para elaborar o seu propio xornal. O primeiro trimestre soe adicarse á planificación das ideas, a falar sobre que temas estaría ben incorporar... Cada ano, e esta é a VI edición do concurso, empézase coa entrega dun exemplar en branco por parte do equipo organizador de FARO DE VIGO a cada un dos colexios. O produto final imprímese na rotativa do diario decano. Cada colexio elaborará un xornal con noticias do propio centro, actividades, investigacións que realice o alumnado, fotografías e incluso tiras de humor. Tamén poden participar as familias e pode haber noticias do barrio ou da vila, porque así será moito máis auténtico. A data límite para a entrega dos traballos será o día 10 de maio. E a gala de entrega de premios terá lugar, en principio, o día 15 de xuño.
Charlas e videoconferencias de escritores nesta edición
Serán oito os escritores presentes nos centros educativos nesta edición do FARO DA ESCOLA. Segundo o equipo organizador deste proxecto son: Ledicia Costas, con “Benvido ao outro barrio. Os Minimortos”, que compartirá experiencias con alumnado de nove centros educativos dos 59 que participan no proxecto de xornalismo escolar; X. Henrique Rivadulla Corcón, con “Cando soa a buguina”, que asistirá a oito colexios; Teresa González Costa, con “A nena, o monstro e o mar”, que falará con alumnos e alumnas de dez centros escolares, ou Antía Yáñez, con “Plan de rescate”, que compartirá vivencias con alumnado de oito centros escolares. Tamén forman parte do equipo de autores e autoras que neste ano académico falarán de libros e historias máxicas en centros educativos da provincia pontevedresa,unha actividade na que colabora Xerais: David Rodríguez, coa súa obra “Superavoa”, que desembarcará en oito centros educativos do proxecto; Rosa Aneiros, con “Orestes perde o sentido”, e que tamén compartirá experiencias co alumnado de oito colexios e Anémona de Río (Aldara Álvarez), que conectará coa rapazada a través da súa obra “A proba de auga”. “O mundo máxico de Lía”, de Eduardo Santiago, tamén estará presente en seis centros educativos. Dos oito autores para este curso, cinco prevén organizar estes encontros nos colexios de modo presencial e tres farán, en principio, os seus obradoiros de lectura cos nenos e nenas participantes a través de videoconferencias. Nos próximos días FARO publicará datas de obradoiros e formacións.