“Penso que a metade das aparicións marianas que aparecen na Historia son espectros de Brocken. A metade das aparicións de santos teñen que ver con fenómenos como este”, asegurou onte no Club FARO o físico e creador do Proxecto Ceos Galegos, Dosi Veiga.

Presentado pola eminencia e astrofísica galega Ana Ulla, profesora da Universidade de Vigo, Veiga explicou que se trata dun fenómeno que acontece cando se ve “a sombra dunha persoa que ten o sol por detrás e o efecto das diferentes refraccións da luz solar que se proxectan forman unha especie de aureola, con efecto máxico, celestial, fantasmagórico”.

Para comprender a posible vinculación entre este fenómeno e as aparicións de santos relatadas por xente ó longo da historia, o físico propuxo un pensamento á audiencia do Club FARO: “Imaxinémonos a nós, no monte, ante tal efecto. Non seriamos capaces de comprende-lo que vemos, que é un fenómeno de ópticas relacionadas coa luz”.

Que se teña constancia cientificamente, este fenómeno atmosférico foi rexistrado dúas veces en Galicia, segundo explicou Dosi Veiga, quen engadiu que “se denomina a pantasma dos Ancares porque a nós cónstanos que as únicas veces que se rexistrou foi nos Ancares. Nos libros de texto e enciclopedias, chámase espectro de Brocken”.

Ademais deste fenómeno, Dosi Veiga falou doutros captados por fotógrafos galegos e que nestes últimos anos teñen chegado á organización do Proxecto Ceos Galegos. O físico foi mostrando fotos de varios ó tempo que facilitaba detalles do mesmo.

Un dos fenómenos dos que falou tamén foi do arco da vella e con el rachou estereotipos da crenza popular.

Unha das suposicións que botou abaixo foi que o arco da vella non é un semicírculo senón que é “un círculo completo que a terra e o horizonte impiden ver de xeito total. Se estiveramos nun avión ou nun helicóptero si que o poderiamos ver enteiro”.

Engadiu que , como consecuencia, cada un ten o seu arco da vella, é dicir, que “o que vemos nós é diferente do que ve a persoa que está ó noso lado” xa que pola perspectiva, parece que se forma en sitios diferentes”.

Engadiu que é imposible atopar o fin do arco da vella. “Ese sitio non existe, vaise escapar sempre”, agregou o físico.

Ademais, revelou para os que o descoñecían que “hai arcos da vella que son brancos e que son chamados tamén arcos da néboa. É un fenómeno singular que ten que ver coa refracción da luz do sol branca que acaba solapando tódalas cares para finalmente quedar só a súa luz branca. Sempre se forman enriba dunha brétema”, explicou.

Tamén falou da coroa luar, “un fenómeno –detallou– que ten ver coa refracción e separación da luz en distintas cores que vai formando discos de cores diferentes. Este fenómeno pode verse a simple vista sendo conscientes de que no ceo temos un espectáculo marabilloso que podemos aproveitar”.

O sol tamén ten un fenómeno semellante. Trátase do halo solar. “Está máis separado sol, parece un arco da vella e aparece cando hai moitos cristais de xeo na atmósfera que fan efecto de prisma e provocan a descomposición da luz. Van formando un círculo perfecto de luz ó redor do sol”, apuntou Dosi Veiga.

O científico recalcou un consello: “Nunca mires o sol con prismáticos ou con calquera elemento óptico”, xa que se poderían dana-los ollos.

Na charla, tamén tratou outras cuestións como os falsos soles ou cans solares, nos que semella aparecer un sol á dereita e outro á esquerda doastro.

“As estrelas son grandes centrais nucleares de fusión”

O físico Dosi Veiga agasallou a audiencia do Club FARO cun repaso por algunhas das fotografías máis belas do ceo e dos seus astros e fenómenos que se teñen tomado nos últimos anos en Galicia. Algunhas desas imaxes foron as relacionadas con galaxias e estrelas. Sobre estas últimas aclarou que “son grandes centrais nucleares de fusión”. Tamén tivo tempo para cita-la primeira muller astrónoma profesional, Caroline Lucretia Herschel (1750-1848). A alemá descubriu cometas pero tamén a nebulosa da meiga. Para facernos unha idea do minúsculos que somos no espazo e da idea de tempo para o mundo, indicou que algunhas fotos de hoxe captan o movemento expansivo de restos de explosións acontecidas varios milleiros de anos antes de Cristo. Pode darse ó estoupar unha estrela e, como consecuencia, se ve o resto do gas que vai expandendo ó universo os restos do seu interior. Unha destas explosións retratadas vai ser unha das fotos do calendario do Proxecto Ceos Galegos do vindeiro ano 2021. Como agasallo ós asistentes, Veiga repartiu calendarios deste ano 2020 para que, na casa, se poida gozar da imaxe de José PS na que amosa o ceo a xirar ó redor da Estrela Polar, sobre o faro de Cabo Home, en Cangas do Morrazo.

Curiosidades da Estación Espacial Internacional

A charla de onte de Desi Veiga foi un continuo descubrimento de detalles sobre o ceo mesmo da Estación Espacial Internacional que convidaron á reflexión como o dato de que “dende hai 20 anos, non tódolos homes viven sempre na Terra”, en alusión ós e ás astrounatas que pasan tempadas na “cidade” interestelar. Ademais, Veiga amosou varias fotos nas que se ve a Estación Espacial a pasar por diante do sol ou doutros elementos celestes. Indicou que cada certo tempo a EEI ten que volver ser empuxada para riba xa que a súa tendencia é a caer cara a Terra ó situarse tan preto dela, a diferencia dos satélites artificiais que sempre teñen unha órbita fixa que os mantén.