Oriana Méndez (Vigo, 1984) recibiu onte o XVIII Premio de Poesía Afundación nun acto no que recitou algúns poemas da súa obra gañadora, “Interna”, que está xa a chegar ás librarías e que conta coas ilustracións de Ramón Trigo. No evento, participaron, entre outros; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar.Oriana Méndez, concelleira de Marea en Vigo na actualidade, ten no seu haber o Premio de poesía Concello de Carral (“O que precede a caída é branco”); e o Premio Rosalía de Castro de Poesía (“O corazón pronúnciase extenso”).

–Cal foi a faísca que deu pé ó poemario?

–Si, sempre existe ese punto que o desata, nós imos escribindo na cabeza, e hai unha faíscaque desata a escritura real. Penso que tivo que ver co confinamento, con todo o proceso que se desencadeou e a conciencia máis ou menos presente de estar vivindo unha pandemia. Iso provocou que eu me puxera a escribir sobre algo no que viña pensando: o proceso de caída dun tempo, de desaparición de determinados aspectos do mundo tal e como eu os coñecía. O libro ten que ver co paso do tempo.

–Pensa no lector cando escribe?

–É inevitable, é irremediable a presenza activa do lector, forma parte dalgunha maneira do proceso. No proceso de escrita, a autora o autor pode pensar máis ou menos conscientemente no lector; pero no proceso literario, como en todo acto comunicativo hai unha mensaxe con emisor e receptor, a presenza activa dos lectores e lectoras é activa, sen elas o acto literario non está completo.

–Móvelle a vostede o mesmo a escribir agora que ó inicio?

–Penso que segue sendo o mesmo, unha certa vontade de experimentar coa linguaxe, pero antes falabamos do paso do tempo e por tanto tamén dalgunha maneira como eu afronto o proceso de escrita que foi mudando, madurando.

–Foi difícil dar un chimpo das anteriores obras, máis de carácter político, a esta?

–Non foi difícil, viu dado polo que acontecía. De todas maneiras, gustariame precisar que a escrita política non é só aquela que parece de xeito evidente política; a política está en todo. Tampouco pretendín facer das miñas experiencias, dos meus sentimentos, poesía; decidín internarme nun universo que ten que ver coa caída e coa perda.

–Que cousas lamentaría perder?

–Non hai lamento. Eu son unha persoa e autora optimista; detrás do que se extingue hai sempre unha forza da natureza que volve chamar pola vida, quizais sexa ese outro libro, non o sei, non escribo nin percibo dende o lamento. A vida sempre se abre camiño e iso é emocionante, porque podemos construír de novo.

–No último mes e medio, as letras galegas recibiron dous Premios Nacionais para poemarios en galego de Olga Novo e Alba Cid, que opina desta feliz coincidencia?

–Gonzalo Hermo xa falou disto nas redes. Eses recoñecementos rebelan que non se pode seguir facendo oídos xordos dende as instancias de calquera goberno ó recoñecemento da calidade da poesía galega. Nestes momentos é innegable, a poesía galega é irremediable.

–Dálle a le-los seus poemas a seu pai, Méndez Ferrín? Respóndelle con vehemencia ou con crítica?

–Si que lle amoso a miña poesía, fágoo coas persoas cercanas, coa miña nai. Non hai conflito. É máis pai ca crítico comigo.

–Deulle medo que a compararan con el?

–Esa reflexión cruzouse cando empecei a escribir e superei ese conflito coa escrita. O feminismo ensinounos que iso de “as fillas de, as mulleres de” está sobrepasado. Hai que sobrepoñerse ó xuízo. Eu fago a miña vida grazas a meu pai e a pesar del.

–Cústalle revelar os seus sentimentos a través da poesía?

–Non me interesa un intimismo figurativo, é dicir, trasladar a realidade tal cal é ou cales son os meus sentimentos. A poesía é outra cousa, unha forza de creación, ogallá sexamos capaces de crear algo novo, non de recrear os nosos sentimentos.