“O vínculo ente nenos e maiores é máxico e é o que máis temos que cultivar, aí está o verdadeiramente importante da vida”. Así o defendeu onte no Club FARO Xulia María Barros, terapeuta e escritora que vén de publicar “A árbore dos vagalumes”coa editorial viguesa Belagua.

Presentada pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, Xulia Barros adentrouse na súa última obra, destinada ás familias; mentres o presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (AFAGA), Juan Carlos Rodríguez, explicou que, precisamente, algúns dos proxectos con máis éxito que viña desenvolvendo a organización antes da pandemia do Covid-19 eran aqueles que traballaban o encontro interxeneracional de nenos ou adolescentes con maiores.

“Unha das cousas básicas é a interxeneracionalidade. Hai que traballar cos pequenos para ter unha sociedade onde primen o respeto e os valores”, salientou Rodríguez. Os máis novos da casa, continuou, “deben saber que se deben implicar no coidado día a día” dos maiores.

Unha desas iniciativas que desenvolven dende Afaga é a historia da gaivota Carlota cuxa avoa perdeu o seu álbum de fotos. A ave pequena únese cos nenos para ir por Vigo cos maiores de Afaga na procura de imaxes para un novo álbum da avoa de Carlota. “Os nenos e usuarios ían a sitios significativos da cidade e sentíanse identificados. Dous anos despois de empezar esta actividade, son como netos e avós, eses nenos crecen asumindo a discapacidade dunha maneira diferente”, opinou.

No caso dos adolescentes, recoñeceu que o rango de idade que rodea os 16 anos é máis “complicado” porque “non queren saber dos avós” pero nas charlas que imparte Afaga logran, mediante a explicación de situacións persoais de doentes, que finalmente os mozos e mozas comprendan situacións familiares difíciles a raíz dunha incapacidade, alzhéimer, demencia ou outra doenza dun maior da casa para involucrarse máis no fogar.

A poeta e narradora Xulia Barros, pola súa parte, apostou por que lles deamos ós nenos “as posibilidades para crecer. Se conseguimos formar nenos cun alto nivel de conciencia imos ter un mundo mellor. O primeiro nivel de conciencia empeza” por admitir e comprender que “o outro é igual ca min”.

Sen embargo, Barros lamentou que “o que lles ensinamos agora ós nenos é que teñan cartos, que cheguen a ricos pero a maioría de nós os que chegamos a unha idade dámonos conta de que o importante da vida son outras cousas como poñerse debaixo dunha figueira a escoitar un conto marabilloso mirando para o ceo ata que te dormes; e cando es maior gustariache estar nun sitio onde teus netos estiveran cerca de ti e non en sitios onde te aparten da familia. Para min, é antinatural salvo casos determinados”.

O libro “A árbore dos vagalumes” presenta a relación dun avó co seu neto. Este home maior comeza a estar enfermo de alzhéimer pero aproveita para traspasar ó neto parte da súa ciencia de vida.

Trátase, explicaba Xulia Barros onte, “dunha persoa auténtica na busca de valores” que ensina o seu libro do saber da natureza ó seu neto. Precisamente, a escritora voltou a facer outra proposta: que pasa se lle prestamos atención ó que sentimos?”.

Para conectar coa súa propia historia persoal, Barros situou a narración en Cesantes, Redondela, a parroquia marítima onde se atopa a illa de San Simón. Para a autora, non debemos esquecer que supuxo a illa no franquismo e debemos transmitirllo ós pequenos da familia. Para ela, na remodelación do enclave, non se deberon borrar as pegadas da Guerra Civil e posguerra como as marcas de balas.

“Vimos a este mundo para ser construtores, non depredadores”

Para a escritora Xulia María Barros (autora de obras como “A árbore dos vagalumes, editada por Belagua; “Carne y ceniza” ou “Cumba Maxia da Terra), os humanos “vimos a este mundo para ser construtores, non depredadores” polo que defendou o respeto pola naturaleza cuxos misterios deberían ser revelados polos maiores ós nenos da familia. Só así poderán estes atesourar este coñecemento e despois transmitilo ós seus netos sen que se perda a mensaxe dos antergos e da comunidade.

“Se lle ensinas a un neno que vai ser un tolo, vaino ser toda a vida”

A terapeuta Xulia María Barros tamén fixo fincapé na necesidade de ter coidado á hora de trata-loos nenos e de afronta-la súa forma de ser e os seus soños. Para ela, os maiores –coma o avó do seu último libro– deben axudar os pequenos a facer realidade os seus soños facilitándolles un pequeno empurrón. Indicou que a linguaxe e o trato que empregamos con eles van ser decisivos: “Se lle ensinas a un neno que vai ser un tolo, vaino ser toda a vida”.

“Non hai que dar todo feito ós nenos”

Non obstante, aclarou que só se lles debería axudar ou guiar pero non acostumalos a estar acomodados. “Non hai que darlle todo feito ós nenos”, aconsellou porque só así aprenderán a endereitar o seu camiño, a ser eles mesmos donos do seu facer. Esa luz para que fagan realidade os seus soños pode chegar da man dos libros, da literatura, de aí a importancia de adentra-los pequechos na maxia desta arte das letras e dos pensamentos. Barros mesmo compartiu lembranzas da súa infancia coa audiencia apuntando que, de pequena, non había libros na súa casa, ben, só os vencellados á misa, polo que cada vez que se adentraba na biblioteca de Redondela, para ela era como “entrar no paraíso”.