“Temos potencia creativa abondo” para reinventarnos. Foi unha das principais ideas que trasladou onte o presidente da Asociación Galega de Editores, Xosé Ballesteros, quen realizou o discurso oficial da Gala dos Premios do Libro Galego. Ballesteros falou en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarí́s de Galicia (FLG).O evento, presentado por Quico Cadaval, outurgou os seus galardóns a diferentes referentes da cultura galega, entre eles Suso de Toro e Susana Sanches Arins.

Debido ás normas de distanciamento e celebración de eventos públicos para conter a expansión do Covid-19, a gala realizouse en formato virtual. Os galardoados pregravaron vídeos nos que deron as grazas polos premios.

Estas distincións –que contaron tamén coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago maila Deputación da Coruña– teñen como fin recoñece-lo máis salientable da produción editorial galega.

Na área de ensaio e investigación, “Dentro da literatura”, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia) fora a gañadora. No caso de Divulgación, o libro premiado foi “A que cheiran as cores?”, unha guía para coñece-lo cerebro escrita por Juan Casto Rivadulla Fernández e publicada pola Editorial Galaxia.

Na narrativa, este ano “Seique”, que xa vai pola súa segunda edición ampliada, foi a gañadora. Esta obra pertence a Susana Sanches Arins e foi publicada por Através Editora. “O xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar”, destacou a organización.

En infantil, o libro gañador foi “A tartaruga Amodovou”, de Paula Carballeira (Oqueleo); en xuvenil, “Os corpos invisibles”, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia).

No caso do libro ilustrado, “Irmá paxaro”, de Tamara Andrés e coas, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno) foi o que se fixo coa distinción. Sen embargo, o mellor libro de banda deseñada foi “A chaira”, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial).

En canto á iniciativa bibliográfica, “Castelao. Construtor da nación” Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago) foi o gañador.

No apartado de tradución, o xurado déralle o galardón a “Frankenstein ou o Prometeo moderno”, de Mary Shelley, traducido por Samuel Solleiro (Aira Editorial).

En poesía, a gañadora fora Olga Novo por “Feliz Idade”, de Kalandraka Editora; mentras que en teatro, “Citizen, Grupo Chévere “ de (Kalandraka Editora levou o premio.

Pola súa parte, o libro mellor editado foi “Fosforescencias”, de Lupe Gómez que contou con ilustracións de Anxo Pastor. Esta obra fora editada por Alvarellos Editora. O xurado salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.

En canto ós premios ás traxectorias, a distinción á mellor iniciativa cultural ou fomento da lectura foi para a Libraría Chan da Pólvora polo labor que realizou a favor da poesía e da lectura.

Como proxecto literario na rede, o galardón foi para Kalandraka TVpor promociona-la lectura a través desta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos das persoas lectoras máis novas.

Por último, María Yáñez recolleu o premio ó xornalismo cultural, por unha traxectoria brillante loitando pola cultura do país a través de diferentes medios impulsados por ela.