A ilustradora e profesora no IES María Soliño de Cangas Luz Beloso lamentou onte no Club FARO que se lle dáea“moi pouco valor e peso á arte no sistema educativo”. “Algo estamos facendo mal”, engadiu, polo que avogoupor amplia-lo número de horas destinadas ó debuxo é a expresión artística nos centros de ensino, especialmente en Secundaria onde as horas impartidas nesta materia son reducidas.

Beloso participou no Club co escritor vigués Miguel Alonso Diz co que ten editado diversos libros como “O cullarapo Croque”, “Piratas no recreo”, “O soño de Esther” ou “A nena á que non deixaban ser feliz”. Diz explicou que a decisión de deixa-las artes a unha beira do proceso educativo ten a súa raíz na revolución industrial cando se deseñou unha educación dirixida a crear obreiros que obedecesen e colocasen parafusos e non pensasen.

Tanto Diz como Beloso falaron do seu último álbum ilustrado que saiu á luz este mesmo ano baixo o título de “Unha folla vermella”.

Precisamente, neste último abren a mente do lector cara o proceso de creación cunha ollada crítica. Este foi o punto de partida do seu coloquio, que moderou o editor, profesor e tamén ilustrador Kiko da Silva.

Este creador contextualizou a materia ó subliñar que “Galicia ten bos editores pero un mercado cativo”. Explicou que en España a tiraxe media dun libro sitúase entre o milleiro e os 1.500 exemplares. Para el, trátase dunha cifra reducidísima que se debe ós baixos índices de lectura, entre outras cuestións.

Para que a audiencia o entendera mellor, detallou que en España de cada libro vendido a un prezo de dez euros, o autor saca un euro para o seu peto ou conta corrente. Esas contías non teñen nada que ver coas manexadas no mercado francés.

No estado galo, ó ter maiores índices de lectura, as tiraxes son mínimo de 25.000 exemplares. “Aquí, considérase unha obra best-seller cando chega ós 5.000 libros vendidos; en Francia, ten que supera-los 500.000 exemplares. Por iso, en España é tan difícil vivir da literatura”, reflexionou.

Kiko da Silva preguntou a Miguel Alonso e a Luz Beloso pola pulsión da súa creatividade, por que necesitan contar historias. No caso de Alonso Diz, o poeta lamentou que “a creatividade non se ensina moito ós rapaces; xa nos encargamos nós na casa de cortarlla”. A continuación, engadiu que o que procura el cos seus libros é “contar algo para transforma-lo mundo”.

Diz engadiu que non se trata só de “comunicar cun fin meramente estético”, obxectivo este que non cualificou como “malo”. Pero, no seu caso, nas obras con Beloso sempren buscan chegar ás nenas e nenos e ás súas familias para facerlles reflexionar sobre realidades sociais.

Por exemplo, na última entrega, “Unha folla vermella”, explicaron Diz e Beloso que critican determinada produción editorial cando “a creatividade está supeditada á produción en masa”. Ó respecto, Alonso Diz recalcou que “a venda non é o obxectivo; é a consecuencia”.

Os dous autores tamén tiveron palabras para o crowdfunding. Eles foron pioneiros no país galego no emprego das ferramentas de micromecenazgo como Verkami para conseguir edita-los seus libros. Miguel Alonso explicou que se se decantaron polo crowdfunding porque as editoriais ás que acudiran sinalaban que os álbumes ilustrados que presentaban non tiñan mercado. A posibilidade de presentarse a premios tampouco lles pareceu unha opción viable. “Se nos guiaramos polo mercado, o libro ‘O cullarapo Croque’ non tivera existido”, sinalou Diz quen resaltou que as súas obras editadas en galego saen fóra de Galicia a casas onde non entrara antes un libro na lingua de Rosalía ou Castelao.

Honestidade, traballo, ilusión e constancia para o traballo escrito

Os autores Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso explicaron onte que, para adicarse á escrita e á ilustración de obras editoriais fai falla honestidade (e con esta palabra Diz lembrou á poeta María do Carme Kruckenberg, viguesa coma el e xa finada), traballo, ilusión, constancia e non desanimarse. Beloso confesou que “eu teño traballos metidos no caixón; pode pasar que non todo o que fagas acabe sendo publicado” polo que animou a non desanimarse. Os dous creadores tamén falaron da importancia das librarías e da distribución. Como exemplo, Diz puxo o da libraría Miranda en Bueu polo seu traballo á hora de visibiliza-lo libro en galego no local, facéndoo chamativo dende o escaparate. Por iso, tanto Alonso como Diz procuran traballar e move-las súas obras entre librarías que mimen o produto en galego, que non o deixen morrer de esquecemento no andel situádoo de canto e a 1,90 metros do chan, lonxe das olladas e das mans dos cativos ós que van dirixidos.

A importancia dos booktrailer para a difusión

Beloso e Alonso Diz recoñeceron que hoxe en día hai ferramentas audiovisuais como a realización de booktrailers (vídeos especiais para promocionar libros) que axudan a dinamiza-lo interese dos lectores polas obras. De feito, un dos booktrailers que realizaron levou un premio nunha edición do Festival de Cans, como lembaron onte no Club FARO. Segundo eles, as editoriais deberían recurrir máis a este tipo de ferramentas para fomentar máis a lectura das súas obras. Ámbolos dous tamén falaron do xeito que teñen de traballar, xuntos dende o primeiro xermolo da obra. Trátase dunha rara avis no panorama editorial onde ás veces a persoa ilustradora e a que escriben chegan a coñecerse despois de remata-lo libro. Por último, hai que destacar que Beloso resaltou a “felicidade” que sente cando conecta cun traballo de ilustración que lle saca horas de soño.