Os anuncios das farmacéuticas Pfizer e Moderna de que teñen moi avanzadas as súas vacinas contra o coronavirus espertaron nas últimas semanas unha emoción próxima á euforia. Pero os sanitarios son escépticos, e temen que aínda queden moitos meses de pandemia.

A médica María Gayoso Couce e a enfermeira Ana Romero Cardalda, profesionais ambas as dúas do Hospital do Salnés, participaron onte no coloquio, “A importancia dos coidados sanitarios”, organizado polo Club FARO e a Diputación de Pontevedra no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Aínda que iniciaron as súas intervencións explicando as súas orixes profesionais -que son tamén as orixes do hospital comarcal arousano-, e resaltaron a importancia de proporcionar ás persoas doentes uns coidados humanos, as referencias ao Covid-19 fixéronse loxicamente inevitables.

“A vacina non vai ser a salvación, en primeiro lugar porque haberá moita xente que non queira vacinarse. Polo de agora, nin sequera temos claros os efectos secundarios que poida ter”, manifestou María Gayoso na parte final dun ameno debate que foi presentado pola presidenta da Diputación, Carmela Silva e polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. “Eu penso que a máscara chegou para quedar. Non a imos quitar máis, polo menos no ámbito sanitario, porque despois disto haberá outras infeccións. Eu non vexo a fin tan preto, e creo que cando menos nos quedan outros dous anos de extremar os coidados”, engadiu Gayoso a preguntas dunha das asistentes ao acto.

A súa compañeira na conferencia, Ana Romero, también se esforzou por enfriar a euforia ante un eventual fin da pandemia, que pode causar que os cidadáns se relaxen no cumplimento das normas. “Sentidiño, por Deus. Agora non lle podemos botar as culpas ao Goberno. Eu nas portas dos colexios sigo vendo aos pais todos xuntos... A vida social é moi importante, pero agora non é o momento. Esta ola está sendo moi complicada, e pódesenos ir das mans”. “Fagámonos á idea agora de que a máscara é como os zapatos”, engadiu a enfermeira arousana.

Romero apuntou que, “temos que aprender a convivir co becho, igual que facemos coa gripe, que vai e vén todos os anos”. Para ela, non é momento de sentir nostalxia, “da vida de loucura e desenfreo que tiñamos antes”, senón de asumir e saber apreciar outros valores. “Coa pandemia aprendemos a vivir máis na casa, a pasar máis tempo coa familia. Tamén é bo”.

Iso si, as sanitarias advirten da diferencia entre familiares e convivintes, ata o extremo de que Maria Gayoso rematou o acto cun chamamento doloroso, pero quizais necesario. “No Nadal quedade na casa. Non vaiades á casa dos pais. Non pasa nada por facelo así un ano”.

Ensinanzas da pandemia

Carmela Silva abriu o acto salientando que, “esta pandemia nos ensinou moitas cousas”. “Ensinounos que somos vulnerables, e que formamos parte dun ecosistema que temos que coidar, porque esta pandemia deriva da perda de biodiversidade do planeta”.

A presidenta da Diputación subliñou tamén que a crise sanitaria amosoulle á sociedade, “que os coidados son o centro da vida”. “Démonos conta de que o máis importante era aquilo que sempre fixemos as mulleres e ao que nunca se lle dera valor”. Finalmente, salientou que o Covid-19 puxo de manifesto, “a importancia do Estado de Benestar e do dereito a unha sanidade pública, gratuita e universal”, ao tempo que censurou con dureza os recortes nesta materia.

Alberto Varela, pola súa parte, apelou ao compromiso e a solidariedade dos cidadáns. “Os sanitarios recibiron os aplausos dende os balcóns, pero tamén precisan comprensión. Os coidadores tamén necesitan ser coidados. Temos que coidarnos todos para non meterlle máis presión ao sistema sanitario”.

A obriga legal de coidar aos pais

María Gayoso estudou Medicina, “porque tiña a necesidade de adicarme a algo no que me puidese sentir útil”. Ana Romero lembrou que o seu pai -presente onte na sala- era soldador, e que adoito chegaba á casa con algunha queimadura. “Era eu a que lle facía as curas con Betadine”. Tanto Gayoso, que é médica do servicio de Hospitalización a Domicilio (HADO) e do de coidados a pacientes paliativos, como Romero, que é enfermeira da primeira planta do Hospital do Salnés, coincidiron en que o seu traballo vai moito máis aló de diagnosticar unha doenza ou administrar un fármaco. “Acompañar emocionalmente aos pacientes é fundamental, que se sintan queridos e tidos en conta”, sinala María Gayoso, para lembrar inmediatamente que, “o apoio emocional que lle podemos dar os profesionais a un enfermo non é o mesmo que lle pode dar un fillo ou un sobriño”. A médica tamén abriu unha ventá á reflexión ao sinalar que a sociedade ten perfectamente interiorizado que o coidado dos fillos é unha obriga legal, pero que sen embargo a miúdo se esquece de que, “tamén estamos obrigados legalmente a coidar dos nosos pais, se eles o precisan”. Ana Romero, pola súa parte, lamentou a minusvaloración social do traballo das enfermeiras. “¿Quen está en Fin de Ano cun paciente que sinte dor? ¿Quen queda con el os domingos, os festivos?”. “Os coidados son moito máis que darlle un Nolotil e tomarlle a temperatura a un doente. Os coidados son collerlle a man e preguntarlle como está”. Neste senso, manifestou que nos planteis dos centros de saúde e dos hospitais debería haber psicólogos clínicos, para botarlle unha man aos enfermos graves e axudalos nos intres máis duros.

Sen máscaras FFP2 no Hospital

Ana Romero queixouse de que o sergas só lles proporciona máscaras FFP2 aos sanitarios da planta Covid, sen ter en conta que os demais tamén poden entrar en contacto con pacientes asintomáticos ou aínda non diagnosticados. “Seguimos sen estar ben protexidos”. As máscaras FFP2 protexen máis do coronavirus, e os sanitarios pídenas ao ser a súa unha profesión de alto risco de contaxio.