“Hai un discurso que existe, que está presente, que quere tomar corpo e forza, no que se nos di que as decisións que tomamos as mulleres son libres e polo tanto, benvidas sexan, en temas como a prostitución, os ventres de alugueiro ou na cousificación dos nosos corpos. Pero non é certo”. Con esta contundente declaración de intencións a presidenta da Deputación, Carmela Silva abriu este xoves a xornada “Libres? A cousificación do corpo das mulleres” que impulsou telematicamente a Escola de Igualdade María Vinayls e na que participaron como poñentes Anais Bernal, Yolanda Domínguez, Rosa Cobo e Carmen Delgado moderadas por Silvia Pérez Freire.

Ante un auditorio online de máis de 400 persoas, de diferentes puntos do Estado, a presidenta provincial destacou que estamos “ante un debate imprescindible” porque vivimos unha “falacia da liberdade” ante a que é preciso “reflexionar para que non se manipule nin cousifique a nosa posición no mundo”, situando á igualdade “como o centro do debate”.

A psicóloga e profesora universitaria Carmen Delgado, vinculada á Rede Académica de Estudos de Prostitución e Pornografía, centrouse na “Violencia contra as mulleres: entre a negación e a banalización”. “É fundamental explicar os factores estruturais que explican a violencia contra as mulleres, un fenómeno que dadas as súas dimensións debería ocupar un espazo importantísimo e mesmo incorporarse nos currículums formativos”, indicou.

Pola súa banda Rosa Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía e profesora de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña, centrouse na “Pornografía. O pracer do poder”, asegurando que “temos que descifrar o porno dende o feminismo e poñer de manifesto o vínculo estreito que ten co sistema patriarcal, pese a que as capas discursivas pretenden ocultalo”.